Un xulgado manda analizar un contador eléctrico a Valencia ante a alegalidade do laboratorio galego

A Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) non ten ao Laboratorio oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) de Ourense como entidade acreditada a nivel estatal para analizar calibracións de aparellos eléctricos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A titular do xulgado de Instrución número 2 de Mondoñedo emitiu unha providencia para que un contador eléctrico que estaba sendo motivo dunha disputa xudicial entre o seu titular e a compañía e distribuidora eléctrica sexa analizado nun laboratorio en Valencia e non no que ata agora se viña facendo, o Laboratorio oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) de Ourense.

Medición no contador da luz
Medición no contador da luz | Fonte: OCU

E é que a pesar de que a Xunta utiliza este laboratorio como oficial, a Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) non o ten entre os acreditados no Estado para o Control Metrolóxico, tanto na fase de comercialización como no de posta en servizo de contadores de enerxía eléctrica.  Os tres centros autorizados están en Castela e León, Valencia e Barcelona, pero non en Galicia.

Deste xeito, e logo dun levantamento notarial, dito contador foi enviado ao Instituto Tecnológico de la Energía (ITE), con sede en Valencia para o seu análise. A xuíza quere saber se as medidas deste contador poden ser alteradas ou manipuladas por parte da compañía eléctrica para tarifar máis do debido ao cliente.

O contador, propiedade da compañía distribuidora Begasa estaba instalado nun establecemento comercial de Ferreira do Valadouro (Lugo), en réxime de alugueiro e, durante o seu levantamento xudicial comprobouse que carece de precinto.  O propietario do local cre que estaba tarifando de máis e por iso presentou unha denuncia contra esta empresa.

Situación de alegalidade

Durante o proceso, as autoridades ordenaron remitir este aparello ao LOMG de Ourense pero, tras un escrito remitido pola ENAC, a xuíza ordenou que fora levado a un laboratorio oficial. Unha circunstancia que pode modificar a situación na que se atopa este laboratorio xa que, ata agora, a Xunta o consideraba legal e a el remitía todas las probas de medición eléctrica da comunidade.

O LOMG é un centro, integrado na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria e na súa web oficial di que que se encarga  de  servizos de calibración, de medida, de ensaio e de control metrolóxico do Estado de determinados instrumentos.

Ademais apunta que se encarga da “metroloxía legal encadrada dentro do ámbito “obrigatorio” da Metroloxía, e vinculada directamente ós instrumentos de medición e ós métodos de medición, no que concerne ás esixencias técnicas e xurídicas de obrigado cumprimento por parte dos fabricantes, importadores, comercializadores, reparadores e propietarios de instrumentos de medida...”. Unha circunstancia que sería de alegalidade se se ten en conta que a Entidad Nacional de Acreditación non o ten como oficial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta