Temas: FOGAR POBREZA

Aumentan os fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes

Un 10% dos fogares galegos sofre para chegar a final de mes, un 3% máis que a comezos de ano. O 14% diminuíu gastos comúns como roupa e calzado, así como transporte. Ademais, o 13,25% cambiou os seus hábitos de compra, comprando marcas brancas ou produtos de oferta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2016 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Os fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes aumentan no segundo trimestre deste ano ata supoñer o 9,52% do total, fronte ao 6,96% dos tres primeiros meses do ano.

De compras nas rebaixas de verán
De compras nas rebaixas de verán

Así figura na Enquisa conxuntural a fogares que este martes publica o Instituto Galego de Estatística (IGE), na que se observa que ese 9,52% de fogares que chegan a fin de mes con moita dificultade tamén é superior ao 7,48% do mesmo trimestre de 2015.

De tal forma, tamén descende o número de fogares que chega con facilidade a fin de mes dende o 45,7% do primeiro trimestre ata o 44,37% do segundo trimestre, se ben esta última cifra é máis de cinco puntos superior á dun ano antes (38,9%).

Aínda que se incrementan os fogares que chegan con moita dificultade a acabar o mes, descende os do grupo que teñen dificultades ata o 46,11%, fronte ao 47,34% do primeiro trimestre.

CAE A CONFIANZA DO CONSUMIDOR E TODOS OS INDICADORES

Nesta estatística do IGE tamén se recolle que no segundo trimestre de 2016, o indicador de confianza do consumidor descende en 2,43 puntos respecto aos tres meses anteriores ata quedar en -16,37 puntos.

Sobre este extremo, o indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. De tal forma, canto menores son os ingresos máis baixos son os valores de confianza.

De feito, no segundo trimestre de 2016 diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución: a capacidade futura de aforro (baixou 4,6 puntos), o indicador de situación económica en Galicia (3,14 puntos menos), a situación financeira persoal (baixada de 1,68 puntos) e o de desemprego (descenso de 0,33 puntos).

UN 20% NON REALIZOU GASTOS EXTRA NOS ÚLTIMOS TRES MESES

Por outra banda, o 19,91% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra --gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou compras maiores das habituais, entre outros-- nos tres últimos meses.

Así mesmo, o 14% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns como roupa e calzado, así como transporte. Ademais, o 13,25% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, comprando marcas brancas ou produtos de oferta.

O 71,38% dos fogares galegos pensou en saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro nos próximos tres meses; mentres que o 32,67% ten previsto aforrar algo de diñeiro, o 29,09% facer algún extra en produtos de alimentación e o 19,35% pagarse unhas vacacións ou viaxes.

Nesta estatística figura que o 17,32% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal que compraron, o 8,95% o coche e o 2,73% unha segunda vivenda.

Temas: FOGAR POBREZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta