Estudantes de Ribeira gañan o concurso D3Mobile

O equipo Aspaveres foi o campión deste certame de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, organizado pola Universidade de Santiago con financiamento da FECYT. O D3Mobile-Fundación Mulleres foi para outro colexio de Fene.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/06/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O equipo Aspaveres da localidade coruñesa de Ribeira gañou a cuarta edición da D3Mobile Metrology World League, un campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e que conta con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).

Modelo 3D do equipo Aspaveres de Ribeira co que gañou a cuarta edición da D3Mobile Metrology World League.
Modelo 3D do equipo Aspaveres de Ribeira co que gañou a cuarta edición da D3Mobile Metrology World League.

Os gañadores elaboraron o modelo 3D dun tipo de zapatilla moi de moda entre os escolares, un obxecto que xa foi modelado en 3D por outros participantes varias edicións anteriores e que se está convertendo xa nun clásico do campionato.

Cada alumno deste equipo recibirá un premio tecnolóxico e o centro ao que pertencen, que conseguiu tamén o primeiro premio por equipos, equipamento de laboratorio, unha subscrición a revístaa Educación 3.0 e unha zapatilla autografiada por Pau Gasol, que apoiou con esta doazón a presente edición do campionato, uníndose así a Rafa Nadal, Iker Casillas e Máverick Viñales, que fixeron o propio na tres edicións anteriores con estes agasallos autografiados.     

O equipo salvadoreño BLACK RANGERS, do Colexio Español Pai Arrupe de San Salvador e o equipo Awawa69 do IES Aguilar e Cano de Estepa (Sevilla) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado respectivamente deste torneo, unha experiencia educativa pioneira a nivel mundial dirixida a novas promesas STEM (do inglés Sciencie, Technology, Engineering e Mathematics), en cuxa edición 2016 tomaron parte 1.348 alumnos e 249 profesores de 223 centros educativos de 37 países de todo o mundo.

D3MOBILE-FUNDACIÓN MULLERES

A presente edición do campionato contribuíu a sensibilizar a todos os participantes no papel que xogou e xoga a muller na enxeñería e a arquitectura, co premio D3Mobile - Fundación Mulleres, ao que optaban aqueles equipos que seleccionasen para modelar en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos campos da enxeñería e/ou a arquitectura.

O premio foi para o equipo Funguys do CPI A Xunqueira da localidade coruñesa de Fene (A Coruña), formado polos alumnos Tatiana Luaces Fraga, Javier Calvo Rey, Adrián Fonticoba Balado e Saray Fernández López, coordinados pola profesora Branca López Moreno, cun Modelo 3D sobre Anna Keichline, arquitecta norteamericana e inventora do ladrillo K-Brick.

A cuarta edición da D3 Mobile Metrology World League, na que tamén colaboran o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG) chegará ao seu clausura o vindeiro mércores 29 de xuño coa xornada de entrega de premios aos equipos galardoados.

A cerimonia de entrega de premios desenvolverase a partir das 12.00 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC no marco dunha xornada que comezará ás 10:30 e durante a que os asistentes poderán realizar visitas guiadas a distintas instalacións e laboratorios de investigación do centro universitario lucense. O público que desexe asistir a estas actividades, pode poñerse en contacto previamente coa organización no correo electrónico d3mobile@usc.es. A entrada á entrega de premios é libre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta