Temas: SERGAS

Denuncian que o Sergas cobra polas chamadas antes de que sexan atendidas

Antes de descolgar, os teléfonos dos centros de saúde comezan a tarifar. A Xunta insiste en que se cumpre coa normativa vixente e que os tons que soan inicialmente nalgunhas chamadas son xa parte da chamada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A empresa privada que se encarga da xestión da centralita telefónica das consultas do Sergas está cobrando polas chamadas antes de que estas sexan atendidas. É a denuncia que fai a activista Beatriz Figueroa que critica que, cando un usuario chama a un centro de saúde para solicitar cita previa, o contador que computa o tempo de chamada no teléfono empeza a poñerse en marcha antes de ser descolgado.

Centro de chamadas e operacións de Urxencias Sanitarias do Sergas
Centro de chamadas e operacións de Urxencias Sanitarias do Sergas | Fonte: sergas.gal

Por iso, di, os usuarios que teñen tarifa plana nos seus domicilios -e para os que a chamada a un número fixo non tiña que supoñer custo algún- ven incrementado o prezo.  “Para comprobar esta fraude debedes de colgar antes de que conteste a administrativa do Centro de Saúde ou salga unha locución automática que tamén permite reservar a cita”, alerta Figueroa. De feito, ela mesma foi a autora dun vídeo, realizado o pasado xoves 16 de xuño, no que se pode comprobar esta situación:

Tal e como se pode ver, Figueroa realiza tres chamadas. A que realiza ao teléfono 986493130 de cita previa do seu centro de saúde de Rúa Cuba en Vigo, e na que colga antes de que responda ninguén, é facturada do mesmo xeito que a que realiza ao teléfono de cita previa do Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo. Con todo,  entre esta chamada realiza unha ao teléfono de información do Centro de saúde da rúa Cuba colgando tamén antes de que contesten e esta non é facturada.

Outros centros aos que ao azar chamou para comprobar que desde o primeiro ton de chamada o contador de tempo ponse en marcha e posteriormente é facturado aínda que non se descolga o teléfono de destino. Entre estes centros de saúde están o Sardoma (986 420145), Navia (986 821949), Coia (986 200811) ou Rosalía de Castro (986 418888).

Protesta de Beatriz Figueroa ane a sede da Seguridade Social
Protesta de Beatriz Figueroa ane a sede da Seguridade Social | Fonte: Facebook

A Xunta di que se cumpre a normativa

Pola súa banda, desde a Consellería de Sanidade apuntan que ese é o procedemento normal nas chamadas á central de atención telefónica do Sergas 902077333, coma a un dos catro números provinciais existentes e dispoñibles na páxina web do Sergas, ou ao número de cita previa de calquera dos centros de saúde da rede do Servizo Galego de Saúde. “Cúmprese coa normativa vixente”, apuntan fontes deste departamento consultadas por GC.

Así, explican que esta central colle, atende e xestiona todas as chamadas que recibe dende o primeiro intre. “Os tons que soan inicialmente nalgunhas chamadas son xa parte da chamada; son tons de espera durante a xestión que está a realizar o sistema, mentres tenta contactar co centro de saúde, o que explica que se tarifique dende ese mesmo intre”, indican.

Deste xeito, puntualizan que este sistema permite garantir que o 100% das chamadas son atendidas e xestionadas independentemente do horario de chamada, “é dicir, operativo as 24 horas do día os 365 días do ano”. Ademais, lembran que, antes da implantación deste sistema, unha de cada tres chamadas quedaba sen xestionar e suliñan que toda a información sobre o funcionamento desta central está dispoñible no seguinte enlace.

Cambio de sistema no 2010

Foi a comezos de 2010, cando o Servizo Galego de Saúde volveu habilitar os teléfonos dos centros de saúde para fixar as consultas de atención primaria, polo que os usuarios podían volver chamar a estes centros para concertar as consultas co seu médico de cabeceira. Esta medida tomouse  polas críticas ao sistema que a Xunta puxera  en marcha dun novo número de teléfono único 902 e centralizado para os usuarios que quixesen pedir cita co seu médico de cabeceira.  

“Quen se beneficia de que ao usuario se lle cobre aínda que a chamada non é atendida? A empresa concesionaria deste servizo que está externalizado factura á Administración polas chamadas que recibe ou polas que atende?”, pregúntase Beatriz Figueroa.

500.000 sinaturas para ir ao Congreso

Beatriz Figueroa deuse a coñecer tras sufrir un cancro de mama. Logo de cotizar á Seguridade Social durante 20 anos, foi diagnosticada desta enfermidade e quedou sen emprego. Denegouselle a incapacidade permanente tres veces durante o proceso e déronlle a alta sen estar curada. Durante moitos meses só percibiu 426 euros cos que debía facer fronte ao 40 por cento dos gastos dos seus medicamentos.

Foi entón cando comezou unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org para cambiar a Lei Xeral da Seguridade Social para mellorar a protección laboral destes enfermos. Medio millón de persoas apoiaron as súa reivindciación. Unha cifra de apoios que lle abriu as portas do Congreso, a través dunha iniciativa parlamentaria para pedir o apoio á Proposición de Lei para protexer aos enfermos. A proposta, que foi elaborada polo catedrático de Dereito do Traballo da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza, solicitaba un cambio normativo que ofrecese unha protección especial ás persoas enfermas de cancro.

Temas: SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Suoerg

Vergoñento. Pero o SERGAS mantén centos de liberados sindicais, moitos sanitarios que non dan golpe, coches oficiais e médicos que se escaquean todo o que poden para beneficiar as súas consultas privadas de tarde.