Un técnico novo para revivir o Compos

Iago Iglesias, compostelán de 33 anos procedente do Noia CF, asume o reto de adestrar o equipo na campaña 2016-17, onde non estarán Jimmy e Manu Rodríguez. O presidente di que non hai présas por ascender pero lembra a esixencia que sempre ten o Compostela.

Por gcdeportes | Compostela | 23/06/2016 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

De pequeno, ocupaba o fondo sur de San Lázaro co equipo en Primeira; agora, tras deixar o Noia CF, terá o difícil reto de revitalizar un club de volta na Terceira Galega. Iago Iglesias Lamela, compostelán de 33 anos, foi presentado este mércores como novo técnico da SD Compostela  para a tempada 2016-17 trala marcha de Fredi Álvarez.

Iago Iglesias, o novo adestrador, entre o presidente Quinteiro e o vicepresidente.
Iago Iglesias, o novo adestrador, entre o presidente Quinteiro e o vicepresidente. | Fonte: @SD_Compostela

Tutela xa Iago Iglesias un equipo en reconstrucción, aínda sen xogadores para saber as súas posíbeis aspiracións na vindeira campaña, na que deberá conxugar un proxecto a medio e longo prazo con xogadores da casa co obxectivo de voltar canto antes a Segunda B, por historia e por afección, para non esmorecer na Terceira.

“Parto coa idea de que o Compos será o referente da categoría, vai ser o equipo ao que todos sigan. Por iso, este club ten que ter un sinal de identidade claro. Temos que partir coa idea de saír aos campos a dominar os partidos”, asume, ambicioso, o técnico compostelán, que chega “con moita ilusión, humildade e ganas de transmitir moito traballo aos xogadores”.

O presidente Antonio Quinteiro, sen présas por obter resultados pero sempre lembrando a esixencia que por historia hai no Compos, insistiu no seu novo ideario, que repite unha e outra vez dende que anunciou que non seguirá mantendo o club de xeito artificial cos seus cartos: “O Compos ten que apostar polo futuro, pola xuventude, polos valores deportivos e humanos que temos en Santiago e en Galicia". Quinteiro agradeceu o Noia CF as facilidades para a contratación do técnico.

Na súa nova tarefa, Iago Iglesias contará co apoio dunha comisión deportiva, formada polos membros do club Javier Bellido e Juanvi, e coa colaboración dun recuperado para o Compos Manu Castiñeiras. Tanto adestrador como presidente coincidiron na necesidade de atopar os mellores xogadores posíbeis, pero sempre dentro das posibilidades económicas da entidade.

Malia a pretensión do presidente Quinteiro por reter a futbolistas da tempada pasada como Jimmy, Manu Rodríguez, Jordan, Josu ou Catú, as posibilidades son mínimas coa nova realidade do club. De feito, pola tarde, o Compos xa tivo que recoñecer que o capitán Jimmy e Manu Rodríguez non aceptaban as condicións para renovar. Pontevedra, Coruxo ou Boiro, onde podería recalar Fredi Álvarez, soan como posíbeis destinos.

“A nosa idea é contar con xente nova, pero experimentada na categoría; ou ben xuntar xogadores máis veteranos cos máis novos para ter ese empaque necesario para competir en Terceira”, sostén Iago Iglesias, que terá o difícil reto de aproveitar ao máximo as condicións dos futbolistas que este novo Compos poida fichar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta