600 ironmans nas Pontes

A localidade coruñesa acolle este sábado a terceira edición do Northwest Triman, único tríatlon en distancia Ironman de Galicia e campionato galego de longa distancia. Fernando Luíña defende o título do 2015.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/06/2016 | Actualizada ás 08:43

Comparte esta noticia

O único tríatlon en distancia Ironman de Galicia, que repite como Campionato Galego de longa distancia. Todo un referente con tan só dúas edicións disputadas. Este vindeiro sábado, por terceiro ano consecutivo, co lago artificial máis grande de Europa como epicentro, As Pontes acollerá a terceira edición do Northwest Triman. Serán 600 os deportistas participantes, que esgotaron as prazas dispoñíbeis en pouco máis dun mes.

Como nos anos anteriores, 3,8 quilómetros de natación, 180 de bicicleta e 42,1 de carreira a pé. De xeito paralelo e como alternativa, unha proba de media distancia con 1,9 kilómetros de natación, 90 de bicicleta e 21 de carreira a pé. Tanto a proba Ironman como a de media distancia, puntuable para o circuíto da Federación Galega de Tríatlon, comezarán ás 7:15 horas e terán como hora límite de chegada ás 23:00 horas.

No Northwest Triman deste ano destaca a participación de Fernando Luíña, que defenderá o título acadado o ano pasado cun tempo de 9h:23:10; Javier Delgado, gañador do Ocean Lava; Enrique Morán, vencedor do Aviaman ourensán; o navarro Ricardo Abad, que o ano pasado bateu o récord mundial con cen Ironman nun ano; e máis de 40 triatletas procedentes de Portugal, entre eles os campións nacionais Pedro Gomes e Rafael Delaunay. Máis de 200 persoas, entre organizadores, voluntarios, protección civil, policía local ou Garda Civil participan no operativo da proba.

Na presentación na Deputación da Coruña desta terceira edición, Montserrat García, tenente de alcalde das Pontes, destacou a importancia do evento a nivel socioeconómico para a localidade, con 600 participantes e miles de visitantes, que contribúe “a dar repercusión a un espazo único polas súas características”. Para completar a xornada nas Pontes, haberá piragüismo, paseos en barco, tenis e fútbol praia, e atraccións para os máis pequenos. Nun principio, a proba ía disputarse o domingo, pero houbo que adiantala ao sábado 25 para non coincidir coas eleccións.

Os participantes no 2015, nos primeiros metros da natación.
Os participantes no 2015, nos primeiros metros da natación. | Fonte: @NorthwestTriman

Saída coa alba da edición do ano pasado.
Saída coa alba da edición do ano pasado. | Fonte: @NorthwestTriman
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta