Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 18/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Majedeh Bozorgi, xurista iraniana e doutoranda en Dereito na Universidade de Salamanca, cruzou fronteiras para traer a Galicia unha mensaxe clara: a situación dos dereitos humanos en Irán é crítica, especialmente para as mulleres, e o mundo non pode seguir calando ante a represión sistemática. A súa participación nun congreso sobre dereitos humanos e xustiza global en Galicia converteuse nun acto de denuncia pública. “Participar non é só unha invitación: é un deber legal e moral”, afirma.
Bozorgi é tamén secretaria da Asociación Iraní de Dereitos Humanos en España, investigadora visitante na Universidade de Gante e fundadora dun congreso anual sobre xustiza social e desenvolvemento sostible. A súa traxectoria académica e activista está marcada por unha convicción clara: o Dereito debe ser un instrumento de defensa, nunca de opresión.
“EN IRÁN, A LEI NON PROTEXE, PERSEGUE"
Na súa intervención, Bozorgi deixou claro que en Irán o sistema legal funciona como unha ferramenta de discriminación. “As mulleres iranianas enfróntanse a graves restricións legais: discriminación nas leis de herdanza, divorcio, uso obrigatorio do veo e exclusión da participación política”, explicou. Estas prácticas violan abertamente os pactos internacionais asinados polo propio Estado iraniano.
O punto de inflexión na súa vida chegou coa morte de Mahsa Amini, a moza detida pola policía da moral por non levar “ben colocado” o veo. “A súa morte demostrou que o silencio é complicidade coa opresión. En Irán, cando a lei non te protexe, a única forma de resistir é alzar a voz ante a comunidade internacional.”
A represión posterior ás protestas de 2022 foi brutal. “Centos de persoas foron asasinadas, miles arrestadas. O informe de 2024 do Consello de Dereitos Humanos da ONU cualificouno como crime contra a humanidade. E ademais houbo tortura, execucións arbitrarias, represión de minorías étnicas, relixiosas e de xénero.”
Pero hai formas de violencia menos visibles que tamén preocupan a Bozorgi. “A comunidade internacional presta pouca atención á violación sistemática do dereito a un xuízo xusto e ao uso instrumental das leis de seguridade contra activistas civís. Defender os dereitos, nun sistema así, é unha loita moi custosa.”
AS VOCES IGNORADAS E O TRIBUNAL MORAL DAS REDES
Baixo o lema da mesa na que participou en Galicia, 'As voces ignoradas', Bozorgi sintetizou a situación: “Descríbenos perfectamente: mulleres, activistas e minorías cuxas voces se perden no clamor dos intereses dos poderosos.”
Na súa opinión, a falta de liberdades en Irán obriga a buscar espazos fóra do país. E nese contexto, as redes sociais e os medios independentes fan un papel fundamental: “Na ausencia de xuízos xustos, dicir a verdade e expoñer as violacións dos dereitos humanos é xa un acto de Dereito e de resistencia. As redes convértense nun tribunal moral internacional.”
CANDO A XEOPOLÍTICA TAPA ÁS VÍTIMAS
A activista tamén abordou o papel da xeopolítica e as guerras da rexión. “O conflito no Oriente Medio fai que os dereitos das mulleres e das minorías sexan as primeiras vítimas. Cando aumentan as tensións militares, tamén se intensifica a represión interna.”
Criticou con contundencia os dobres estándares internacionais. “Cando os dereitos humanos se usan como ferramenta política, os valores universais perden forza. E ese silencio, esa inacción, é complicidade coa opresión.”
"NON NOS ESQUEZADES MENTRES ESTAMOS VIVAS"
Majedeh Bozorgi rematou a súa intervención cunha mensaxe contundente e cargada de dignidade, “se as mulleres iranianas tivesen un tribuno hoxe, pedirían ao mundo que non nos esqueza; non só cando nos matan, senón cando estamos vivas e loitamos polo dereito á vida e á liberdade.”
“Para min, a esperanza é a motivación que vexo todos os días nos ollos de mulleres iranianas valentes. A esperanza significa crer que a xustiza, aínda que tarde, se logrará. E eu, como estudante de Dereito e activista de dereitos humanos, considérome obrigada a esforzarme por iso", explica emocionada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.