Incapacidades das esquerdas españolas

Dicía Josep Plà que o máis semellante que había a un español de dereitas era un español de esquerdas. Porque partillaban doutrinas dogmáticas e impermeábeis, refractarias á negociación e unha idea de España unitaria, que percebía a plurinacionalidade como realidade que cumpría superar, cando non coma inimiga. Os anos decorridos non teñen mudado substancialmente as posicións políticas. As esquerdas españolas ben puideron achegarse á realidade plurinacional do Estado con sinceridade e mesmo aprezar no autogoberno das nacionalidades a chave que servise de ferramenta para construir unha sociedade máis xusta, próspera e inclusiva. Mais mercáronlle o discurso territorial á dereita, sen entender que a democracia na España só se pode construir sobre o respecto á liberdade das distintas nacións.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/07/2016

Comparte esta noticia

A esquerda española careceu na Galicia dun discurso a respecto do medio rural ou dos problemas do mar, como tampouco a respecto da economía social, as pequenas e medianas empresas ou as diferentes bases económicas da actividade produtiva galega a respecto da española. Estas cuestións, que afectan aos problemas da xente común, foron sistemáticamente esquecidas das axendas “progresistas” españois.

Ao tempo, o autogoberno víase ás veces como angueira periférica pequenoburguesa e, no mellor dos casos, como cuestións secundarias.  O certo é que para un progresista español a cuestión nacional galega é secundaria, porque non se trata dun problema da súa nación.

Unha auténtica esquerda federal pensaría en global, mais actuaría en local. Enchouparíase primeiro dos problemas e carácterísticas económicas, sociais e culturais do País para logo propór solucións reais e acaídas. Mais a lóxica centrípeta minimiza que o factor territorial é inseparábel do social. O fracaso das esquerdas españolas non habería conlevar o fracaso de coalicións de cambio nas nacións do Estado. Mais o establishment progresista español, chámese PSOE, IU ou Podemos non é quen a velo.

Lembro un misioneiro que nos quería aprender aos rapaces a cantar en swahili. Para él, coñecer esa lingua era un sinal de inculturación indispensábel para enfrontar a súa andaina na África. Nunca entendeu, en troques, que precisaría o galego para o seu ministerio en Galicia.

Cos progres españois pásalles algo moi  semellante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.