Os arqueólogos atopan evidencias da ocupación castrexa de Formigueiro

O GEAAT da Universidade de Vigo encontrou restos de cerámica que lles permiten confirmar que o lugar onde se ubicou o castelo medieval de Alba de Búbal tivo anteriormente unha ocupación castrexa.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/07/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

En Formigueiro houbo un asentamento castrexo. Así o comprobaron os arqueólogos do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT da Universidade de Vigo. Coas sondaxes xa rematadas e a piques de volver recubrir a zona levantada, os restos de cerámica atopados permiten aos investigadores confirmar que o lugar onde se ubicou o castelo medieval de Alba de Búbal tivo anteriormente unha ocupación castrexa. 

Arqueólogos da Universidade de Vigo, no xacemento de Formigueiro, no Concello ourensán de Amoeiro
Arqueólogos da Universidade de Vigo, no xacemento de Formigueiro, no Concello ourensán de Amoeiro | Fonte: DUVI.

A intervención arqueolóxica comezou a principios deste mes grazas ao convenio de colaboración entre o Concello de Amoeiro e o GEAAT. A colaboración é a catros anos vista e inclúe tarefas de prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación. Ladislao Castro, docente da Facultade de Historia do campus de Ourense, é o director do proxecto e o arqueólogo Celso Rodríguez o director dunha intervención na que participa un equipo de nove persoas.

Segundo explica Ladislao Castro, nunha información recollida por Rosa Tedín no DUVI, os traballos comezaron a principios de mes limpando a zona para poder desenvolver a intervención, xa que o lugar era de difícil acceso. A primeira tarefa dos arqueólogos foi a delimitación do xacemento do Castelo de Alba de Búbal, edificado aproximadamente no século XI, derrocado logo polos irmandiños, de novo reconstruído como cabeza de xurisdición ata a Idade Moderna e do que hoxe en día só se conservan indicios en superficie. Nesta fase, apunta, identificáronse tres plataformas sobre as que se supón estaba asentada a fortificación medieval e outra plataforma, chamada Pena Oubiña, onde estarían pedras do seu derrube e restos dun asentamento romano. Nesta etapa localizaron rebaixes nas rochas, sobre os que se supón se asentarían os sillares do castelo, o punto de subministro de auga e diferentes aterrazamentos do castelo. 

SONDAXES

Durante a intervención realizáronse dúas sondaxes en busca das orixes castrexas, unha ao carón da outra e na zona que se supón era a plataforma de entrada ao antigo castelo e o único lugar do outeiro onde está o xacemento que reunía os requisitos para realizar as catas. Nas dúas sondaxes realizadas, comenta Ladislao Castro, “non documentamos estruturas arquitectónicas castrexas en pedra pero os indicios de cerámica atopados evidencian que alí houbo ocupación castrexa”.

Restos arqueolóxicos atopados en Formigueiro, no Concello ourensán de Amoeiro
Restos arqueolóxicos atopados en Formigueiro, no Concello ourensán de Amoeiro | Fonte: DUVI.

A sondaxe principal, apunta o director do proxecto, permitiu atopar tanto nos niveis de superficie como profundos numerosos restos de cerámica medieval e castrexa de uso común. Á falta de realizar o seu estudo en laboratorio, Castro apunta que atoparon cerámica vidrada do século XVII; cerámica con corpo globular e decoración con dixitalizacións, incisións e acanaladuras da Idade Media, de arredor do século XIV, e pastas grises típicas da cerámica castrexa. Tamén se encontraron elementos metálicos, como cravos, fragmentos de coitelo e moedas. Por último, durante este traballo de campo tamén recolleron castañas e restos de carbón útiles para facer a datación do xacemento.

A segunda das sondaxes consistiu en escavar baixo un muro de forma semicircular que nalgúns textos se indicaba que podería ser un indicio de construción castrexa. “Na cata documentamos rapidamente que se trataba dun muro contemporáneo e non castrexo, habendo debaixo deste muro tella”, explica o historiador. 

Ademais destas sondaxes, durante a intervención tamén se traballou na recollida de material para realizar o levantamento topográfico e planimétrico tanto do coto do castelo, como da capela de Formigueiro como da necrópole do seu redor. Segundo explican os arqueólogos, a zona dos Chaos de Amoeiro, á beira do río Barbatiño, é unha zona de gran riqueza patrimonial, como amosan as estelas “da mellor cultura galaica antiga ou cultura castrexa” reutilizadas na arquitectura local, como as estelas atopadas en Formigueiro e Fontefría. A vindeira semana os arqueólogos procederán a recubrir a zona descuberta nas sondaxes e comezará a fase de estudo dos materiais e da información recadada no laboratorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta