Crece o déficit en Galicia un 16%, ata os 93 millóns

A pesar dos axustes orzamentarios da Xunta, o déficit galego é superior en 0,14% a dun ano antes, en concreto 13 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2016 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Galicia rexistra un déficit de 93 millóns de euros nos catro primeiros meses do ano, o que supón un 0,16% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, de acordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Hacienda.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta | Fonte: Xunta

Deste modo, o déficit de Galicia aumenta un 16,3% en comparación coa súa situación en abril de 2015, cando rexistraba 80 millóns, posto que agora se incrementa ata 93 millóns.

Así mesmo, o 0,16% que supón o déficit sobre o PIB en Galicia é superior ao 0,14% dun ano antes. Con todo, ese 0,16% está por debaixo do 0,23% que acumulan de medias as comunidades autónomas.

Ademais, dáse a circunstancia de que Galicia volve a cifras negativas en abril, tras un primeiro trimestre no que a Comunidade rexistrou 11 millóns de superávit.

DATOS COMUNIDADES

O déficit do conxunto das comunidades autónomas situouse a finais de abril no 0,23% do Produto Interior Bruto, por debaixo do 0,34% rexistrado no mesmo período do ano anterior. O obxectivo para todo o ano é o 0,7%.

A cifra reduciuse ata ese mes un 29,5%, ata os 2.624 millóns, segundo a información facilitada polo Ministerio de Hacienda.

Por comunidades autónomas, só o País Vasco bota un saldo positivo (+0,32% do PIB), mentres que La Rioja queda a cero, Asturias no 0,03% e Navarra rexistra un déficit do 0,07%.

No outro extremo, Extremadura rexistra unha necesidade de financiamento do 0,93% do PIB, o maior de todas as rexións, por enriba do que tivo en abril de 2015 e a única por enriba do obxectivo previsto para todo o ano 2016.

Séguenlle, a distancia, Andalucía (0,39%), Comunidade Valenciana (0,32%) e Cantabria (0,32%). Madrid e Castilla-La Mancha sitúanse no 0,28%, Aragón no 0,26%, Castilla e León e Cataluña no 0,24% do PIB, e Murcia, no 0,23%. Por debaixo quedan Galicia (0,16%), Baleares (0,15%) e Canarias (0,13%).

O ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, insiste en que as comunidades autónomas teñen este ano resortes abondos para cumprir o obxectivo de déficit sinalado, que volve ser ademais o de 2015, non inferior.

Entre outros argumentos sinala a redución de tipos de interese da débeda, a repartición este mes do Fondo de Liquidez Autonómica sobrante de 2015 para compensar o exceso de déficit dese ano (chamado extra FLA, de 5.372 millóns) ou a repartición en xullo da liquidación do sistema de financiamento de 2014 (favorable ás CC.AA. en máis de 7.621 millóns de euros).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta