Malestar en certos sectores do BNG de Lugo pola saída desta forza da deputación

Dirixentes desta formación critican os modos cos que a Executiva nacionalista actúa na deputación de Lugo e non noutros organismos provinciais e cren que deixar este órgano afectará aos concellos nos que gobernan ou cogobernan.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 01/07/2016 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Dirixentes e representantes institucionais do BNG de Lugo teñen amosado nas últimas horas o seu malestar pola decisión da dirección da formación nacionalista de rachar o acordo de goberno na Deputación de Lugo.

Antonio Veiga e Darío Campo fronte a Deputación de Lugo
Antonio Veiga e Darío Campo fronte a Deputación de Lugo | Fonte: BNG

De feito, a decisión tomouse sen ter en conta a opinión de alcaldes e tenentes de alcaldes que o BNG ten en Lugo, segundo as fontes consultadas por Galicia Confidencial. Unha decisión que tomou a Executiva e que lle trasladou aos dous deputados que formaban parte do goberno do organismo provincial.

A saída do BNG da deputación provocará, segundo estas fontes, que a visualización do BNG na provincia sexa “case nula” e ralentizará, cren, os acordos que as áreas nacionalistas da deputación tiñan acadado con concellos nos que goberna o cogoberna o Bloque. Os nacionalistas teñen a alcaldía de Ribadeo, Muras e Pobra do Brollón e cogobernan noutros concellos, o máis importante, Sarria.

Ademais critican os xeitos que tiveron destacados membros da Executiva con Lugo á hora de tomar esta decisión e lembran que o acordo entre todas as forzas da deputación “era inevitable” para evitar a paralización do ente provincial. Neste sentido, lembran, como xa fixo o propio presidente Darío Campos, que o BNG aprobou en Foz as contas do PP, a pesar de que esta formación está en minoría. “Xa había un precedente”, indican. “O que tiñamos que facer era vender o que conseguiamos sacar nesas negociacións que non era pouco”, suliñan.

Neste sentido, critican que non se teña a mesma sensibilidade en Pontevedra e A Coruña que en Lugo. De feito, a propia secretaria de Organización do BNG e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Goretti Sanmantín, mesmo chegou a desautorizar a Bieito Lobeira, ao dicir que non había que revisar os acordos do BNG en Pontevedra e A Coruña, tras o acontecido en Lugo.

As fontes consultadas din que, a partir de agora, será difícil a postura do BNG no propio organismo provincial porque, a pesar de ter estado gobernando durante os últimos anos, votará en contra do PSdeG nalgúns puntos e mesmo coincidirá no sentido da votación co PPdeG.

Votación en contra

De feito, este mesmo venres, o  Grupo do BNG na deputación posicionouse en contra da compra do edificio da Cámara de Comercio por parte do organismo provincial ao entender que unha institución pública non pode gastar un 1 millón de euros nun edificio cando na cidade hai edificios públicos baleiros e outros con necesidades urxentes de restauración.

O BNG lembra, nun comunicado, que xa lle transmitira ao presidente da deputación a súa posición definitiva cando aínda estaban no goberno. “As institucións públicas non teñen que estar aos servizo das organizacións empresariais para sanearlles as contas cando quebran ou non teñen os beneficios necesarios debido ao saqueo á que a someteron”, criticou Xosé Ferreiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 2bpE

En Lugo hai certas persoas que dende o primeiro dia fixeron imposible o goberno da deputación de lugo, e vou poñer nomes, o deputado Xosé Ferreiro, que pensa que é mellor axitar que gobernar, Suso de Navia que no fondo estaba contento con que non houbese moción de censura, Paz Abraria que ainda estando en retirada está en contra de que os alcaldes nacionalistas de lugo aproveiten a deputación. O que non entendo é como a executiva do BNG lles fai caso, cando na provincia xa non teñen moitos seguidores,

5 UPG

Este é outro dos últimos responsos da UPG / D-E-P. Tomarlle o pelo a xeneracións enteiras para este final. Patético...!!

4 lugues

triste espectaculo, triste decadencia, triste final do BNG... uns querendo aproveitar a deputacion clientelar (onde o Bloque fixo o mesmo que o PPsoE: caciquismo e repartir favores), outros aparentar dignidade (cando apoian a Carmela Silva e a Valentin Formoso, que representan os maiores fraudes a limpeza).

3 fAER

El BNGe es un partido en peligro de extincion.

2 Estou en bascuas

Fiabilitá total das fontes oiga me lo contó uno del Bloque. Que lle dixo hoxe Iglesias ao seu discípulo Beiras? Se é que o recibiu en audiencia ao final. Igual aínda lle fai esperar antes de darlle a patada no ipurdi

1 comunista independentista

E a tí que che importa? És policía?