Galicia luce sete bandeiras negras

Alcoa, o porto exterior da Coruña, a praia do Salgueirón en Cangas e Ence son algúns dos puntos máis contaminados e explotados do litoral estatal, segundo un novo informe de Ecoloxistas en Acción.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 14/06/2016 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

Andalucía, Galicia, Comunidade Valenciana e Cataluña son as comunidades autónomas do litoral que encabezan a clasificación de 'Bandeiras Negras 2016' que cada ano realiza Ecoloxistas en Acción para denunciar as zonas de baño con peor estado ambiental, así como as actuacións irresponsables das administracións, que puxeron en perigo o litoral ou o destruíron.

Obras no litoral ao carón da antiga fábrica de Massó en Cangas, preto da praia do Salqueirón
Obras no litoral ao carón da antiga fábrica de Massó en Cangas, preto da praia do Salqueirón

A organización presentou este martes en rolda de prensa o informe 'Bandeiras Negras 2016' que destaca o mal estado de 10 zonas de Andalucía, seis en Galicia e Comunidade Valenciana, respectivamente e cinco en Cataluña. A estas séguenlle País Vasco e Canarias, con dúas praias con crespón negro cada catro e séguenlle Murcia, Asturias, Baleares, Cantabria e Melilla.

Así, as bandeiras negras de Galicia por contaminación repártense en: a ría de Ferrol (A Coruña); Alcoa en San Cibrao, Cervo (Lugo), e o complexo industrial de ENCE na ría de Pontevedra. Por mala xestión están o porto exterior en Punta Langosteira (A Coruña); o urbanismo na Mariña lucense (Lugo) e a praia de O Salgueirón, en Cangas (Pontevedra).

Sobre a ría de Ferrol sinala "a falta dunha depuración eficaz", cun nivel "alarmante de contaminación", onde indica que "o aumento do desemprego nas zonas que viven das rías está relacionado coa contaminación e a non depuración das augas".

No tocante a Alcoa en San Cibrao a fixa no "cuarto posto da empresa máis contaminante de Galicia", con verteduras de sosa cáustica que "afectan á saúde das persoas e do ámbito mariño".

Obras do Porto Exterior da Coruña
Obras do Porto Exterior da Coruña | Fonte: galicianaves.com

O porto exterior da Coruña é para Ecoloxistas en Acción un "caso flagrante de gasto nunha zona onde xa ten un porto exterior", cun custo que na actualidade ascende a uns "1.000 millóns" e que "non ten apenas tráfico portuario", o que vai "unha verdadeira vergoña nun país coa poboación envellecida e onde a xente debe emigrar". "Converteuse na obra máis cara de Galicia e aínda non está claro que poida rematarse e que conte con mercado para funcionar a pleno rendemento", recrimina a ONG.

Así mesmo, pon o foco sobre o estado da praia na zona do Salgueirón, en Cangas (Pontevedra), cunha "alteración" da "liña da ribeira do mar que figura no vixente deslinde marítimo terrestre". "Esta alteración constitúe un recheo para o que non existe soporte legal ningún", engade.

O urbanismo da Mariña lucense é para esta organización un "modelo do que non hai que facer", con Barreiros como exemplo, unido a Foz, San Cibrao, Viveiro e O Vicedo, marcado por unha "paisaxe destruída, urbanizacións fantasma, vivendas a medio construír abandonadas e un longo etcétera".

Ecoloxistas en Acción mostra especial atención no seu extenso informe ao complexo de ENCE e Elnosa, na ría de Pontevedra, que "é responsable da contaminación do aire e do mar" da zona, á vez que "inflúe na saúde das persoas e do medio natural".

"Ocúltase que as verteduras das fábricas do complexo industrial constitúen un dos principais problemas da ría de Pontevedra e poñen en perigo a pervivencia dos recursos pesqueiros e marisqueros da zona", sentenzan.

Ao fío de isto, carga contra a decisión do Goberno en funcións de ampliar a concesión de ENCE ata 2073 como un "atentado contra os intereses xerais e ambientais", á vez que recorda as diversas mobilizacións en Pontevedra contra a pasteira, mentres a Xunta "facendo oídos xordos ao clamor do pobo apostou e apoiou a ampliación da concesión".

Planta de Alcoa en Lugo
Planta de Alcoa en Lugo | Fonte: elnuevofarodetapia.blogspot.com
Ence, dende a praia de Lourido
Ence, dende a praia de Lourido | Fonte: Diego Portela en Flickr.
Planta de Reganosa en Mugardos
Planta de Reganosa en Mugardos | Fonte: www.gnlglobal.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 CVo

http://www.lavozdegalicia.es/notici... Ë unha vergoña eso de ecopraia, tendo ALcoa xusto ao lado.....