Feijóo xustifica o desmantelamento do Meixoeiro porque o Cunqueiro é “cinco veces máis grande”

Di que o hospital do Meixoeiro especializarase en cirurxía ambulatoria. Entidades sociais, sindicatos e colectivos médicos piden que se manteñan as especialidades.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 23/06/2016 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo non entender as protestas sobre a situación no hospital do Meixoeiro, en Vigo, logo de que máis de 3000 persoas percorreran este xoves os arredores deste centro médico para rexeitar o seu desmantelamento. “ O que hai é unha reordenación de servizos porque o Cunqueiro –o novo hospital vigués-- é cinco veces máis grande e é normal que faga máis cousas”, dixo.

Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: Xunta.es

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo tentou aclarar que non se está producindo tal desmantelamento no Meixoeiro, senón que se especializará en cirurxía ambulatoria posto que ten, dixo, o “maior número de quirófanos de Galicia”. Por iso, suliñou que a Xunta investirá máis para que este centro se especialice nesta área concentre os casos de cirurxía, lesionados medulados, radiofísica, lesións mamarias e os laboratorios centrais.

Neste sentido, insistiu en que, “se se poden duplicar as actividades de cirurxía”, non haberá menos servizos, tal e como denuncian sindicatos, persoal sanitario e SOS Meixoeiro.

Con todo, estes colectivos insisten en que se están desmantelando todos os servizos e reclaman que se manteña como un hospital xeral programado para diferentes especialidades, para o que é necesario recuperar as camas pechadas e os recursos recortados. “Para facer posíbel o proxecto estratéxico de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía débese potenciar a súa actividade neste eido, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñíbel para atender estas patoloxías, convertendo o Chuvi en referencia oncolóxica para o sur de Galiza”, recollía o manifesto que se leu ao final da marcha do xoves.

Por outra banda, Feijóo non quixo valorar as críticas de CC.OO. que denuncia que nos hospitais de Pontevedra hai preto de 22 profesionais sanitarios que compatibilizan a actividade na sanidade pública e na privada. “Doutros temas que non sei non vou falar”, limitouse a contestar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta