Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2025 | Actualizada ás 19:57
O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) incorporou ao seu cadro de profesionais un investigador procedente do programa Ramón e Cajal, Pablo Ouro. O ingreso do investigador galego permite establecer unha nova liña de investigación enfocada nas enerxías renovables e na mecánica de fluídos computacionais.
Por este motivo, foi recibido este sábado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Segundo trasladou a Xunta nunha nota de prensa, o titular do departamento de Ciencia puxo en valor a traxectoria deste investigador e animouno a potenciar o seu traballo mediante a colaboración con investigadores de prestixio a nivel internacional e tamén no tecido produtivo galego.
Durante os últimos cinco anos, Pablo Ouro liderou o desenvolvemento de ferramentas de simulación a mesoscala e microscala de parques eólicos mariños, incluíndo turbinas flotantes. Esta será a súa principal liña de investigación agora en Galicia, xunto coa solar fotovoltaica, onde investiga os efectos do vento nas estruturas solares de seguimento dun eixo. Ademais disto, tamén supervisará a estudantes de doutoramento, en colaboración con diferentes universidades como a de Manchester ou Cardiff, ás que el estivo vinculado durante máis de 12 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.