Temas: BNG EMIGRACIóN

“Por que con 16 podes casar ou pagar impostos e non podes votar?”

GC continúa coa suas xeira de entrevistas as organizacións políticas da mocidade do país. Neste caso con Isca, organización xuvenil do Movemento Galego ao Socialismo, un dos partidos que participa no BNG. Falamos con Borja González Castro sobre a edade legal e, como non, sobre as inminentes eleccions. En opinión deste membro da Mesa Nacional de Isca! “España é irreformable” polo que a opción política das mareas só provocará ao final “frustración e desmobilización”. A emigración, o movemento estudantil son outros temas desta conversa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

No eido do ensino este ano logrouse que varias organizacións de estudantes nacionalistas se uniran nun novo colectivo, Erguer Estuantes da Galiza. Como valoran este proceso e cren que se poden extraer algunha lección de cara a outros ámbitos?

Borja González Castro, representante da Mesa Nacional de Isca!.
Borja González Castro, representante da Mesa Nacional de Isca!.

No plano estudantil, sen dúbida é un paso adiante moi grande, xa que se pode dar unha resposta conxunta aos ataques ao ensino. Nalgún punto da historia das tres organizacións que se uniron (Liga Estudantil Galega, Agir e Comités) contemplábase a unidade como fito a alcanzar, e consideramos que tiñamos unha boa oportunidade para materializala, comezando un proceso no que definir como queriamos que fose a nova organización estudantil unitaria.

Noutros eidos non cremos que se deba aplicar a mesma lóxica que no estudantil. A unidade orgánica é necesaria cando os ataques son moi concretos e as diferenzas entre colectivos mínimas. No movemento xuvenil as organizacións teñen diferentes obxectivos estratéxicos e liña táctica, ao igual que as organizacións políticas adultas, polo que a unión debe pasar por unha coincidencia básica nos principios e obxectivos. A dinámica xuvenil unitaria para a convocatoria da manifestación do 24 de xullo é unha das apostas de Isca, e un exemplo que demostra que podemos ter diferentes proxectos e liña táctica mais traballar conxuntamente en situacións concretas que contribúan a facer avanzar determinadas reivindicacións entre a mocidade.

Acaban de cumprir10 anos de Isca, un período dabondo longo para sacar conclusións do seu traballo. Que creen que aportou de novo ao mundo da nacionalismo galego de esquerda? 

O traballo destes dez anos é difícil resumilo nunhas liñas, mais no plano ideolóxico contribuímos a falar abertamente de independencia no seo do BNG nunha época (nacimos en 2006) de renuncia do proxecto histórico por parte da dirección política da fronte, onde reclamar a superación do marco autonomista era un tabú. No organizativo a situación non era mellor, e Isca contribuíu na defensa dun modelo máis democrático e participativo fronte a verticalización acentuada nos anos do bipartito, así como a implementar novos métodos de traballo desde a base e respectuosos coa discrepancia ideolóxica.

No campo estudantil apostamos (xunto con outras persoas non organizadas con nós) pola creación da Liga Estudantil Galega nun momento onde a convivencia nos Comités era imposíbel, e posteriormente Erguer, Estudantes da Galiza, co obxectivo de democratizar os procesos de participación política e contribuír na unidade orgánica dun movemento estudantil que pese a compartir as mesmas posicións ideolóxicas, atopábase fragmentado, o que repercutía negativamente nas loitas do estudantado galego.

Importante foi a nosa aposta por unha dinámica xuvenil galega coordenada entre as organizacións do espazo nacionalista e independentista, espazo que serviu para xuntar a organizacións do fragmentado escenario xuvenil e para socializar na mocidade galega ideas como a independencia ou a ruptura co sistema. O 24 de xullo voltaremos saír ás rúas de Compostela por cuarto ano consecutivo, algo imposible no ano 2006.

Destacar tamén o noso pequeno aporte xunto a outras persoas e organizacións para reforzar os movementos sociais, piar fundamental deste país; desde o traballo nos centros sociais até o asociacionismo cultural, a defensa da lingua e o movemento anti-represivo, o internacionalismo e o feminismo. En definitiva, moitos foron os espazos nos que participamos, na construción dunha Galiza radicalmente diferente.

Isca é unha das organizacións que participa no BNG, inmerso en plena campaña. De feito unha das candidatas do BNG, Noa Presas, tivo unha participación relevante nos actos da fin de semana. Como se valora dende Isca a estratexia do BNG de rexeitar unha confluencia coas mareas se participan nelas forzas de ámbito estatal. A nivel electoral o que din os resultados das últimas eleccións e as enquisas das actuais é que o electorado galego premia este tipo de alianzas e non as penaliza ...

Respectamos profundamente a decisión de milleiros de persoas que votan ás Mareas fartas das políticas do PP e PSOE. Estes resultados entendemos que expresan o malestar popular fronte a situación de crise sistémica que golpeou ao conxunto da clase traballadora. Porén temos que dicir que estas forzas políticas buscan a reforma do estado e a prolongación do modelo económico capitalista. Nin sequera superan o programa político da socialdemocracia dos anos 80, agravada a situación por estar nunha fase máis avanzada do imperialismo. O pacto Izquierda Unida-Podemos é un novo envoltorio electoral preparado para un novo engano onde o programa político estará marcado polas enquisas e a presión dos medios de comunicación. Se xa o programa electoral é de mínimos, en que quedará cando teñan que pactar co PSOE?. Sen dúbida afirmamos que esta opción política non sementa máis que frustración e desmobilización.

Cal é a súa alternativa?

En Isca defendemos un proxecto radicalmente distinto. Somos conscientes da deriva do BNG nos últimos lustros, que tiveron como consecuencia a perda de apoio electoral; mais a nosa aposta vai máis alá das citas electorais. Defendemos unha estratexia de fortalecemento das ferramentas de organización da clase traballadora, o traballo do día a día nos centros sociais e nas organizacións feministas, nas organizacións estudantís e no sindicalismo. O BNG ten que ser coherente coas reivindicacións históricas do soberanismo galego, participar no conxunto dos movementos sociais e corrixir os erros que sexan necesarios tanto de discurso como de praxe, e pensamos que está nese proceso. Así, defendemos unha alternativa patriótica e de esquerdas  (neste momento representada polo BNG) para o noso país porque entendemos que só desde a consecución da nosa soberanía, só desde dotarnos de estruturas de estado independentes, poderemos construír a nova sociedade que garanta condicións materiais dignas para as clases populares e estamos convencidas de que diluír estas reivindicacións en proxectos oportunistas é un fraco favor ao que nós defendemos. Isto non quita que poidamos coincidir (como xa coincidimos) en loitas concretas e traballar conxuntamente para acadar novos avances no sectorial como ben explicou a nosa compañeira Noa Presas nos debates que participou.

Houbo un tempo, non tan lonxano, no que o BNG era o favorito, e con moita vantaxe, para a mocidade do país. Non sucede así agora. De feito, dende o bipartito unha boa parte da mocidade percibe ao Bloque como unha forza que forma parte do sistema. Por que cren que se produciu este devalar do nacionalismo político entra os máis mozos? Que vías políticas debe emprender o nacionalismo para volver ser a opción preferida da mocidade galega?

É certo que hai non tanto tempo era a forza política de referencia na mocidade do noso país. A perda de apoio coincidiu cunha deriva organizativa e ideolóxica, que primou o campo institucional fronte a acción de rúa nun momento de acentuación da crise económica capitalista, algo que se acentuou inda máis na organización de mocidade da Fronte, incriblemente.

A fronte patriótica precisa seguir fortalecendo o proxecto con novas persoas e organizacións, escorar o discurso na defensa clara da independencia nacional e mais dun modelo económico alternativo ao capitalismo, e por suposto traballar na rúa día a día para explicar as súas propostas. Por iso estamos convencidas que a mocidade volverá a apostar polo soberanismo como ferramenta para mellorar as súas vidas, como ferramenta para vivir mellor, que é do que se trata. De feito a irrupción da compañeira Noa Presas na campaña electoral demostra que o BNG ten forzas vivas capaces de conectar coa mocidade e dar un discurso coherente e sen complexos.

Vostedes son unha organización cun carácter claramente independentista. Que lle responderían as forzas de esquerda que argumentan que a independencia non é unha prioridade política para a maioría dos galegos?

A emigración a precariedade e o desemprego son o principal problema deste país. O ensino camiña nun proceso de privatización e elitización onde tamén se marxina o galego e o estudo da nosa realidade propia. Sectores como a pesca, o leite ou o naval esmorecen pola falta de planificación e de capacidade de decisión que ten Galiza, sometida ás políticas criminais de España e da Unión Europea.

Nós partimos da base de que España é irreformable, polo que a independencia é a única ferramenta que ten o pobo galego para decidir sobre os seus asuntos e planificar a economía en base as súas necesidades. Estamos seguras de que conquistar a soberanía nacional é a única vía pola que poderemos construír con liberdade unha sociedade diferente, verdadeiramente democrática e con xustiza social: para nós, socialista.

Por isto dicimos claramente que as forzas de esquerda que comparten este análise, e que conscientemente apostan por deixar a reivindicación da soberanía nun segundo plano, están estafando ás galegas e galegos. En Isca pensamos que non virá remedio ningún para o noso país goberne quen goberne en Madrid, que é máis necesario que nunca facer pedagoxía soberanista entre o noso pobo (e particularmente entre a mocidade), para espallar a conciencia de que só por medio da conquista da independencia política e económica será posíbel construírmos colectivamente unha vida digna.

Un dos maiores problemas que sofre o país é sen dúbida a emigración, que segue a ser unha lacra para as xeracións actuais como foi para xeracións anteriores. Que medidas de choque se propoñen de Isca para paliar este problema?

A emigración é unha constante na historia do noso país. Na actualidade, se analizamos o perfil da masa migratoria, decatarémonos de que é maioritariamente moza e con risco de permanencia. Diversas voces expertas en demografía sinalan que boa parte da mocidade que marcha do país ten poucas posibilidades de volver. Sen embargo, a que decide ficar atópase cunha realidade cada día máis empobrecida e con menos posibilidades de futuro onde a precariedade é a norma. A meirande parte da mocidade organizada en Isca que non é estudante está no paro ou traballa nun sector tan precario como é o telemárketing, un reflexo do que ofrecen as políticas neoliberais á mocidade galega.

Esta situación de empobrecemento é consecuencia da nosa dependencia do Estado Español e da Unión Europea e non albiscamos outra alternativa que non sexa a construción dun estado galego soberano e socialista que permita á clase traballadora arbitrar o seu destino. Mais tamén somos conscientes de que fronte a esta aposta estratéxica precisamos da formulación de propostas a curto prazo, como poden ser a elaboración dun plan de choque para o emprego xuvenil adaptado á realidade de cada comarca, a creación de ferramentas que atendan á mocidade desempregada de longa duración, políticas que promovan o acceso á vivenda, ou a gratuidade da universidade, para non expulsar do ensino superior ás fillas da clase traballadora.

Nunha parte da esquerda existe o debate sobre a edade de maioría de edade política. Por exemplo, nas hipotéticas primarias que faga Mareas en Común poderán votar os maiores de 16 anos. Cal é o seu punto de vista ao respecto? Cambiou a sociedade dabondo para xustificar que as persoas maiores de 16 poidan votar, non só nos procesos internos dos partidos, senón tamén nos comicios aos parlamentos?

Está ben ampliar este dereito a voto por idade, xa que a barreira dos 18 é algo arbitraria. Podes casar e pagar impostos con 16 anos mais non participar nun proceso electoral? Estás menos preparada con 17 anos e 10 meses que con 18?. Por exemplo, tanto no BNG como no Movemento Galego ao Socialismo, a militancia de 16 anos ten plenos dereitos. E aínda que concordamos con esta proposta, esta non deixa de ser un parche para un sistema que promove a idea de que todo se soluciona no marco das institucións cando isto non é así, e moito menos no caso da mocidade. A esquerda ten que profundar nesta proposta: explicar que intereses hai, e como a opinión da maioría da poboación se forma condicionada por uns medios que pertencen ao grande capital. Por exemplo: Cantos votantes len os programas electorais? Cantas persoas coñecen realmente a situación de Venezuela? Coñecemos as consecuencias para Galiza das políticas da Unión Europea?

Isca celebrou o seu décimo aniversario cunha serie de palestras, concertos e outras actividades a pasada fin de Semana en Compostela. Que valoración fan da asistencia ao programa de actividades e que conclusións cren que se pode tirar?

A conclusión para nós só pode ser positiva. A xornada de mañá comezou coa intervención de Antolín Alcántara que falou do contexto de crise capitalista e da necesidade da acción sindical dentro de parámetros da loita de clases, así como da decisiva orientación que as comunistas deben imprimir á mesma de cara a conseguir a mudanza na correlación de forzas. Proxectamos un vídeo onde falaba numerosa militancia e se explicaron as causas que motivaron a constitución de Isca!. Para rematar a mañá falaron as nosas compañeiras Breixo Lousada e Ximena González, que fixeron un repaso a súa etapa como militantes da organización xuvenil, de porque naceu Isca! e cal era o contexto no BNG e as novas formas de traballo e discurso independentista e revolucionario desacomplexado.

Xa de tarde tivo lugar un roteiro histórico por Compostela e un encontro internacional organizado en Bonaval que contou coa participación de Jakson Renner por Brasilegos Contra o Golpe, Oriol das Assemblees de joves per la Unitat Popular e Mónica Sánchez polo Consulado da República Bolivariana de Venezuela. Tamén contamos coa participación do histórico ministro venezolano Farruco Sesto.

A xornada culminou cun concerto que logrou reunir máis de 700 mozas na praza compostelá do 8 de marzo. Alén de Poetarras, Trapallada e NAO, as militantes da organización xuvenil desenvolveron unha acción de denuncia feminista e  unha intervención política a cargo de Elia Lago e José Rodríguez xunto a Noa Presas, candidata a deputada polo BNG na provincia de Ourense e militante da organización.  Así, a nosa valoración é definitivamente positiva. Demostramos que despois de 10 anos de traballo o noso proxecto segue vixente e con folgos para seguir organizando mocidade nos parámetros da liberación nacional e o socialismo.

Temas: BNG EMIGRACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 37 comentarios

19 peperete

Ese libro de Fidel Castro dio todo.

18 Miriño

Estes queren sacar a Galicia de Europa e metelo como mínimo nos BRICS, con paises tan democráticos como Rusia. Ou sodes máis dos venezolanos?.

17 Virtinho

Tenho muita saudade pelos companheiros do Movemento Galego ao Socialismo. Os independentistas que trabalhamos fóra do BNG vemos que é a unica força com as ideias claras dentro do Bloco.

16 Probeta

A xente deixou claro que non quere ideas radicais e estes ao seu co comunismo e o independentismo.

15 Balbino Fernández

Pérez Reverte figura entre os libros de cabeceira do Borja. A foto dío todo. Corcholis España presente!!! Mira o pillín, se falla a protección da Upg-Bng xa escolleu boas lecturas para facer patria no PsoEspañol, na UGT, en Podemos, en CCOO ou no PP. Hai que estar preparado, canto apostades que o figura tarda pouco en dar o salto... Cuestión de tempo, e como o vento mudou e no BNG xa non catan, pois a virar a chaqueta!

1 BorjaGC

Grazas polo aporte Balbino A próxima vez subo unha foto onde saian os "Principios Nacionales del Movimiento". Apertas!