(Vídeo) Visitamos o Pazo de Goiáns: o corazón durmido do Barbanza cuxa historia sentou as bases da comarca

A vida fidalga, o patrimonio natural e a arquitectura sobria conviven nun dos recunchos máis singulares e fermosos do Barbanza. Á sombra de sobreiras centenarias, este espazo de pedra e salitre garda a esencia dunha Galicia fonda e silenciosamente resistente.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai lugares que semellan vivir fóra do tempo. Espazos onde cada pedra conta unha historia e cada sombra leva consigo o rastro dunha época xa esquecida. No corazón do Barbanza, preto das augas calmas da enseada do río Coroño, o Pazo de Goiáns dorme entre carballos centenarios, lembranzas de fidalgos e muros de cachotería cubertos de musgo. A súa silueta sobria e discreta, lonxe dos alardes doutras arquitecturas señoriais do litoral galego, agocha un mundo complexo de simbolismos, vida e poder. Hoxe, a través da súa recuperación e posta en valor, Goiáns busca reconectar cun pasado que define parte da identidade de Boiro e de Galicia enteira. Mais para comprendelo, cómpre mergullarse na súa historia, percorrer os camiños que van dende os lagares ao embarcadoiro, deterse ante os seus muros e escoitar, porque este é un lugar que fala sen levantar a voz.

Pazo de Goiáns, en Boiro
Pazo de Goiáns, en Boiro | Fonte: GC

UNHA FINCA MONUMENTAL E SOBRIA, CARGADA DE HISTORIA

A finca de Goiáns ocupa unha superficie próxima aos 120.000 metros cadrados cercada cun peche perimetral de case 2.000 metros, que limita ao sur coa enseada do río Coroño. No seu interior acolle numerosos elementos de interese, entre eles os espazos de valor arquitectónico e cultural. Destaca a torre anexa á residencia pacega, símbolo para Boiro e como tal, incorporado ao seu escudo. A residencia fidalga presenta unha planta curiosa en forma de L, moi sobria, afastada dos canons dos pazos do litoral. Outros dos elementos deste conxunto son a capela, os lagares, o pombal, o hórreo ou as pesqueiras e os peiraos da enseada do río Coroño, que ofrecen unha imaxe completa da vida nobiliaria galega dende a Idade Moderna ata o século XIX.

A historia documentada da Casa de Goiáns comeza en 1552, cando se establece como morgado da man da familia Mariño, intre no que o seu patrimonio quedou vencellado indisolublemente a esta familia, é dicir, que as propiedades vencelladas ao morgado non se podían dividir, herdadas habitualmente polo primoxénito. Os Mariño, como fundadores do morgado, lograron medrar socialmente grazas a un proceso de ampliación patrimonial cimentado na acumulación de rendas agrarias por diferentes vías: dotes, compras, herdanzas e, entre as máis importantes, contratos forais. A escritura máis antiga destas últimas, subscrita por membros deste liñaxe da que hai constancia no arquivo que foi da casa de Goiáns ten data de 1321.

Trátase dun foro do mosteiro de San Paio de Antealtares en virtude do cal Pedro Pelas Mariño e o seu fillo Pelaio (ou Palo) Mariño recibiron vitaliciamente o dominio útil, o usufruto dun conxunto de casais en diferentes freguesías --Santa María de Olveira, San Vicenzo de Cespón, San Mamede de Carnota...--, entre outros o de Carreira --na parroquia homónima do actual concello de Ribeira-- e a metade da illa de Sálvora. En verbas do investigador Vázquez Lijó, cómpre supor que os ascendentes dos fundadores do morgado tivesen solar no lugar de Goiáns na primeira metade do século XIV, pois daquelas este topónimo comeza a identificalos de xeito nominal e familiarmente.

Pazo de Goiáns, en Boiro
Pazo de Goiáns, en Boiro | Fonte: GC

Por ese anos, documéntase a participación dun Ares López de Goyanes en convocatorias de cabaleiros da Terra de Santiago, e en 1369 á fronte da casa atopábase Vasco López de Goyanes, que foi requirido polo arcebispo don Rodrigo de Moscoso para servir coas súas armas en Sevilla. Durante o século XVII fortalécese o patrimonio do inmoble da casa de Goiáns, do seu dominio de centenares de ferrados espallados por múltiples parcelas ao longo e ancho do Barbanza, cuxa explotación foi cedida, xeralmente en foro, a labregos desta bisbarra, á vez que os detentores da liñaxe, os Varela de Goyanes, reforzan o seu prestixio e a súa preeminencia social.

O ABANDONO E A RECUPERACIÓN

Coa chegada do século XVIII a casa de Goiáns pasa a ser señoreada pola liñaxe dos Caamaño, sendo o derradeiro señor de Goiáns, Juan Antonio Caamaño que é nado e falece no pazo; a partir do cal comeza o declinar como residencia nobre, e xa nos estertores do Antigo Réxime, remata deshabitado sendo unicamente residencia ocasional, converténdose nun simple centro de administración de rendas. A finais do século XIX a finca e Pazo de Goiáns quedarán divididas entre dúas familias ata que na década dos 70 don Joaquín Otero Goyanes volve facerse con toda a propiedade. O Pleno da Corporación boirense, en sesión extraordinaria, o 27 de agosto de 2010, adoptou o acordo de adquirir a propiedade á entidade Cecosa Hipermercados S.L. por un importe de 4 millóns de euros con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, coa finalidade de destinalo a museo e centro cultural, xardín botánico e museo do mar.

A CONTORNA DO EMBARCADOIRO E AS 'PESQUEIRAS'

En Goiáns o uso das 'pesqueiras' --unha especie de presa construída na ribeira do curso dun río, dende onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar-- era visto coma unha mostra do poderío social e económico que posuían os donos do pazo. Empregábanas como medio para garantir un cómodo abastecemento alimentario para as despensas dos señores. A pesar diso, o pescado obtido destinábase principalmente a alimentar ao servizo. Os señores, grandes degustadores de pescados e mariscos, enviaban aos seus maiordomos ao mercado para satisfacer a demanda dos seus alimentos. As 'pesqueiras' de Goiáns son zonas en forma de U cerradas por muros construídos en cachotería que permitían, cando subía a marea, a entrada de peixes que quedaban atrapados na baixamar.

Foron obxecto dunha fonda reconstrución a comezos do século XIX, xa que non cumprían a súa función ao estar danada unha parte. A excepcional situación da finca de Goiáns no litoral costeiro fixo que o mercado marítimo do pazo co exterior fose de grande importancia. A principal función do embarcadoiro foi a carga e descarga de mecadorías, pero tamén foi un elemento indispensable para a actividade de ocio dos señores e os seus convidados que facían viaxes de placer polo estuario e o litoral da ría de Arousa. O estuario non foi só un escenario lúdico, senón que foi un espazo produtivo no que chegou a haber un viveiro de ostras --dende a Pedra de Aroña ata a Pedra de Sartaña-- que se vendían por milleiros.

UN PATRIMONIO NATURAL E BOTÁNICO ÚNICO

Na zona da ribeira, carballos de máis de 100 anos xunto con loureiros e enriba do muro, abeleiras e ruscus --un arbusto protexido que dá un froito redondo e vermello, cada vez máis escaso pola presión urbana--. Se continuamos cara os lagares, veremos o freixo de máis de 150 anos e na zona do embarcadoiro, a carón del, temos a maxestuosa sobreira, de máis de 250 anos cun porte inmenso. A presenza destas especies non só aporta un valor ecolóxico excepcional, senón que configuran un ecosistema conxugado entre a man humana e a natureza, típico dos grandes pazos galegos. Estes exemplares son testemuñas dun tempo que pasa con lentitude entre muros de pedra e silveiras que volven medrar: forman parte dun bosque maduro, un dos poucos que subsisten preto do litoral, que convive cunha rede de sendeiros, fontes e zonas húmidas.

GOIÁNS, ENTRE O PASADO E O PORVIR

O Pazo de Goiáns é moito máis ca unha construción antiga ou un conxunto de bens inmobles. É un espello do poder fidalgo, da vida rural e costeira, da economía agraria e da identidade dunha comarca. A súa recuperación, se se fai con respecto, será tamén a recuperación dun xeito de estar no mundo, dunha Galicia pausada, produtiva e fondamente conectada coa terra e co mar. Nun tempo de urxencias, ruído e espectáculo, lugares coma este reivindican a memoria como unha forma de futuro. Cada pedra fala dun tempo no que o valor das cousas medíase pola súa permanencia, e non pola súa rendibilidade inmediata. Cada árbore centenaria é un acto de resistencia silenciosa. E cada sendeiro que se abre entre a vexetación é unha invitación a camiñar doutro xeito: con pausa, con curiosidade, con arraigamento.

Pazo de Goiáns, en Boiro
Pazo de Goiáns, en Boiro | Fonte: GC
Pazo de Goiáns, en Boiro
Pazo de Goiáns, en Boiro | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta