Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/07/2016 | Actualizada ás 10:00
Un estudo da USC aborda a importancia que teñen os chans galegos para unha boa distribución de plantación de piñeiros para previr incendios forestais. A enxeñeira de Montes Cristina Eimil Fraga aborda na tese de doutoramento ‘Análise de parámetros edáficos e ecofisiolóxicos en relación co nivel de nutrientes e o crecemento de Pinus pinaster en solos ácidos’, algunhas das claves que explican o crecemento e a produtividade das plantacións de piñeiros do país.
Nun escenario de cambio global e ante as ameazas sanitarias, de incendios forestais e vendavais, a xestión dos piñeirais existentes e as decisións de implantación de novas masas deben basearse nun bo coñecemento da nutrición da especie e dos procesos de acumulación de agullas e superficie foliar, segundo sinala a nova doutora, contratada na actualidade como investigadora da UXFS ao abeiro nun proxecto Life que conta con financiamento da Unión Europea.
Esta investigación, que foi desenvolvida na Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC baixo a dirección dos doutores Roque Rodríguez Soalleiro, Esperanza Álvarez Rodríguez e Federico Sánchez Rodríguez, profunda nas relacións entre parámetros del solo e o tipo de roca na que se asenta e o crecemento e produtividade de plantacións de piñeiro do país.
Os resultados indican a capacidade deste piñeiro para adaptarse a distintos ambientes, aínda que as áreas interiores e os solos asentados sobre lousas, cuarcitas e lousas pobres son os menos indicados para establecer plantacións, conclúe.
A doutora salienta na súa tese o cometido determinante do potasio como elemento nutritivo, polo que a súa maior ou menor dispoñibilidade explica a produtividade da especie. Outras influencias tamén importantes son as do calcio e do magnesio, mentres que o nitróxeno non se antolla como parámetro limitante na maioría das plantacións estudadas, xa que os solos eran ricos en materia orgánica.
Importancia do aluminio
A investigación de doutoramento realizada por Eimil Fraga revela asemade que a materia orgánica do solo constitúe unha propiedade clave para favorecer a estabilización do aluminio, elemento tóxico para as plantas, en formas que non afectan á absorción doutros elementos que son nutrientes clave. Neste senso e logo de estudar varios índices de toxicidade do aluminio, avaliados tanto no solo como en raíces e follas, a autora da tese cualifica de boa a adaptación do piñeiro do país a solos degradados por acidificación natural, se ben sinala que a produtividade esperable é maior en lugares onde a toxicidade por aluminio é menor.
Outra das achegas realizadas por Eimil Fraga están ligadas coa presentación de resultados e datos relevantes para usar progresivamente modelos baseados en procesos na xestión sostible destes piñeirais. A aplicación destas recomendacións redundaría nun aumento do recurso madeireiro en cantidade e calidade, así como noutras producións complementarias producidas polos piñeirais, que resultan tamén ecosistemas forestais xeradores de diversos servizos ambientais, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.