O calendario das listas do PSdeG agrava a tensión interna

Un Comité Nacional galego abordará as candidaturas propostas polas provinciais, aínda que a competencia de aprobalas reside en Ferraz. Fontes do partido falan de desacordo de Leiceaga coas datas elixidas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2016 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

A fenda entre a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, e o candidato á Xunta por este partido, Xoaquín Fernández Leiceaga, semella ser cada vez máis grande. A discrepancia vén agora polas datas para a configuración das listas de candidatos para as eleccións autonómicas de outono, que se pecharán finalmente este mes de xullo, aínda que se barallara a opción de setembro, unha vez que o calendario sexa ratificado en Ferraz, Madrid. A data proposta agravou a tensión interna no partido, xa que Leiceaga prefire pechar as listas en setembro e a decisión, din algunhas fontes, tomouse de costas a este.

Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia
Xoaquín Fernández Leiceaga e Pilar cancela, do PSdeG, presentan dez medidas económicas para Galicia | Fonte: PSdeG.

Segundo o documento ao que tivo acceso Europa Press, elevado pola Comisión Executiva Federal ao Comité Federal para a súa ratificación, o proceso de asembleas locais para as propostas e votacións dos nomes que integrarán as listas arrancará o día 21 e culminará o 28 de xullo. A continuación, trasladaranse ás executivas provinciais para articular as propostas que se debaterán nos comités provinciais. As datas reservadas para tal fin son o 29 e o 30 de xullo. Finalmente, o 31 de xullo é o día previsto para o informe da xestora galega que se remitirá á Comisión Federal de Listas, órgano competente para a ratificación definitiva.

Neste punto, o calendario galego difire do vasco, que tamén foi sometido ao visto bo do Comité Federal, se ben o proceso arrancará antes —este luns— e que inclúe o paso preceptivo das listas polo Comité Nacional dos socialistas en Euskadi.

Segundo explicou Pilar Cancela, en Galicia o Comité Nacional non ten a competencia para ratificar as candidaturas, toda vez que o trámite previo sería que as propostas pasasen pola Comisión Galega de Listas, pero esta decaeu ao facer o propio a Executiva que lideraba José Ramón Gómez Besteiro.

A xestora non ten, en consecuencia, a competencia para ratificar as candidaturas, que deberán recibir o visto bo definitivo da Comisión Federal de Listas.

"ACORDO INFORMAL" PARA QUE HAXA COMITÉ NACIONAL

Fontes consultadas por Europa Press revelaron que este sábado se alcanzou "un acordo informal" entre a xestora, os membros galegos do Comité Federal e a Executiva Federal para que en Galicia se celebre un Comité Nacional no que se abordarán, entre outras cuestións, as propostas das provinciais.

Fontes da xestora recoñeceron que teñen previsto convocar este mes, seguramente o 31 de xullo, dito Comité Nacional, e que nel se "dará conta" con carácter informativo do proceso de elaboración das listas, pero matizaron que estas non poden ser aprobadas no órgano "porque non ten a competencia".

No Comité Nacional tamén se analizará o actual escenario político e está previsto que se avalíe a situación económica do partido e como afrontar as autonómicas de outono, que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou arredor do 20 de outubro.

DISCREPANCIAS POLO CALENDARIO

A data elixida agudizou a tensión interna que viven os socialistas galegos nos últimos días e que se comezou coa proposta de Modesto Pose como senador por designación autonómica do PSdeG, cando a maior parte do grupo apoiaba para o cargo a José Luis Méndez Romeu, quen perdeu as primarias contra Leiceaga.

Leiceaga, que será o candidato á Xunta, xa explicara publicamente que o seu criterio era que as listas se pechasen en setembro. Ademais, fontes do partido lamentaron que "deu a impresión" de que o cambio de calendario foi impulsado unilateralmente pola presidenta da xestora, sen contar con Leiceaga.

Porén, dende a xestora apúntase que a cuestión se abordou "a petición da Federal", en vista de que na reunión deste sábado se ía aprobar o calendario vasco e que ambos os dous procesos son paralelos.

Tamén se defende que houbo "consenso" e que, inicialmente, Leiceaga non discrepou co cambio, se ben outras fontes aseguran que o candidato está "en desacordo" co cambio a xullo e así "llo fixo saber" a Pilar Cancela, coa que falou na pasada xornada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta