O cambio de tendencia no voto urbano perfila unhas autonómicas axustadas

En Marea deixa case 30.000 votos nas sete grandes cidades, mentres que o PP recupera 12.000 papeletas. Tamén sobe o PSdeG e baixan Ciudadanos e o BNG. A estrapolación dos resultados deixaría ao PP gobernando, pero co apoio de C's.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/06/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O 26X deixa un panorama aberto para todos os partidos de cara ás vindeiras autonómicas e será nos ámbitos urbanos e semiurbanos onde se libre unha intensa batalla que pode, ou non, cambiar o actual presidente da Xunta.

Mitin do PSdeG PSOE no Palexco da Coruña durante a campaña das elecións xerais
Mitin do PSdeG PSOE no Palexco da Coruña durante a campaña das elecións xerais

Estes comicios deixan patente un cambio de tendencia que se viu favorecida por unha abstención que beneficiou, principalmente, aos populares. Ao PPdeG foi en masa un voto útil que chegou, sobre todo, dos ámbitos urbanos, grazas aos desencantados de Ciudadanos. Un voto urbano que tamén castigou, e moito, a En Marea.

A coalición de base municipalista colleitaba hai seis meses os seus mellores resultados nas cidades e nos entornos metropolitanos, un apoio que agora perde de xeito pronunciado, deixando unha media de 4 puntos nas principais urbes galegas.  Situación ben diferente a do PSdeG, o gran prexudicada en decembro que, a pesar de non aumentar en votos nestes comicios, si o fixo en porcentaxe de voto e en apoio urbano.

De feito, o PP volveu ser o partido máis semellante ao de Fraga que ao de Feijóo. Gañou en 300 concellos dos 314, en 16 localidades máis que hai seis meses. O PSdeG-PSOE fíxoo en 12, cinco menos e En Marea en só dúas das 14 nas que gañou en decembro. Tampouco o BNG mantivo a única localidade na que gañou o 26D.

Pero a pesar da gran suba do PP nas provincias do interior, o certo é que a súa vitoria consolidouse nas cidades ao beneficiarse da gran baixada de Ciudadanos e da coalición de Podemos, Anova e Esquerda Unida. Na Coruña, os primeiros deixaron 30.000 votos e os segundos, 7.000, mentres que o PP recuperaba 15.000 papeletas.

Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea
Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea | Fonte: enmarea.gal

Na provincia de Pontevedra, En Marea perdeu 25.000 votos e o PP recuperou 8.000. En Lugo, En Marea deixou 7.000 votos, fronte aos case 4.000 que recuperou o PP e en Ourense, os populares subiron case 6.000, os mesmos que perdeu En Marea, o que provocou que o seu candidato, elixido en decembro, quedara fóra por 1.600 votos.

En Marea baixa en todas as cidades

A maior parte desa baixada de En Marea estivo nas cidades e nas contornas metropolitanas. Así, esta coalición perdeu votos nas sete grandes cidades galegas e deixa de ser primeira forza en Vigo, por detrás do PP e perdendo 9.000 votos con respecto a decembro.

Unha situación ben diferente é a do PP, que sobe en todas elas, e a do PSdeG que tamén recupera posicións, aínda que só se mantén por riba de En Marea nas cidades de Lugo e Ourense.  Así, en Vigo, os populares suman uns 3.000 sufraxios máis e alcanza máis do 31% dos apoios, fronte a o case 28% de decembro. O PSOE, nesta cidade gobernada polo socialista Abel Caballera cunha ampla maioría, recupera un millar máis de votos con respecto aos anteriores comicios de carácter estatal. Tamén perden papeletas ao seu favor Ciudadanos e BNG.

Na Coruña, onde o alcalde é Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica, En Marea cae nuns 8.000 votos, ata o 26,41% dos apoios, fronte ao 31% de finais do pasado ano. O PP sobe en máis de 3.000, o PSOE tamén crece (nuns 2.000 sufraxios) e perden respaldos Cidadáns e BNG.

Mentres, en Ferrol, onde Ferrol en Común goberna co PSOE, En Marea perde uns 1.500 votos en relación ao 20 de decembro, o PP sobe nun millar e o PSOE tamén repunta, en algo menos de 1.000 apoios.

Na capital galega, gobernada por Martiño Noriega á fronte de Compostela Aberta, En Marea rexistra igualmente un descenso duns 3.000 votos, fronte ao ascenso do PP nuns 1.000 e do PSOE nunha cifra similar.

En canto a Pontevedra, que goberna o BNG, o Bloque sitúase tamén como quinta forza, por detrás do PP, que obtén uns 1.000 votos máis; de En Marea, que cae nuns 2.000; do PSOE, que practicamente se mantén, cun lixeiro ascenso; e de Ciudadanos, que logra menos apoios.

En Lugo, son uns 2.000 apoios máis os que recibe o PP, fronte a En Marea, que baixa en case 3.000. O PSOE, case sen variación, sobe nunhas poucas papeletas (en torno ao centenar) e Cidadáns, como o Bloque, cae.

No que respecta a Ourense, a perda de En Marea cífrase nuns 3.000 votos en comparación coa anterior convocatoria de eleccións xerais. Crece o PP en máis de 1.000 apoios, case se mantén sen variación o PSOE e Cidadáns e o BNG perden respaldos.

Extrapolación

Con todo, e a pesar da suba do PPdeG, o certo é que con estes resultados, Feijóo non revalidaría a maioría absoluta. A pesar de acadar o 42% dos votos, quedaría lonxe da maioría absoluta. Perdería seis actas, e tería que gobernar con Ciudadanos, que obtería seis escanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

5 Gamela

VIGO e o seu batacazo de 9.000 votos ten moito que ver cun ano de inactividade da mal chamada Marea de Vigo. Á xente non lle gusta que lle tomen o pelo. Non lle gusta ver a un señor moi grandote dicir palabritas á prensa sen mover ficha no Pleno do Concello de Vigo. Non lle gustan as seitas que se reúnen en bares e cafeterías sen practicamente convocar á cidadanía, si desde o primeiro minuto a Marea de Vigo reunísese no Auditorio do Concello seguramente a cidadanía estaría encantada de asistir aos debates e realizar suxestións... Pero nin Rubén Pérez (IU) nin os seus compañeiros tiveron a ben aceptar que estaban sentados no Pleno para SERVIR á Cidadanía (non para pasearse polas reunións internas de En Marea e IU ou Anova).

1 Gamela

A cidadanía xa non traga con aprendices de políticos (para iso xa están os "profesionais" aínda que sexan corruptos!) non tragamos con quen entra dicindo que son a NOVA POLÍTICA e logo dun ano enteiro apenas teñen no seu haber media ducia de comunicados de prensa e punto pelota! NADA DE NADA, creron que se podía facer política desde Twitter ou Facebook e é EVIDENTE que iso vale cando non cobras un duro. Pero cando metes máis de 30.000 euros no peto (en nómina de Abel) tes a obrigación de facer algo máis que charlas de cafetería... E a cidadanía retiroulles a confianza, 8.862 persoas menos, son moitas persoas menos!

2 Gamela

Mentres outros colectivos coma OS NINGUÉNS / ODS COIA / PAH VIGO daban a cara día si e día tamén, os señoritos da Marea de Vigo asinaban comunicados! Se alguén pensa que a cidadanía é parva basta seguir así e nas autonómicas veredes resucitar a FRAGA IRIBARNE!

4 Héctor Sánchez

O do PP o entendo porque hai un gran sector de xente conservadora. A fin de contas, os 14 deputad@s de máis do PP son 8 quitados ao Cs, 5 ao PSOE e 1 ao PNV. O realmente sorprendente é a perda dun millón de votos de Unidos Podemos, (55.000 en Galicia). Son votos perdidos pola súa esquerda. Iso leva a pensar que tivo que influir que a Coalición non criticou directamente ao PSOE -que era o seu competidor electoral-. E que falaron moito de socialdemocracia. Está claro que moita xente de esquerdas non os votou. Agora. Resulta raro perder un millón de votos. Raro. E tremendo. Pero moi raro, moi raro, moi raro.

1 Montesío

Pois eu penso que, aparte do efecto TV, Unidos-Podemos só pode cambiar algo se ten maioría absoluta. Moita xente ten isto claro e tamén que ía quedar moi lonxe para pasar por riba do PP-PSOE-CIUDADANOS, e non se molestou en "estropear" o seu fin de semana indo a votar. E así nos vai.

3 Un de ANOVA

A loita nunca foi doada no noso país malia todo,eu coido que A Marea esta preto da victoria.

2 Eladio Lestrove

Houbo desmobilización das esquerdas. En MAREA- A nivel municipal hai que aprender a pechar a boca antes de decir estupideces, como a do "rosa" da carreira da muller. O alcalde perdeu tamén varias oportunidades de ouro para reivindicar o Porto Exterior. Que si, que todos sabemos o que é, pero está feito, e hai que amortizalo. Hai que vendelo. E se non che gusta ser un vendedor, non te preocupes que xa che quitarán os do PP o chope. A nivel estatal prsentaron o Brexit coma unha debacle, alineándose cos vendedores de medo, E, diante do medo, a xente non vota ou vota "seguidismo". O medo é o inimigo. Vende ilusión (pero non vendas "amor", coma o perseguidor de patriarcados). PIreclamando a herdanza de ZP, o ZP dos bombardeos de Libia e dos recortes. ¿Queres xogar a ser centrista? A iso xa xogan outros, ti tes que xogar a ser de esquerdas, orgulloso e vendendo ILUSIÓN. BNG coido que algún está moi contento: nas catacumbas estase moi ben. Gústalles, seguro

1 anonimo

Hai que esixir un reconto dos votos ante o raro que parece que as enquisas errasen tanto.