O ex-presidente de Novagalicia di que denunciou ante a CECA a chantaxe de Ausbanc

José María Castellano afirma que a Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios chantaxeou a entidade financeira con 300.000 euros e que denunciou a extorsión ante a Confederación Española de Caixas de Aforros, onde lle dixeron que non podían facer nada "corporativamente".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/06/2016 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

O ex-presidente de Novagalicia José María Castellano afirmou este xoves que a Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios (Ausbanc) chantaxeou á entidade financeira con 300.000 euros e que denunciou a extorsión ante a Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), onde lle dixeron que non podían facer nada "corporativamente". Así o manifestou ante os medios de comunicación, tras saír da Audiencia Nacional, onde estivo a declarar durante uns 20 minutos ante o xuíz Santiago Pedraz, en calidade de testemuña, na causa na que se investiga a Ausbanc e Manos Limpias por presuntos delitos de extorsión e ameazas.

Feijóo saúda a Castellano ante o ex-presidente de Caixanova.
Feijóo saúda a Castellano ante o ex-presidente de Caixanova.

Castellano explicou que as extorsións comezaron despois de que decidise cancelar todos os contratos que tiñan asinados coa asociación que preside Luis Pineda. Segundo relatou, cando chegou á presidencia de Novagalicia, recibiu unha carta e un artigo de Ausbanc no que se falaba del de forma "moi positiva". Debido a que non coñecía á asociación, preguntou sobre ela e lle dixeron que "tiña que ter moito coidado porque habían rumores" de que cobraban diñeiro ás entidades bancarias e "de fóra do sector".

Ademais, aseverou que as dúas caixas galegas por entón —Caixa Galicia e Caixa Nova—, antes de fusionarse en Novagalicia, si pagaban unha cota a Ausbanc.

Tras estas advertencias e ao ter en conta que a situación de Novagalicia era moi complicada naquel momento polas cláusulas chan e as preferentes, Castellano decidiu cancelar todos os contratos. Nese momento, foi cando o secretario do consello e o director de comunicación recibiron a "chantaxe" de 300.000 euros por parte de Ausbanc e cando se comezou a facer unha campaña de desprestixio do daquela presidente da entidade.

"Eu non teño nada que ocultar", subliñou Castellano, ao mesmo tempo que dixo que este tipo de extorsións con el "non funciona", aínda que haxa moitas máis entidades financeiras que levasen mesmo "vinte anos pagando "cantidades moi importantes a estes señores".

Non obstante, denunciou os feitos ante a Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), onde se lle dixo que polos seus "estatutos non podían facer nada corporativamente" e que as decisión de pagar ou non pagar a outra empresa dependían da "propia política" do banco en cuestión.

Por outro lado, destacou que durante a época das preferentes, el mesmo sufriu dous escraches na casa e practicamente había xente "todos os días tocando o bombo diante das oficinas" de Novagalicia, aínda que recoñeceu que non sabe se estas manifestacións eran organizadas por Ausbanc.

En canto ás declaracións que fixo ante o xuíz Pedraz, resaltou que ratificou o que declarou ante a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) e que só recibiu "dous ou tres" preguntas da Fiscalía e o mesmo do avogado de Manos Limpias. "Estaba todo moi claro pola miña parte", concluíu.

INVESTIGACIÓN

As declaracións de Castellano atópanse dentro da rolda de interrogatorios que o xuíz instrutor fixo a representantes de distintos bancos, entre eles o ex-presidente de Caixa Madrid Miguel Blesa, que acusou o seu sucesor na Presidencia da entidade, Rodrigo Rato, de ceder ás extorsións de Pineda para blindarse das presuntas presións que este estaba a facer tras non renovar uns servizos publicitarios.

Por outro lado, os directores de comunicación de BBVA, Javier Ayuso e Ignacio Moliner, declararon que a avogada de Manos Limpias no caso Nóos, Virginia López Negrete, participou xunto a Pineda nunha "actuación concentrada" para premer a entidade que preside Francisco González, a cal compareceu no procedemento como acusación particular.

Este xoves tamén declara a ex-colaboradora de Ausbanc e Manos Limpias Montserrat Suárez, no marco do proceso aberto no que se investiga se a asociación que preside Luis Pineda realizou prácticas intimatorias contra as entidades financeiras para que lle pagasen "cuantiosas" achegas económicas a cambio de non dirixir campañas de "desprestixio" ou accións xudiciais contra elas.

Ausbanc chegou a recadar 38,9 millóns de euros das entidades financeiras encubertas como pagamentos por publicidade, estudos de mercado ou patrocinios de xornadas. Tamén recibiu subvencións e cotas de socios aos que premía, aproveitando a súa confianza, para aparentar ser unha "asociación de consumidores potente e poder acceder" ás axudas públicas. De feito, os investigadores detectaron presións nos casos Nóos, Sabadell, Unicaja nos 'ERE' e Facua e cren que estas prácticas se estenderon ata en Reino Unido, Colombia, Venezuela e EEUU.

Por iso, Pineda é investigado polos delitos de fraude nas subvencións, estafa, administración desleal, extorsión, ameazas e pertenza a organización criminal. Pedraz tamén atribúe os últimos tres delitos mencionados ao secretario xeral de Manos Limpias, Miguel Bernard.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA