Cales son os retos e desafíos para Galicia nun mundo globalizado?

Os expertos que participan no I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia salientan o valor da cultura e da lingua galegas para conectarnos co exterior.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 29/06/2016 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

Analizar a política exterior de Galicia nos eidos institucional, económico, social e cultural e “sensibilizar aos actores políticos e sociais da importancia do factor exterior” nun mundo globalizado son, como sinala Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), os dous dos piares do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, coincidindo co 80 aniversario do referendo do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Promovido pola Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 e o Igadi, este congreso, que se celebra na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, en Pontevedra, busca “sinalar os problemas e identificar os retos e desafíos” que permitan orientar a acción exterior de Galicia “nun horizonte inmediato”, como sinalou Ríos na apertura dunhas xornadas nas que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, puxo de relevo a necesidade de dotar a acción exterior “de continuidade, recursos e dunha concepción integrada e estable, exenta de vaivéns políticos ou electorais”.

I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia
I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia | Fonte: DUVI.

Estruturado en catro mesas de debate, o congreso dirixido por Ríos xunto aos profesores Celso Cancela e Álvaro López Mira, nace tanto cunha vontade académica, a de “alentar os estudos internacionais”, como cívico-pegadóxica, relacionada coa necesidade de “explicar mellor a importancia da acción exterior”, nuns tempos nos que “a diplomacia xa non pode ser cousa de elites, senón unha política pública que non se concibe sen a participación e o control cidadán”. Neste senso, servir como un “espazo de reflexión plural con clara vocación de servizo” constitúe outro dos obxectivos dun congreso que este xoves se clausura na Casa das Campás coa participación dos responsables de acción exterior dos gobernos vasco e catalán, informa Eduardo Muñiz no DUVI.

INTERNACIONALIZACIÓN INTELIXENTE

“Queirámolo ou non, a globalización é unha realidade cada vez máis intensa”, salientou o reitor, Salustiano Mato, na inauguración do congreso, na que estivo acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o decano de CCSS e da Comunicación, Xosé Baamonde; o deputado provincial Carlos López Font e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Blanca García-Señoráns. Mato puxo de relevo a necesidade de traballar desde a perspectiva da "internacionalización intelixente”, co obxectivo de que esta vire cara un “movemento de relación entre os pobos e culturas do mundo”, xa que, do contrario “podemos empezar a ter culturas en perigo de extinción”. De aí que o reitor definise como primordial neste a “suma de vontades e coincidencia de obxectivos” entre institucións, nun eido "que ten que servir para irmandar culturas e dotarnos dun músculo mutuo para un crecemento sostible”.

“O posicionamento internacional é fundamental para calquera administración”, engadiu Fernández Lores, nun acto no que Baamonde subluñou que para consolidar a “marca-territorio coa que proxectar Galicia internacionalmente” é preciso facer do idioma “unha das súas ferramentas fundamentais”, motivo polo que alertou dos “prexuízos que aínda hoxe hai na sociedade respecto da nosa lingua”.

Pola súa banda, López Font advertiu das “importantes debilidades” en materia de internacionalización do sector empresarial, tendo en conta “que o número de empresas exportadoras só representa o 4,3%”, mentres que García-Señoráns, salientou neste senso que as cifras de exportacións rexistraron unha tendencia positiva nos últimos catro anos, sendo neste 2016 un 7,5% superiores ás do anterior. 

“UNHA NACIÓN CULTURAL ABERTA AO EXTERIOR"

"Galicia, cédula de universalidade" é o título da conferrencia na que o presidente do Consello da Cultura Galega puxo sobre a mesa, partindo “dunha idea que parte da asemblea fundacional do Partido Galeguista en 1931”, a concepción de Galicia como “unha nación cultural aberta ao exterior”. De aí que Villares salientase o “papel esencial” da cultura, do idioma e os lazos que este abre co mundo lusófono ou mesmo da emigración, como fortalezas a ter en conta “se queremos dicir algo no mundo”.

Mais, ao mesmo tempo, tamén incidiu nas debilidades que atopa nas relacións exteriores, “que non están desvinculadas da política interior”, motivo polo que subliñou que “se no conxunto de España non temos unha complicidade sobre a nosa pluralidade cultural e lingüística, será difícil facer unha acción exterior que non sexa vista como competición”. Así mesmo, este catedrático de Historia Contemporánea defendeu a necesidade dunha “maior coordinación institucional”, que permita “seleccionar ben os obxectivos estratéxicos e establecer prioridades”, así como unha “visión máis pluralista e estable”. Nese senso, puxo de relevo que “toda a atención que se presta a acción exterior significa tamén reforzar a viabilidade e futuro da propia Galicia interior”. 

DEBATES

Retransmitido en directo por UVigo-TV, o congreso completou a súa primeira xornada cunha mesa centrada no eixo institucional na que participaron Jesús Gamallo, Xose Antón Pérez Lema e Pilar Pin. Xa o xoves, continúa cunha sesión económico-empresarial na que participan o ex-presidente da Xunta Fernándo González Laxe; o director do Igape, Abel Veiga, e Manuel González López; seguida dunha mesa social na que intervirán Emilio Martínez Rivas, Teresa Moure e Xavier Alcalá, para afondar pola tarde no eido educativo-cultural con Margarita Ledo, Antón Reixa e Xosé Ballesteros. 

As conclusións das xornadas, que se clausuran ás 20.00 horas coa participación da secretaria xeral de Acción Exterior do Goberno Vasco, Marián Elorza, e o director xeral de Asuntos Multilaterales e Europeos da Generalitat, Manel Manonelles, serán recollidas nun número monográfico da revista Tempo Exterior, segundo apunta López Mira, que incide no valor das sinerxías xeradas entre o Igadi e o Observatorio da Gobernanza G3. “No modelo territorial, organizativo e político multinivel no que vivimos non nos pode resultar alleo o aspecto das relacións internacionais”, engade da que é unha das liñas de traballo deste grupo de investigación, a través de iniciativas como a Cátedra Jean Monnet Understanding the UE in the 21st Century, da que é titular Cancela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta