Adolfo Domínguez multiplica por máis de tres as súas perdas no primeiro trimestre

O resultado bruto de explotación (Ebitda) foi negativo en 5,3 millóns de euros, fronte aos 2,9 millóns de euros, tamén negativo, obtido no primeiro trimestre do 2015.

Por E.P. | MADRID | 18/07/2016 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

Adolfo Domínguez rexistrou unhas perdas netas atribuídas de 4,22 millóns de euros no primeiro trimestre do seu exercicio fiscal 2016-2017, pechado o pasado 31 de maio, o que supón multiplicar por 3,5 os 'números vermellos' de 1,19 millóns de euros contabilizados o ano anterior.

Unha das tendas de Adolfo Domínguez
Unha das tendas de Adolfo Domínguez | Fonte: adolfodominguez.com

A compañía precisou que este esultado non é comparable xa que o primeiro trimestre do pasado ano reflectiu un beneficio extraordinario por importe de 1,2 millóns de euros pola venda do local situado no Paseo da Habana (Madrid).

As vendas en tendas comparables, que non teñen en conta aperturas, peches, reformas e cambios de venda en depósito a firme, reducíronse nun 11,9% respecto ao exercicio anterior. Non obstante, as vendas comparables do mes de xuño creceron un 4,8% sobre o ano anterior, o que compensa parcialmente a baixada do primeiro trimestre.

A marxe bruta reflectiu un retroceso de 2,7 puntos porcentuais fronte ao exercicio anterior, aínda que non será comparable ata o segundo semestre, debido á externalización e cambio de localización do control de calidade das garantías implantado no exercicio anterior. Adicionalmente, a depreciación do peso mexicano afecta negativamente á marxe, segundo a empresa galega.

O resultado bruto de explotación (Ebitda) recorrente foi negativo en 5,3 millóns de euros, fronte aos 2,9 millóns de euros, tamén negativo, obtido no primeiro trimestre do 2015, debido ao descenso da marxe bruta.

Pola súa banda, o Ebitda axustado foi de -5,5 millóns de euros e inclúe 0,12 millóns de euros de gastos de reestruturación, fronte aos 0,43 millóns de euros do mesmo período do exercicio anterior, debido fundamentalmente ao ERE acordado cos traballadores o ano anterior.

531 tendas

O grupo, que conta cun total de 531 tendas, mantén unha posición financeira neta positiva tras a amortización da débeda financeira producida a peche do exercicio anterior pola venda do inmoble de Paseo de Gracia.

Durante o primeiro trimestre do exercicio 2016, a compañía pechou cinco puntos de venda en España e Portugal, deles un en xestión directa, unha franquía e tres córner en xestión directa. A compañía confiou en que esta redución sexa compensada no resto do exercicio por aperturas comprometidas e por proxectos en proceso de consideración.

Esta información coñécese uns días despois de que o Consello de administración de Adolfo Domínguez acordou o cesamento de Estanislao Carpio como conselleiro delegado da sociedade e anunciou que a súa vacante no consello será cuberta "previsiblemente" por Costas Antimissaris, exdirectivo de Inditex e ata agora director internacional de Marks&Spencer

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta