De Lara investiga as contas do PP de Santiago cando Conde Roa gañou por maioría absoluta

Alude a unha entrega de 5.000 euros de Vendex a Ángel Espadas, que logo foi xefe de gabinete, en vésperas das municipais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2016 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

A xuíza instrutora da Operación Pokémon, Pilar de Lara, ordenou a Vixilancia Aduaneira que examine os ingresos en efectivo que se realizaron nas contas do PP de Santiago de Compostela en 2011, ano no cal este partido situou na Alcaldía compostelana a Gerardo Conde Roa, ao obter a maioría absoluta.

Conde Roa entrega o bastón de alcalde de Santiago a Ángel Currás
Conde Roa entrega o bastón de alcalde de Santiago a Ángel Currás

Nun auto con data do 1 de xullo pasado, ao cal tivo acceso Europa Press, a xuíza ordena librar oficio ao Banco de Santander para que facilite a Vixilancia Aduaneira corpo que actúa como policía xudicial nesta causa contra a corrupción, os contratos, sinaturas autorizadas e movementos completos de contas do PP de Santiago e que informe de todos os ingresos en efectivo realizados en 2011, con identificación completa do ordenante.

Ademais, a xuíza sinala que, unha vez recibida esta documentación, decidirá novas dilixencias. En concreto, menciona a citación aos responsables das contas bancarias do PP de Santiago, entre eles o exalcalde Conde Roa, o daquela secretario xeral do partido nesta cidade Manuel Luis S.C. e unha terceira persoa que estaba autorizada a operar nestas contas.

No seu auto, a xuíza recorda que do exame da contabilidade das empresas do Grupo Vendex, que se sitúa no epicentro da trama de corrupción que investiga a Pokémon, así como das dilixencias e declaracións practicadas, dedúcese que os altos cargos neste grupo deseñaron unha política empresarial "para lograr adxudicacións das administracións públicas, especialmente das municipais".

SUBORNOS

Ao respecto, alude a supostos subornos, tanto mediante o pagamento de diñeiro como a entrega de regalos, a autoridades municipais, políticos e funcionarios que, directa ou indirectamente, influíron en funcionarios que forman parte de órganos de contratación para obter contratos coas administracións "e moi en especial coa local".

Ademais da contratación das persoas "recomendadas", Pilar de Lara menciona "pagamentos de diñeiro" e, en concreto, recorda que en maio de 2011, cando tiveron lugar as eleccións municipais, realizaríanse "pagamentos de elevadas sumas de diñeiro, sen causa xustificada lícita aparente, a distintas persoas con cargos institucionais e/ou políticos".

En concreto, Pilar de Lara refírese á entrega, "posiblemente o día 20 de maio de 2011", de 5.000 euros a Ángel Espadas, que era xefe de gabinete de Conde Roa e que chegou a estar encarcerado pola súa vinculación con esta trama, pola que permanece imputado.

A xuíza enmarca esta entrega de diñeiro na bautizada como "Ruta do Bacallau", que consistía en percorrer as principais cidades galegas supostamente para distribuír diñeiro trasladado dende Madrid para a súa entrega a distintos cargos ou persoas con responsabilidades institucionais e políticas en organismos cos que Vendex tiña relación económica, dados os concursos públicos que convocan.

O auto de Pilar de Lara baséase en informes de Vixilancia Aduaneira que, entre outros extremos, constata a realización de varios ingresos en efectivo --13 en maio e catro en xullo-- nos que non é identificada a persoa física ordenante. "Chama a atención que varios de tales ingresos en efectivo non identificados foron realizados no mesmo día e en operacións sucesivas e realizadas case no mesmo acto", advirte a xuíza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta