Unha indicación xeográfica protexida para a carne de vaca e boi de Galicia

A Xunta apoia a creación da IXP Vaca e Boi de Galicia para preservar e poñer en valor a carne procedente destes animais, a través dunha iniciativa promovida polo sector e pola IXP Ternera Gallega.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 19/06/2016 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

A Xunta apoia a creación dunha Indicación Xeográfica protexida para a carne de vaca e boi de Galicia (IXP Vaca e Boi de Galicia), unha iniciativa promovida polo sector de vacún de carne galego e polo Consello Regulador da IXP Tenreira Galega que recibiu o respaldo da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén del Campo.

Pezuñas, o boi de raza rubia galega que chegou aos 2.200 quilos
Pezuñas, o boi de raza rubia galega que chegou aos 2.200 quilos | Fonte: delascosasdelcomer.com

O obxectivo desta IXP, segundo informa a propia Xunta, é preservar a carne de calidade procedente das vacas e bois da comunidade. Este produto obtense das principais razas existentes no noso territorio, que son a Rubia Galega, Morenas Galegas, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona, así como os cruces entre elas.

Para cumprir as condicións da Indicación Xeográfica protexida, a carne deberá presentarse madurada e refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización.

Ademais, a carne amparada procederá de vacas que teñan, polo menos, unha xestación antes do sacrificio, así como de bois castrados antes do ano de vida que superen, cando menos, os 48 meses de idade ao sacrificio. Tamén se valorará que o grao de engrasamento, a conformación e as características organolépticas sexan os idóneos e típicos deste tipo de carnes.

Segundo o acordo, a nova Indicación Xeográfica protexida abrangue a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a orixe, a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase do proceso e tipoloxía de carne constará dunha etiquetaxe concreta.

Vaca de raza rubia galega co seu cuxo.
Vaca de raza rubia galega co seu cuxo.

Así mesmo, está previsto o establecemento dun Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que se ocupará da xestión e control das carnes amparadas pola IXP Tenreira Galega e pola IXP Vaca e Boi de Galicia, baixo criterios de coordinación, aforro de custos e operatividad sectorial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta