A Xunta xustifica o atraso da campaña contra os lumes pola situación climatolóxica

A Xunta contratará a 500 brigadistas do Seaga a mediados de xullo. Insiste en que, a pesar do atraso na contratación de helicópteros, os medios aéreos estarán dispoñibles grazas á colaboración do Goberno español.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/06/2016 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace á contratación de 500 persoas por parte da empresa pública Seaga para traballar na campaña contra os lumes deste verán. Unha contratación que se fará efectiva entre o 13 e o 15 de xullo, medio mes despois do inicio oficial da campaña contra os incendios.

Un helicóptero traballa nun lume en Galicia
Un helicóptero traballa nun lume en Galicia | Fonte: que.es

Un atraso que o presidente da Xunta xustificou aducindo a situación climatolóxica, en clara alusión, ao tempo inestable que estamos tendo en Galicia desde a primavera. “É a situación dos montes e dos bosques galegos o que marca o inicio da campaña”, sinalou en alusión ao tempo inestable que impide que haxa un período de calor continuado. “Ademais, ata agora, tivemos un período tranquilo. Esperemos que os tres meses de verán sexan así”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Sobre a contratación destes 500 efectivos dixo que traballarán en 125 brigadas de catro membros en traballos preventivos e de extinción de lumes. O seu traballo durará tres meses, ata mediados de outubro. En todo caso, as maquinarias estarán operativas ata o 31 de outubro.

Ademais, neste período estival estarán operativos 270 axentes autonómicos para previr e investigar os lumes, algúns deles integrados no equipo multidisciplinar de loita contra os lumes. 

O operativo contra o lume, que suma 5.700 efectivos galegos, complétase con outros 1.300 do Ministerio de Defensa, da UME, dos corpos e forzas de seguridade do Estado e do Ministerio de Agricultura.

Atraso na contratación de helicópteros

Por outra banda, tamén se referiu ao atraso na contratación dos helicópteros que substituirán ás 5 avionetas que non se poderán contratar ao quedar o concurso deserto. Uns helicópteros que non chegarán ata agosto.

En todo caso, quixo mandar unha mensaxe de tranquilidade. “Desde o 1 de xullo estarán operativos 16 helicópteros, un máis que en 2015”, dixo ao indicar que acordou co Ministerio de Agricultura desviar helicópteros a Galicia se hai un repunte dos lumes antes de que se contraten eses 5 helicópteros. En todo caso, tamén avanzou que tamén autorizou á contratación urxente de aeronaves, aínda que sexa por días, ante eventuais situacións.

Preguntado por GC sobre o peche da base de helicópteros de Valdeorras, o presidente galego Feijóo dixo que descoñecía os motivos. A CIG denunciou este mércores que isto "deixa ao descuberto boa parte da actuación dun distrito forestal coa orografía máis complicada de toda Galiza e cunha riqueza ecolóxica e forestal dun importantísimo valor”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta