Pontón cre que "as eleccións interfiren" na unificación nacionalista

Avisa a Feijóo de que "ten difícil" arremeter contra os pactos: "Estará a criticar a Rajoy e terá que explicar a contradición", di a candidata á Presidencia da Xunta que aposta por un "novo estatus" para Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2016 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, está "convencida" de que as citas electorais "interfiren" na reunificación do nacionalismo e mostrouse segura de que, tras as galegas, haberá "moitos movementos e moitos cambios". En canto ao escenario e á formulación da campaña electoral, lanza unha advertencia ao presidente da Xunta e candidato á reelección fronte á súa mensaxe contra as alianzas nos gobernos: "Creo que Feijóo ten máis difícil dicir que un goberno bipartito ou tripartito é inestable, entre outras cousas, porque a quen estará a criticar será ao señor Rajoy. Terá que explicar a contradición".

Ana Pontón, líder do BNG
Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: EP

Ana Pontón é, polo momento, a única muller que encabeza unha candidatura á Presidencia da Xunta nas eleccións de outono de entre as forzas máis representativas de Galicia e xa conta con todo o elenco de candidatos que a acompañarán na carreira cara ás urnas, despois de que o consello Nacional aprobara as listas. Ademais dos seus perfís en redes sociais xa consolidadas como Twitter e Facebook, recentemente iniciou o seu periplo en Instagram, a rede social que máis usan os adolescentes, e na cal se poden ver o seu videoblog da súa actividade política habitual.

"Estou convencida dunha cousa: as eleccións interfiren na posibilidade de que se dea (un proceso de reunificación do nacionalismo). E o momento máis oportuno para facer é, xustamente, despois das eleccións", manifestou, nunha entrevista concedida a Europa Press, Ana Pontón.

Así, considerou que se abrirá unha etapa a partir dos comicios de outono con novas expectativas. "Imos ter dous anos, se non pasa nada a nivel de Estado, sen procesos electorais, onde eu creo que vai haber moitos movementos e moitos cambios. E creo que apresurar cousas que non están maduras, o que pode é furtar precisamente que ese proceso se poida producir", expuxo.

"CONECTADOS COS PROBLEMAS"

Sobre o proceso de refundación aberto tras a XV Asemblea Nacional, Ana Pontón explicou que seguiu adiante, aínda que agora a formación nacionalista está centrada nas eleccións.

"O BNG, como toda organización, ten que actualizarse e adaptarse aos tempos que vive, pero dende logo, o BNG está moi conectado cos problemas reais deste país, do que está a pasar e temos que afondar nesa liña. Temos que ter vontade de mellorar, (pero) se ti me preguntas se imos deixar de ser nacionalistas, dígoche que, non, claramente", declarou.

Así, remarcou que o BNG "está un momento no que ten que mirar para fóra". "Hai moitas urxencias sociais e o que non se entendería é que nós estivésemos a mirarnos o embigo cando temos unhas eleccións ás portas, porque o que temos é unha esperanza moi grande no país de que se produza o cambio político e que o nacionalismo sexa catalizador político dese cambio," remarcou.

"PROXECTO NACIONALISTA"

Tras "cinco meses intensos" á fronte do BNG, móstrase "realista, pero optimista" sobre os resultados electorais e recorda que "nunca" foron extrapolables dunhas eleccións xerais a unhas autonómicas.

"Estou convencida de que hai miles de galegos que non só queren a derrota de Feijóo, senón que queren que exista un proxecto nacionalista que teña a súa cabeza e corazón no país; e nestas eleccións imos a por todas", proclamou.

Ana Pontón mostrouse segura de que, despois dos --en torno a-- -45.000 votos das pasadas xerais nun contexto que "non se dera" no Estado, "clarísimamente" o BNG recuperarase dese 'chan' electoral, pero dixo que o Bloque "non vai fixar ningunha meta por arriba nin por abaixo.

Iso si, asegurou: "Noto unha disposición moi diferente, mesmo da propia militancia e simpatizantes á hora de afrontar os retos, xente pola rúa que che di que nas últimas eleccións entendía que non era o momento do BNG, pero co meu apoio para as galegas".

"NOVO ESTATUS PARA GALICIA"

Coas listas xa aprobadas, unicamente repetirán a propia Ana Pontón e outra deputada, Montse Prado, do actual grupo parlamentario, en postos de saída. Outras dúas deputadas xa non seguen despois de manter internamente outra liña política.

"Primeiro hai que dicir unha cousa importante: creo que o grupo parlamentario estivo á altura das circunstancias e non só tivemos capacidade de iniciativa, senón calidade", indicou, antes de asegurar que agora "se"abre unha nova etapa na que hai persoas que deciden non continuar por índoles diferentes", se ben se lles ofreceu a todos, revelou.

Sobre o programa electoral, non quixo aínda avanzar propostas concretas, algo que escusou en que se"está a escoitar" a xente e que, precisamente, serán estas ideas as que recollerá o documento co que os nacionalistas irán ás urnas.

Con todo, mencionou algunhas das ideas que defenden os nacionalistas, como unha tarifa eléctrica propia ou unha banca pública para indicar que a "clave" será: "en Galicia temos capacidade para facer moitas cousas e somos optimistas co futuro do noso país se tomamos as decisións que necesita este país e se realmente confiamos nel".

Preguntada por se está nos plans do BNG recuperar a reivindicación dun estatuto de autonomía, Pontón explicou que esta demanda "nunca foi aparcada", e remarcou que o que se pide neste momento é "un novo estatus para Galicia", singularmente, outro "modelo de financiamento".

ESCENARIO POSTELECTORAL

Situándose nun escenario postelectoral, ratifica que "non é que o diga" ela, senón que os "documentos" da XV Asemblea Nacional avalan que esta formación política está "en disposición a chegar a acordos" nun contexto no que "o PP perda a maioría absoluta". "Sempre condicionado a que se produza un cambio real nas políticas que se veñen facendo no país", apostilou.

Neste sentido, na entrevista con Europa Press, Ana Pontón apelou á forma de actuar da súa formación sempre que tivo ocasión de conformar un goberno alternativo, fronte a outras.

"Formacións políticas que se cansaron de dicir ata a saciedade que o seu obxectivo político era derrotar ao PP e vimos como unha vez que o tiñan derrotado, resulta que non foron capaces de poñerse de acordo", apuntou, en referencia ás negociacións posteriores ás eleccións de decembro.

Así, reivindicou que "o BNG nunca frustrou as expectativas de cambio". "Nese sentido, sempre colaborou para que houbese gobernos alternativos; polo tanto, non creo que ningún galego o dubide neste momento", indicou, antes de agregar: "Ás veces o que si me sorprende é a pregunta, porque o dixemos por activa e pasiva".

E preguntada por como combaterán os nacionalistas o discurso da estabilidade que reivindica o mandatario autonómico en contraposición a experiencias de coalición, Pontón cuestionou que poida manter ese discurso.

"Creo que Feijóo ten máis difícil dicir que un goberno bipartito ou tripartito é un goberno inestable, entre outras cousas, porque a quen estará a criticar entón será ao señor Rajoy", dixo, en referencia á oferta da 'grande coalición' na que insistiu o aínda presidente en funcións dirixíndose a PSOE e Cidadáns.

"É máis, vin que é un entusiasta dos bipartitos e tripartitos a nivel de Estado. Terá que explicarnos o señor Feijóo esta contradición", sentenciou a candidata do BNG á Presidencia da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 André

O BNG con xente como Pontón, a Noa, a Rodil RIP. Pero non teñen outros cadros? Pero quen ideou meter esta xente? Só falta Montse Prado. Toda a ineficacia do BNG xunta. A ver cando se renovan.

3 Desiderio

Hai que falar de independentismo, "á marxe do que digan ou do que resistan certas elirtes nacionalistas pequeno-burguesas que sempre apostaron no “encaixe cómodo” en España e forzaron milleiros de militantes a viviren nunha esquizofrenia política crónica", di Iolanda Galego en Sermos. Unha definición certeira do BNG e da FPG que traballan para manter o seu negocio de partido contentando al madrileño. OS farsantes deben ser destapados sen piedade.

2 Independência

"un novo estatus para Galicia", singularmente, outro "modelo de financiamento". E da soberania, autoderminação, independência ficou onde?

1 Un de ANOVA

Toda esta xente do BNG que nunca traballaron,que levan 20anos vivindo moi ben e xa que logo,non teñen oficio,que farán ao día seguinte das eleccións,cando o BNG non lles poida dar cartiños?

1 Elnuevo

E dio UN DE ANOVA. Juasjuasjuas 5000 euros cobra o vello e iso que non vai case nunca