Feijóo chama a “centrar” Europa tras o triunfo do Brexit e do “populismo” no Reino Unido

O presidente da Xunta liga o resultado do referendo no Reino Unido, que sairá da UE, ao auxe da "extrema dereita e a extrema esquerda".

Por E.P. | Santiago | 24/06/2016 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

"Hoxe é un mal día para Europa". Así de rotundo se expresou esta mañá o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras coñecerse a vitoria no Reino Unido do Brexit, a postura favorable a abandonar a Unión Europea (UE). As consecuencias do referéndum británico son aínda imprevisibles tanto para o Reino Unido como para os países que compoñen a UE. Con todo, Feijóo, ante o temor e inquedanzas xeralizados nos gobernos europeos e nos mercados, chamou a "centrar" Europa e a non "deixarse levar por propostas radicais e populistas", que ligou con partidos de "extrema dereita" e tamén de "extrema esquerda".

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.

En declaracións aos medios, no marco da última xornada de campaña antes das eleccións xerais do domingo, o presidente da Xunta pediu "reflexionar" acerca das "causas" que levaron aos británicos a apostar pola saída "dun proxecto común", a UE, e de "ter un espazo para que as persoas poidan circular libremente, un espazo de liberdades e benestar".

Ademais de "analizar as causas", antes de entrar na reunión con interventores e apoderados de Ferrol, apelou ao traballo conxunto das institucións, para "unir aínda máis" á Unión Europea, e compartir "aínda máis" as políticas económicas, sociais e monetarias.

Ao seu xuízo, "a Unión ten que ser máis Unión a partir de agora", despois da adopción dunha decisión "moi difícil de entender, probablemente porque hai políticos que non están a exercer con responsabilidade as súas importantísimas obrigacións", lamentou.

Na súa análise, Feijóo advertiu dos efectos das posturas de "extremos" en Europa. "Estamos a ver como a extrema dereita e a extrema esquerda, en definitiva, o populismo, causa unha opinión na sociedade e iso provoca danos e malas noticias", reflexionou.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Conchi Paz.

Ante isto, reafirmouse en que os políticos teñen que actuar "con responsabilidade", xa que Europa é "un bo proxecto" e asegurou que "moitísimos primeiros ministros dos países da Unión fixeron un bo traballo para unir".

Tamén apelou a "reflexionar" sobre "as cousas que se fixeron mal" e "insistir nas que se fan ben na UE". A partir de aí, lembrou que "os tratados fixan ata dous anos para ir desconectando e ver como se pode articular un plan B para ver como os británicos seguen tendo unha relación co resto dos europeos".

O líder do PP galego incidiu ademais na necesidade de unirse "máis" e liquidar "algúns problemas sociais" que conlevou a crise, para "enviar a mensaxe" de que se continuará "traballando pola UE", a economía comunitaria da zona euro e polos "dereitos sociais" que debe preservar unha Europa que ten que "seguir sendo un espazo de liberdades e de benestar".

Facelo require, ao seu entender, "traballo e tarefa", xa que é preciso "centrar" Europa e non "deixarse levar polas propostas radicais e populistas".

"Acabamos de escoitar a proposta da extrema dereita francesa, os comentarios en Holanda e Austria... Hai moita tarefa por diante, pero, a pesar de que hoxe non é un bo día, hai que insistir en que a política é responsabilidade, explicar ben as cousas aos cidadáns, analizar as causas cando algo falla, como o referendo británico, e seguir polo bo camiño dos dereitos e liberdades", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 subdesenvolvidos da tele

Que analisar as causas nen que raio de antroidada fala, cando esta tropa só cre o teletipo oficial de Madrid que lhe manda bwana informando que a UE decidiu botar o Reino Unido por ser ambiguo no tema da unidade de Espanha, e a gente acredita porque o din na tele. Temos o que nos merecemos.

2 galegoexiliado

Deixate de lerias, os ingleses dixeron ben alto e claro que non queren formar parte dunha Europa con Feijo, Rajoy, os seus ministros de interior e o ppartido de Rato, O resto de países están a pensalo.

1 populismo és ti

A explicación dun cipaio sobre o actuar dun pobo que exerce a sea soberania. Populismo é falar de Venezuela cando a debeda supera o PIB e a prima de risco asalta os ceos. Cando o coello branco da caixa do fondo das pensións vaise esgotando. E ti me preguntas que é populismo...