Un circuíto galego de básquet 3x3

Novidosa iniciativa para agrupar os torneos de street-basket das Pontes, Boiro, Moraña e Viveiro nunha Liga de verán que celebrará a súa gran final na compostelá praza da Quintana o vindeiro 11 de setembro.

Por gcdeportes | Compostela | 22/06/2016 | Actualizada ás 08:59

Comparte esta noticia

Trátase dunha novidosa iniciativa para agrupar os torneos 3x3 que se celebran ao longo do verán en Galicia. Para arrincar, serán catro entre xullo e agosto, e a gran final en setembro na compostelá praza da Quintana. Un novo concepto que conta co apoio dos torneos máis significativos do país (As Pontes, Boiro, Moraña, Viveiro) e que se disputará en todas as categorías posíbeis, dende mini-básquet ata senior, tanto masculino como feminino.
Como gran novidade, estes torneos serán puntuables para o circuíto FIBA 3x3 e ademais repartiranse máis de 3.000 euros en premios.

Arantxa Mallou e Pepe Pozas, xunto cos organizadores, na presentación do Circuíto 3x3 en Compostela.
Arantxa Mallou e Pepe Pozas, xunto cos organizadores, na presentación do Circuíto 3x3 en Compostela. | Fonte: @OBRADOIROCAB

A presentación do Circuíto Galego tivo lugar en Compostela na tenda de baloncesto Tiro Libre SQC, organizador principal do evento. O acto contou con dous padriños de excepción: Arantxa Mallou, xogadora do Sporting CP de Portugal, e Pepe Pozas, un dos cinco xogadores con contrato para o Obradoiro 2016-2017. Pola Federación Galega de Baloncesto, colaboradora na iniciativa, a súa secretaria xeral, Susana Fernández Fiuza.

O Circuíto Galego de Baloncesto 3x3 xorde coa intención de incentivar a participación nos diferentes torneos que se disputan en Galicia durante o verán e pretende converterse en toda unha referencia no país. Dende a organización, aclaran que non se trata dun circuíto pechado, se non que se pretende que cada vez se unan máIs torneos ao circuíto.

En total disputaranse catro torneos clasificatorios, con ao redor de 500 participantes, que se corresponden con algúns dos torneos con máis tradición de Galicia: Basket &Music das Pontes (9 e 10 de xullo), 3x3 Tiro Libre de Boiro (23 e 24 de xullo), Carneiro ao Espeto de Moraña (29 de xullo) e o 3x3 UrbanBasket de Viveiro (6 e 7 de agosto). A gran final, na que se reunirán os mellores equipos participantes, celebrarase en Compostela o vindeiro 11 de setembro na Praza da Quintana, estando incluída esta cita dentro do evento que organiza a Federación Española de Baloncesto, Praza 3x3.

Dende a organización destacan que esta iniciativa só é posible grazas á predisposición dos diferentes torneos, ao apoio de Obradoiro CAB e CB Breogán, e á colaboración da Federación Galega de Baloncesto e a FEB, así como o patrocinio das marcas K1X e Spalding.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta