As universidades galegas son as máis baratas, pero teñen poucos profesores e recursos

Un informe da Conferencia de Reitores alerta que o país perdeu máis de 400 profesores universitarios en só tres anos. O PSOE reclama diñeiro público específico para solventar esta eiva, solicitude que o PP rexeita.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/07/2016 | Actualizada ás 09:23

Comparte esta noticia

As universidades galegas perderon entre 2011 e 2014 un 7,5 por cento o seu persoal docente, uns 400 profesores menos, segundo datos da Conferencia  de Reitores. O organismo que agrupa aos dirixentes das universidades tamén sinala que os tres centros galegos perderon o 7,5% do seu cadro de persoal docente, máis que a media estatal, que está no 5,7%.

Dende a esquerda, o conselleiro de Educación e os tres reitores das universidades galegas presentan o pacto sobre Medicina
Dende a esquerda, o conselleiro de Educación e os tres reitores das universidades galegas presentan o pacto sobre Medicina

Nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago traballaban 7.605 persoas en 2013 (unicamente o 5% do cadro global en todo o Estado) dos cales uns 4.500 eran persoal docente e investigador. 

Conflito na USC

A insuficiencia de profesores provocou mobilizacións incluso nun colectivo tan pouco dado a protestar como os profesores universitarios. Na Universidade de Santiago (USC) existe por exemplo unha Coordinadora de Profesores Acreditados a Cátedra que reclama que a institución recoñeza o que académicamente gañaron. A USC anunciou recentemente que creará catro prazas para novos catedráticos, cifra que os citados profesores cualificaron de ridícula.

Malos datos tamén no referido ao orzamento. Entre 2010 e 2016 as universidades do país quedaron sen un 15% dos seus ingresos, mentres que en España a caída era do 11%.

Gráfica da evolución dos prezos públicos das matrículas universitarias segundo o CRUE
Gráfica da evolución dos prezos públicos das matrículas universitarias segundo o CRUE | Fonte: crue.org

Taxas

Con todo, tamén hai aspectos positivos na evolución das universidades galegas. Todas as Comunidades Autónomas incrementaron no período 2008/2013 os seus prezos públicos para o ensino superior. Galicia coa menor intensidade, 5,1 % e Catalunya alcanzando cotas máximas cun 158%, seguida da Comunidad de Madrid cun 117% e a Comunidade Valenciana cun 93%. De feito, en 2014 as universidades galegas recaudaron menos por matrículas que en 2013, feito inédito no Estado.

Con 713 euros de media, Galicia é a autonomía máis barata de España para cursar estudios universitarios. Se comparamos coa renta per cápita media das familias, só no País Vasco hai que facer menos esforzo para cursar estudios superiores. Isto supón, loxicamente, que nestas autonomías as facultades dependen máis dos cartos que reciben dos gobernos autonómicos. 

Debate no Parlamento

Este asunto foi obxecto de debate onte no Parlamento. O PSOE propuxo comezar con plans específicos de a lo menos 5 anos que afronte as necesidades de profesorado, así como habilitar crédito ad hoc para a contratación de persoal fora do plan de financiamento. Unha proposta que foi rexeitada pola maioría do PP, argumentando que as universidades e a Xunta xa acordaron motu proprio un plan de financiamento a varios anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Bufffff

Cando van abordar a corrución na universidade? Chámase endogamia, o reparto de prazas fixas de docentes por cooptación entre grupos políticos, relixiosos ou familiares. Todos, insisto, todos entran a dedo e todos teñen xente á que queren enchufar así que a ninguén lle interesa frear esta indignidade.

1 indignadíssimo

Senhores responsáveis de Galicia Confidencial. Nom me explico como permitem a este impresentável seguir a participar neste foro depois dos seus nojentos comentários sobre a morte de Agustín Fernández Paz (os interesados, ver comentários nessa nova), que traspasam todos os límites da decência e som um insulto, nom só para a familia do Agustim, senóm para qualquer pessoa civilizada. Esses comentários nojentos, para além de demostrar a catadura moral deste elemento, nom se devem permitir num xornal que se preçe de sé-lo. Obrigado e agardo tomem as medidas oportunas.