Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2025 | Actualizada ás 18:40
A consellería do Mar presentou este luns alegacións, acordadas co sector, ao borrador de resolución da Secretaria Xeral de Pesca (SGP) que recorta nun 50 % os topes de captura de sardiña para a frota de cerco, racú e piobardeira. O Ministerio de Pesca modifica a resolución do pasado mes de marzo pola que se declara o inicio da pesqueira da sardiña ibérica ('Sardiña pilchardus') en augas ibéricas da zona CIEM 8c e 9a e determinadas medidas de xestión para os buques destas frotas no caladoiro nacional cantábrico e noroeste para o 2025.
Mar critica que esta decisión "compromete a rendibilidade e estabilidade socioeconómica da frota cando o consumo de cota aínda está no 80 %". Así, solicita adiantar un mes a data para o cálculo do sobrante de optimización para frota do golfo de Cádiz que leva consumido só o 50 % da cota e aplicar o mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca en favor da frota galega. Tamén se avoga por aplicar un intercambio de cota con Portugal, xa que precisa de cotas doutras especies distintas ás que son obxectivo da frota do cerco, as cales poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas.
Entre outras cuestións, a resolución de 18 de marzo establecía, a partir de 1 de xuño, para os buques con oito ou máis tripulantes enrolados ou máis de 40GT --ue dispoñan de comunicación electrónica de datos de captura-- un tope de 10.000 quilos por buque e semana, dentro dos cales só poderá haber 1.600 quilos de sardiña entre 11 e 15 centímetros. Con todo, non se superarán os 5.000 quilos por día e buque. Se os buques non dispoñen da devandita comunicación electrónica, o tope queda establecido en 2.000 quilos por buque e día natural, dentro dos cales só poderá haber 400 quilos de sardiña de entre 11 e 15 centímetros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.