Do coma ao podio

Vicente Alló, policía ferido de bala hai ano e medio nun atraco en Vigo onde finou a súa compañeira Vanessa Lage, proclamouse campión galego de ciclismo en categoría Elite na Estrada. Manuel Blanco, do Club Ciclista Rías Baixas, primeiro na liña de meta e campión sub-23.

Por gcdeportes | A Estrada | 18/06/2016 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

O ciclismo, a súa grande afección, axudoulle a facer máis rápida a recuperación. Non pasara un mes do tráxico suceso e xa montaba na bici polas estradas do Morrazo. Gustavo Alló estivo seis días en coma inducido tras recibir tres balazos no atraco a un banco de Vigo no que morreu a súa compañeira Vanessa Lage. Foi o 18 de novembro do 2014. Dezanove meses despois, Gustavo Alló, do Club Ciclista Código Atlántico de Cangas, proclamouse campión de Galicia en estrada na categoría Elite na proba celebrada na Estrada.

Vicente Alló, do Código Atlántico, ergue os brazos na meta da Estrada.
Vicente Alló, do Código Atlántico, ergue os brazos na meta da Estrada. | Fonte: Club Ciclista Estradense

Primeiro na liña de meta foi o sub-23 Samuel Blanco, do Club Ciclista Rías Baixas, quen se proclamou campión cun tempo de 3h:22:03. Segundo foi Javier García, tamén do Rías Baixas (entraron da man e non houbo sprint), e terceiro Alejandro Lomba, do Supermercados Froiz, que chegou a 4,33. Os sub-23 coparon os quince primeiros postos da clasificación final.

Os favoritos da categoría Elite marcáronse entre eles e deixaron facer por diante. Nun grupo perseguidor dos seis de cabeza, cando restaban 40 quilómetros, aproveitou para meterse o veterano (42 anos) Vicente Alló, quen acabaría entrando en meta no posto 16º cun tempo de 3h:33:05, a once minutos do vencedor, o que lle serviu para proclamarse campión galego 2016 en categoria Elite. No podio, Alló estivo escoltado por Sergio Míguez (Supermercados Froiz) e Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas), campión da edición do 2015 con remate no miradoiro de Ézaro. Alló, afincado en Cangas, amosouse “moi contento por unha vitoria moi sufrida”.

O Campionato de Galicia, organizado polo Club Ciclista Estradense, disputouse sobre un percorrido de 120 quilómetros, con seis voltas a un circuíto de 20 quilómetros e 51 participantes. Nun primeiro momento, a proba estaba fixada para o domingo 5 de xuño, pero a Federación Galega viuse obrigada pola lei a un troco de data debido á coincidencia con outros eventos na provincia de Pontevedra.

Vicente Alló, nunha homenaxe en Maceda un mes despois do atraco.
Vicente Alló, nunha homenaxe en Maceda un mes despois do atraco. | Fonte: CC Maceda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta