O sector da madeira medra en facturación... e en volume de cortas

Os ingresos creceron en 2015 un 11,2%, até os 1.941 millóns de euros en 2015, e á par superouse unha marca histórica en volume de cortas: 8,25 millóns de metros cúbicos, o maior rexistro desde 1996.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/07/2016 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A industria galega da madeira e do moble vive un momento feliz tras facturar 1.941 millóns de euros en 2015, é dicir, un 11,2% máis que en 2014. Cifra que vai acompañada, entre outros datos, polo récord en volume de cortas: 8,25 millóns de metros cúbicos, o maior rexistro desde 1996. Ademais, o sector emprega a 70.000 persoas. Estas son algunhas das cifras que se recollen no 'Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia,' un traballo que foi elaborado por primeira vez de xeito conxunto entre docentes da Escola de Enxeñaría Forestal e a Confederación Galega de Empresarios da Madeira, Confemadera Galicia.

Presentación do 'Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia'
Presentación do 'Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia' | Fonte: DUVI.

O sector madeireiro sabe que a súa é unha actividade especialmente sensible e sempre no punto de mira, polos estragos que causa nos ecosistemas galegos. Por iso, afánase en xustificar a súa labor con datos económicos para as familias. Así, respecto aos resultados do informe, o secretario e profesor da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, admitiu en primeiro lugar que “aínda que o sector segue pagando moitos danos da crise, xa é apreciable un cambio de tendencia, especialmente en canto a corta de madeira en monte, volvendo a alcanzar e incluso superando a barreira dos oito millóns de metros cúbicos de madeira”. Neste sentido, o incremento no volume de cortas rexistrouse en todas as especies: eucalipto (19%), coníferas (1,5%) e frondosas (7,5%), representando o eucalipto, por sétimo ano consecutivo, máis do 50% das cortas realizadas.

Un dos datos cos que se exemplificou a tendencia favorable do sector son as exportacións, que ascenderon en 2015 a 768,1 millóns de euros, un 2,5% máis que no ano anterior, sendo a pasta para papel o principal produto exportado (189,2 millóns de euros). Esta maior actividade industrial tamén beneficia ás familias, segundo os representantes do sector. Neste sentido, os expertos indicaron que o sector xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e máis de 80.000 familias percibiron rendas pola venda de madeira de case 300 millóns, o que supón un incremento do 14% en comparación con 2014.

DATOS DO SECTOR

En canto ao volume de negocio da industria da primeira transformación (rematantes, serradoiros, taboleiros e pasta...), medrou en 2015 un 12% e situouse en 1.555 millóns de euros, o que, a xuízo dos autores do informe, supón a consolidación da súa fortaleza en Galicia, segundo recolle D. Besadío no DUVI. Nesta liña, o informe especifica que os rematantes tiveron unha maior actividade de cortas de madeira, pero cuns prezos lixeiramente inferiores, alcanzando unha facturación de 424 millóns de euros, un 5% máis ca no ano anterior. 

Plantación de eucalipto
Plantación de eucalipto | Fonte: greenpeace.org

No caso da industria de serradoiros aumentou a produción un 3% e alcanzou unha facturación de 306 millóns de euros e os subsectores de envase, embalaxe e mobiliario de exterior rexistraron tamén un comportamento máis positivo ca os tradicionalmente vinculados á construción.

Destaca tamén o incremento dun 20% na facturación conxunta do taboleiro e a pasta, que ascendeu a 825 millóns de euros, crecemento que os autores atribúen á recuperación económica que se rexistrou no mercado europeo e á situación cambio euro/dólar, moi favorable naqueles mercados e produtos que teñen de referencia a divisa norteamericana.

Na segunda transformación obtivéronse en 2015 mellores resultados, cunha facturación de 386 millóns de euros, un 7,8% máis que en 2014, xa que as empresas souberon aproveitarse de diferentes segmentos de mercado con gran potencial.

PERSPECTIVAS

Respecto ao futuro do sector, Picos incidiu especialmente nun feito: as enormes perspectivas que o futuro depara a este sector. “A día de hoxe non somos aínda conscientes dos produtos forestais revolucionarios que imos ver nun futuro non moi lonxano. De aquí en dez anos disporemos de múltiples produtos derivados da madeira e que a día de hoxe non imaxinamos”.

Entre os diferentes exemplos, este experto universitario falou de conceptos madeira transparente e madeira líquida. “Son diferentes desenvolvementos tecnolóxicos que van facer que a madeira deixe de ser un material tradicional para pasar a converterse nun produto absolutamente innovador e, neste sentido, Galicia ten moitas posibilidades de beneficiarse desta mellora tecnolóxica global”, recalcou Picos, que non dubidou en afirmar que a comunidade autónoma ten “todos os alicerces necesarios para destacar nun sector que vai ser revolucionario nos próximos anos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta