Monforte, punto de saída da sexta etapa da Volta Ciclista a España

A repercusión mediática fará posible que imaxes da cidade e da Ribeira Sacra cheguen a preto de 200 países.

Por X.M. Fernández | Monforte | 24/06/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A saída da sexta etapa de “La Vuelta” terá como escenario a cidade de Monforte de Lemos. Será o xoves 25 de agosto arredor das 13:26 do mediodía. Os ciclistas partirán da coñecida Praza da Compañía onde están os Escolapios, o monumento coñecido como “Escorial galego”, e despois dun percorrido inicial volverán pasar pola cidade do Cabe arredor das 15:30 horas.

Presentación da saída dunha etapa de La Vuelta en Monforte
Presentación da saída dunha etapa de La Vuelta en Monforte | Fonte: Concello de Monforte

No acto de presentación deste acontecemento estiveron ademais do alcalde José Tomé Roca, Darío Campos, Presidente da Deputación de Lugo, a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, e o Director de “La Vuelta”, Javier Guillén.

Todos coincidiron nas repercusións positivas para Monforte e por extensión para a Ribeira Sacra. Javier Guillén dixo desta última que era unha materia pendente no evento deportivo pois das veces que ten pasado xa por Galicia nunca o fixo por estas terras. Segundo el “esta zona será o descubrimento deste ano e as imaxes que se verán farán as delicias de espectadores de todo o mundo, podendo chegar as mesmas a preto de 200 países”.

O Director Xeral da Volta Ciclista a España apuntou así mesmo que a saída da etapa concíbese como unha festa “posto que somos un deporte de proximidade e queremos unha integración entre os veciños de Monforte e os ciclistas”, sinalou. O día 25 de agosto os equipos estarán nunha zona zona aberta e as persoas que queiran poderán achegarse e facer unha foto cos seus ídolos. 

A Deputación Provincial de Lugo tamén xoga un papel destacado e así o presidente do organismo, Darío Campos, fixo fincapé na repercusión positiva para toda a provincia: “non considero que sexa un gasto posto que vai ter un retorno moi positivo para a provincia e a Deputación quere poñer en valor todo o noso territorio. Os deportistas practicamente cruzarán Lugo de norte a sur, e iso é o que levou a apostar pola Volta Ciclista porque non hai mellor publicidade, como dato destacar que haberá máis de 1.400 xornalistas cubrindo o evento”.

A montaxe das infraestructuras necesarias para a Volta comezará o día anterior e as previsións de aloxamento na provincia de Lugo é dunhas 3.000 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta