Un galego de ouro

Martín Bouzas, ciclista de Rois do Supermercados Froiz, acada con tan só 18 anos a medalla de ouro no Campionato de España sub-23 contra o reloxo, un ano despois de gañar en categoría júnior. Impúxose por tan só 19 centésimas ao madrileño Gonzalo Serrano.

Por gcdeportes | Compostela | 23/06/2016 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Segundo título consecutivo a nivel estatal. Un ano despois de ser campión júnior, repite coma sub-23, e con tan só 18 anos. Outro éxito para o ciclismo galego. Martín Bouzas Rey impúxose na proba contra o reloxo sub-23 no Campionato de España que se disputa na localidade alacantina de Ibi sobre unha distancia de 18,9 quilómetros. O corredor de Rois, do Supermercados Froiz, marcou un tempo de 24 minutos e 33 segundos e superou por tan só 19 centésimas o rexistro do madrileño Gonzalo Serrano. O podio completouno o manchego Óscar González (24:37). O outro representante galego, Samuel Blanco, do Club Ciclista Rías Baixas, rematou na 21ª posición cun tempo de 25:51.

O galego Martín Bouzas, no alto do podio, tras gañar o título na CRI sub-23.
O galego Martín Bouzas, no alto do podio, tras gañar o título na CRI sub-23.

Este título supón para Bouzas a segunda coroa consecutiva a nivel estatal despois de acadar o ano pasado por sorpresa, xa que levaba moi pouco tempo competindo, a vitoria na categoría júnior na localidade de Sabiñánigo. Desta volta en Ibi non foi tanta a sorpresa, xa que o circuíto axustábase ás características de Bouzas, que preparou a proba como un dos principais obxectivos da súa tempada.

“É o terceiro ano que corro en ciclismo aínda. Xa o ano pasado quedei campión de España na mesma especialidade en júnior, e agora no primeiro ano coma sub-23, xa quedar campión de España contra o reloxo, é un soño”, apunta Bouzas. Ademais, na súa primeira campaña no campo amateur, o de Rois xa se impuxo no campionato galego sub-23 na proba individual contra o crono celebrada o pasado 17 de maio en Baños de Molgas.

Malia a dureza dos 18,9 quilómetros por mor do vento, as diferenzas en meta foron escasas. Tivo un chisco de sorte o ciclista galego, xa que o madrileño Gonzalo Serrano pinchou a falla dun quilómetro e perdeu uns segundos decisivos para a vitoria final do de Rois.

A participación galega na sesión matinal do Campionato de España completárona as dúas representantes na proba Elite e sub-23 feminina. A mellor clasificada foi Paula Sanmartín, do Bioracer-EK, que ocupou a 15ª praza tras deter o crono en 30:57, mentres que María José Gómez, do Cidade de Lugo, fixo un tempo de 31:37 e terminou no 22º posto. Anna Sanchís (WiggleH5) anotouse o título estatal cun rexistro de 27:59.

Prata de Aser Estévez

O ciclismo galego sumou unha segunda medalla na xornada inaugural dos Campionatos de España. Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas) asinou a segunda posición na proba contra o reloxo individual Elite. O corredor da Guarda, vixente campión galego desta modalidade, quedou a 21 segundos do gañador Marcos Jurado.

O percorrido de 41 quilómetros supoñía unha reválida para Estévez, que hai un ano ocupou a cuarta praza nesta proba. O guardés saíu moi forte e no punto intermedio situouse co mellor crono (32:28), ata que Jurado bateuno en 36 segundos. Coa prata practicamente no peto, o campión de España sub-23 no 2009 amosou a súa ambición e na segunda parte do percorrido foise a polo ouro. Rebaixou a desvantaxe con Jurado en 15 segundos, pero o crono de 55:38 non foi dabondo para ser campión.

Na clasificación conxunta con profesionais, Aser Estévez marcou o 15º mellor tempo dos 45 ciclistas que alcanzaron a liña de meta. O Movistar copou o podio con Ion Izaguirre (50:52), Jonathan Castroviejo (51:14) e Alejandro Valverde (51:17). O resto de representantes galegos na proba contra o reloxo foron os profesionais Óscar González, do Sporting Tavira, 12º con 54:35; e Daniel López, do Burgos BH, 36º con 58:51; mentres que o elite Sergio Míguez, do Supermercados Froiz, terminou 32º con 58:06.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta