Os grandes rifan por Vero Boquete

A futbolista compostelá, aínda cun ano máis de contrato co Bayern, dá por rematada a súa etapa no fútbol alemán e medita entre as catro ofertas coas que conta: PSG e Lyon en Francia, e Manchester City ou Chelsea en Inglaterra.

Por gcdeportes | Compostela | 30/06/2016 | Actualizada ás 08:40

Comparte esta noticia

Sóbranlle as ofertas, e ofertas dos grandes do fútbol europeo. Mentres participa na organización da súa escola de verán en Porto do Son, a compostelá Vero Boquete medita sobre o seu futuro máis inmediato. Aínda que ten un ano máis de contrato co Bayern de Múnic, non seguirá no fútbol alemán, e xa conta co visto e prace do club bávaro para seguir colleitando éxitos noutro país.

Vero Boquete celebra un gol co Frankfurt alemán.
Vero Boquete celebra un gol co Frankfurt alemán.

“Estas dúas tempadas xa conseguín o que quería, a Champions e a Bundesliga, e a verdade é que o estilo de xogo non é o que máis me favorece", explicou Vero Boquete na TVG sobre o seu paso polo FFC Frankfurt, equipo co que se converteu na primeira española en gañar unha Champions, e o Bayern de Múnic, co que gañou a última Bundesliga. A compostelá ten claro que quere quedar no fútbol europeo, e estuda as catro ofertas que ten sobre a mesa: PSG e Lyon no fútbol francés e Manchester City e Chelsea no fútbol inglés.

“Tanto Francia coma Inglaterra son países nos que non estiven, e tanto o PSG coma o Lyon son grandes equipos en Francia, e o City e o Chelsea son grandes en Inglaterra... Así que entre eses catro estará a decisión”, asegura Vero Boquete, tamén capitá da selección española, que de momento non quere desvelar o seu futuro e adia a decisión á vindeira semana. Tamén pospón o seu regreso ao fútbol español, malia os rumores que falaban dun interese do FC Barcelona.

Vero Boquete, nun adestramento co Bayern.
Vero Boquete, nun adestramento co Bayern. | Fonte: @UWCL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta