Novo pau para o Cerceda

O equipo de Ángel Cuéllar cae 0-2 co Atlético Sanluqueño e volve quedar ás portas da Segunda B trala súa 11ª participación nunha fase de ascenso. O equipo local xogou con dez os últimos vinte minutos e encaixou o segundo tanto no tempo engadido.

Por gcdeportes | Cerceda | 25/06/2016 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CCD Cerceda 0:
Marcos Valín; Bilal (Peque, 75’), Javi Angeriz, Marcos Caridad, Popi; Edu, Granada; Martín, Álex Ares, Agulló e Uxío (Adrián Abelenda, 66’).
Atlético Sanluqueño 2: Ismael; Alberto Fernández, Dani Jurado, José, Ezequiel; Juanmi Becerra, Cristian, Carri, Antonio Jesús, Alberto Jiménez e Marc Cardona.
Goles: 0-1: Alberto Jiménez (minuto 56). 0-2: Marc Cardona (92’).
Árbitro: Luis López Abelleira (asturiano). Vermella directa a Granada no minuto 70 e amarelas a Bilal (16’), Martín (39’) e Javi Angeriz (70’) nos locais. Expulsado o meta Ismael por dobre cartón no minuto 92 e amarelas a Becerra (33’), Alberto Fernández (44’)
Incidencias: partido de volta da eliminatoria final polo ascenso a 2ªB no campo do Roxo ante máis de 2.500 espectadores.

Invasións de campo dos seareiros do Sanluqueño para festexar o ascenso a 2ªB.
Invasións de campo dos seareiros do Sanluqueño para festexar o ascenso a 2ªB. | Fonte: Facebook Atlético Sanluqueño

Na casa e no último partido. Outra volta ás portas da Segunda B. O Cerceda caeu por 11ª vez nunha fase de ascenso. Con todo a favor, ante a súa afección e co 0-0 na ida en Sanlúcar, o equipo de Ángel Cuéllar viuse impotente para gañar o Atlético Sanluqueño e perdeu 0-2 no Roxo. Un pau para os locais, que perden deste xeito o bo traballo de todo un ano. Toca erguerse para tentalo de novo a tempada que ven.

O Sanluqueño gañou a partida aos de Ángel Cuéllar. O encontro principiou cos habituais minutos de tanteo, pero co avance do partido a presión e intensidade dos andaluces fixéronse co control do xogo. Marcos Valín tivo que desviar a córner unha falta rival no minuto 26, e o primeiro tempo acabou xogándose máis no campo do Cerceda, que non pasaba moitos apuros aínda que lle costaba manter o dominio da pelota.

O equipo galego deu un paso adiante tralo descanso e por fin fixo un par de lanzamentos entre os tres paus. Pero Alberto Jiménez, con calidade, aproveitou un rexeite da defensa local para facer o 0-1 no minuto 56. O Cerceda acusou o golpe e, aínda por riba, Granada viu a vermella directa no minuto 70 por un sopapo inocente a Marc Cardona.

Xa estaba Adrián Abelenda sobre o campo, e con dez chegaron os mellores minutos dos locais, con continuos centros á área, con Javi Angeriz xa de dianteiro, pero o empate para confiar na remontada non chegou, e Marc Cardona aproveitou un despiste de Marcos Valín para roubarlle o balón, facer o 0-2 no tempo engadido e deixar de novo ao Cerceda sen ascenso. Aínda así, haberá seis equipos galegos a vindeira campaña en Segunda B: Racing de Ferrol, Pontevedra, Coruxo, Somozas, Celta B e Boiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta