GC Aberto

25 de xullo. Día Nacional (case) de Galicia

Achégase o 25 de xullo. Achégase o día da Patria Galega.

Por Fernando (http://frei.nos.gl) | GC ABERTO | 19/07/2016

Comparte esta noticia

O último discurso de Nadal do Rei Don Filipe VI, levou incorporado unhas verbas moi pouco banais mentres facía referencia á característica do estado Español: “... un Estado que reconoce nuestra diversidad en el autogobierno de nuestras nacionalidades y regiones;...” (http://bit.ly/1NH8STB ). O monarca español non é sospeitoso de seres un galeguista-nacionalista con ou sen pretensións
independentistas. Máis sendo quen é, non ten reparos en recoñecer ca no estado español hai distintas nacionalidades. Tampouco o é o actual Presidente da Xunta, o señor Feijoo, cando declaraba o 10 de novembro do 2014, dentro da conferencia do círculo de economía de Barcelona, o seguinte: “... Galicia tiene muchos elementos para considerarse una nación sin estado” (http://bit.ly/29dXnFN). Moito menos o é o número dous do PP Galego, Miguel Tellado, cando ao seres entrevistado no programa “Vía V” o 10 de maio deste mesmo ano, dixo: “los Gallegos se han sentido plenamente representados por un Partido Popular que enarbola el Galeguismo como una seña de identidad, y yo creo que eso explica además, el porqué en Galicia el PP, como nacionalidad histórica que somos, tenemos el peso que tenemos, ... (http://bit.ly/29cClIG). E como último exemplo, os estatutos do PSdG-PSOE, onde di no seu artigo 2.2: “Configúrase como un instrumento de desenvolvemento da personalidade da nacionalidade galega e de defensa dos seus intereses.”

Sen entrar en aspectos oficiais coma pode ser o DOG, onde o 1 de xaneiro de 1979 se publica o decreto polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano, (máis xa uns meses antes, no verán de 1978, empregábase por vez primeira esta denominación de forma oficial). Pois como dicía, sen chegar a entrar nestes aspectos, decatámonos que Galicia vive nunha realidade
nacional. Realidade nacional que xa ten un sustento histórico desde que no ano 410 se constitúe como o primeiro reino da Europa cando o pobo Suevo se asenta de xeito estable na provincia romana da Gallaecia, instalando a súa Corte e capital en Braga tras a sinatura do Rei suevo Hermerico dun pacto co emperador de Roma para converter de facto a Gallaecia nun reino independente (Galliciense Regnum). Consolidaríase esta condición histórica de Nación Galega, cando no 449 todos os suevos se converten ao catolicismo, relixión practicada polos galaicos, e cando se comeza a cuñar moeda propia.
Que nos falta entón para que o pobo Galego se decate do que somos, de onde vimos e onde estamos, se xa vivimos nunha realidade nacional? Pois o que nos falta é a normalidade nacional, esa que si posúen outras nacións sen estado con menos historia ca nós. Falo de dar visibilidade a esta condición nos edificios públicos do país. Que o recollan e incorporen aos nomes oficiais das edificacións. Coma exemplos: AUDITORIO NACIONAL DE GALICIA, MUSEO NACIONAL DO POBO GALEGO, e PANTEÓN NACIONAL DE GALEGOS ILUSTRES, en Compostela. ORQUESTRA SINFÓNICA NACIONAL DE GALICIA, na Coruña. REDE MUSEÍSTICA
NACIONAL DE GALICIA, etc, etc, etc.
Até que isto non aconteza, seguiremos sendo unha “case” nación, que iso si, seguirá manifestándose todos os 25 de xullo sen decatarse de que para lograr máis realidade e normalidade nacional resulta máis efectivo a visualización do nome nunha fachada ca centos de manifestacións polas rúas. Máis que lle imos facer. Teremos que seguir cantando o “Nazón de Breogán” até que algúns dos nosos políticos sexan coherentes co seu discurso e cos seus ideais, e para non enfastiarnos de señardades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alexandra

Resulta tan doado coma imposible. Doado pois modifícase nuns días. Imposible pola hipocresía dos dirixentes.