(Vídeo) Trueno prende Castrelos como un 'Real Gangsta Love': unha noite de barras, rimas e moito flow en Vigo

O rapeiro arxentino conquistou ao público galego cun directo demoledor no auditorio ao aire libre máis mítico do país. Estivo acompañado sobre o escenario de Pedro Peligro, o seu pai, e KMI 420, un dos seus amigos máis próximos, que tamén fixeron de teloneiros.

Por Ángela Precedo | VIGO | 19/07/2025 | Actualizada ás 00:44

Comparte esta noticia

Unha lúa temperada, milleiros de rapaces e rapazas ocupando cada recuncho da lomba de Castrelos, en Vigo. Móbiles acesos como bengalas dixitais, e no aire esa electricidade que só se sinte cando sabes que vai pasar algo grande. Así arrincou a noite deste venres 18 de xullo no auditorio ao aire libre máis mítico do país, e, aínda sendo venres, a enerxía era de sábado eterno. Sobre o escenario, o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, volveu exercer de mestre de cerimonias, como vén facendo cada verán, soltando un par de frases triunfais co seu inconfundible estilo: "Nós en Castrelos sempre queremos escoitar aos mellores do mundo, e Trueno é o mellor do mundo!". Tras el, chegou a que foi unha verdadeira sorpresa para o público: Pedro Peligro, pai do artista arxentino, e KMI 420, un dos seus amigos máis próximos, actuaron coma teloneiros e tamén quedaron sobre o escenario para acompañar a Trueno nalgúns temas. Trueno saiu coma un trono, nunca mellor dito, a comerse a noite viguesa.

Castrelos entregado a Trueno
Castrelos entregado a Trueno | Fonte: GC

DO 'FUCK EL POLICE' A 'MAMICHULA'

Ataviado coa súa habitual mestura de rúa e símbolo --camiseta branca, chándal azul eléctrico e mirada firme e sostida--, o arxentino pisou o escenario do audiotorio de Castrelos coma quen sabe que está nun sitio que fai historia. Aos seus 23 anos, Trueno xa non é unha promesa: é presente contundente do rap latinoamericano. E iso deixouse notar dende as primeiras cancións: 'Plo plo!', 'BZRP Music Sessions #16' e 'Fuck el Police'. "¡Vamos Galicia, quero ver as mans arriba!", berrou, e o auditorio respostou cun ruxir que baixou dende a arboreda ata as primeiras filas do foso. Á espectacular entrada seguíronlle outros míticos temas como 'Real Gangsta Love', e xa non houbo pausa, ata 'Mamichula', un tema que marcou un antes e un despois na noite e que coreou todo o anfiteatro. Tamén destacou unha versión extendida e tremenda de 'Tierra Zanta', con efectos de luces que fundiron as árbores e o sentimento de estar en Río da Prata nunha soa postal de barrio global.

UN FLOW QUE CRUZOU O ATLÁNTICO

O concerto foi máis ca un show: foi unha conexión directa con toda unha xeración convencida de que Trueno rapea o que eles non saben como dicir. Dende as barras cargadas de mensaxes sociais ata as rimas máis persoais, cada tema soou coma un golpe firme, pero con alma. Cando caeu 'Feel Me??', o silencio foi case relixioso. E logo, en 'Ñeri', desatouse o ruxir das gorxas imparables dos fans máis aférrimos. Houbo espazo tamén para a homenaxe: Trueno sacou o seu poderío como freestyler e meteu polo medio dos versos libres ao Celta de Vigo e a Galicia enteira. Case se vén Castrelos abaixo, pero non, veuse arriba. Moi arriba. A ovación foi das que se lembran. Nada menos que sete minutos ininterrompidos de rimas e flow sacados do peto, totalmente improvisados, mesmo facendo guiños a algúns asistentes do público que lle pedían que metese certas palabras.

Castrelos entregado a Trueno
Castrelos entregado a Trueno | Fonte: GC

CASTRELOS, TEMPLO DO DIRECTO

O público deuno todo. Dende os que chegaron pola mañá con bocatas para coller un bo sitio ata os que baixaron do último bus dende Teis, a noite foi unha celebración colectiva de música, barrio e xuventude. Os altavoces resoaban con cada liña, pero tamén con cada xesto: un sorriso, un guiño, un silencio antes do drop. Trueno amosouse próximo co seu público, carismático e afiado. As lanternas dos móbiles acendéronse para amosar o cariño ao artista arxentino. E non unha vez nin dúas, senón varias ao longo de todo o concerto. O peche foi con todo o auditorio cantando coma un só corpo, e Trueno foise coma chegou: co paso firme de quen sabe que deixou pegada.

Trueno en Castrelos
Trueno en Castrelos | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta