Galicia manda tamén no tríatlon escolar

A Selección Galega, ouro no Campionato de España con só un punto de vantaxe sobre Madrid e Cataluña. Galicia foi bronce na proba de relevos mixtos e a pontevedresa Iria Rodríguez gañou o sábado a proba individual feminina.

Por gcdeportes | Compostela | 19/06/2016 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

Unha potencia no tríatlon, e co futuro asegurado. A Selección Galega acadou o título no Campionato de España de Tríatlon Escolar de seleccións autonómicas, que se disputou esta fin de semana en Aguilar de Campoo (Palencia), mellorando o terceiro posto (bronce) do ano pasado en Murcia. Trala suma dos resultados das dúas xornadas de competición, Galicia acadou o primeiro posto cun total de 51 puntos, por diante de Madrid e Cataluña. Na proba de relevos mixtos, o equipo galego acadou a terceira praza.

Os galegos, coas súas medallas de ouro, no podio.
Os galegos, coas súas medallas de ouro, no podio. | Fonte: Fegatri

A Selección Galega chegaba á proba de relevos mixtos coas opcións intactas, xa que era segunda na clasificación provisional a só un punto do líder, Cataluña. O equipo A galego estaba formado por Inés Castaño, Jorge González, Iria Rodríguez e Arturo Ramos, mentres que no B estaban Carmen Bello, Javier Pena, Salomé Calviño e Iván Puentes.

Na proba de relevos mixto, cada un dos integrantes realiza un mini-tríatlon de 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pé. E dende o inicio, o equipo galego deixou claro que quería o título. Trala quenda de Inés Castaño, o combinado madrileño con Lucía Salafranca lideraba a proba, mentres que Galicia era segunda a uns 35 segundos.
O segundo relevo foi Jorge González, quen acurtou distancias no segmento de natación, pero perdeu varios postos na bicicleta, para finalmente chegar ao momento de darlle o pase a Iria Rodríguez na terceira posición. Iria comezou a remontada xa na natación, na que gañou case 30 segundos a Castela e León e quedando a escasos segundos de Madrid. Na bicicleta logrou alcanzar ao representante de Madrid e rematou a faena na carreira a pé, unha das súas especialidades, para entregar a testemuña a Arturo Ramos en cabeza cuns 15 segundos de vantaxe sobre Madrid.
No último relevo, o representante de Valencia, Romaric Forques, iniciou unha gran remontada, mentres que Madrid e Galicia loitaban en cabeza polo primeiro posto. No segmento de bicicleta houbo un momento chave, cando Arturo caeu ao chan nun paso estreito, e aínda que se recuperou axiña, perdeu a roda do madrileño. Semellaba que o título se escapaba, e máis cando Romaric conseguiu superar o representante galego, pero o valenciano estaba imparable e logrou alcanzar e pasar o deportista madrileño a falta de 300 metros para a liña de meta. Deste xeito, o primeiro posto foi para Valencia, a prata para Madrid e o bronce para Galicia. Con estes resultados, o título foi para Galicia por só un punto de diferenza (51 puntos), mentres que Madrid foi prata (50) e Cataluña, bronce cos mesmos puntos.

Na xornada do sábado, a pontevedresa Iria Rodríguez, irmá do padexeiro Roi Rodríguez, acadou o ouro na proba individual feminina, con 25 segundos de vantaxe sobre Lucía Salafranca (Madrid). Inés Castaño foi 11ª e Salomé Calviño 13ª. Na proba masculina, o primeiro galego foi Jorge González, na sexta posición. Javier Pena rematou na 19ª posición e Arturo Ramos foi 20º. Iván Puentes tivo un mal día e chegou na 37º posición.

O equipo galego, no primeiro posto do podio.
O equipo galego, no primeiro posto do podio. | Fonte: Fegatri
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta