Campaña de reciclaxe para preservar as Illas Cíes

Repartiranse 20.000 bolsas de lixo aos pasaxeiros que visiten o arquipélago as dúas últimas fins de semana de xullo e as tres primeiras de agosto.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/07/2016 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

"O que vai a Cíes ten que volver de Cíes". Así reza o lema da nova campaña de reciclaxe para a concienciación dos visitantes do arquipélago vigués. En total, repartiranse 20.000 bolsas de lixo aos pasaxeiros que visiten as illas as dúas últimas fins de semana de xullo e as tres primeiras de agosto.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

Cada viaxeiro embarcará rumbo ás Cíes con tres bolsas para separar os papeis, os envases plásticos e o vidro, cada unha coa súa cor identificativa. Os pasaxeiros recolleranas no despacho de billetes da navieira na que compre o seu billete. Á volta, deberán tirar o lixo nos colectores de reciclaxe situados na Estación Marítima.

Aínda que ata o momento xa estaba prohibido deixar desperdicios no parque nacional, o obxectivo do Concello de Vigo agora é concienciar aínda máis á poboación da importancia de coidar a paraxe e respectar as especies do hábitat. E, para iso, é imprescindible aprender a separar os residuos e tiralos no depósito correspondente.

Os usuarios das navieiras que operan na Estación Marítima recibirán a pé de despacho de billetes un pack con tres bolsas diferenciadas en cor azul, amarelo e verde para separar, respectivamente, papeis e cartóns, os envases de plástico, latas e bricks así como as botellas e frascos de vidro xerados nas Illas Cíes, para despois poder depositalas nos colectores da recollida selectiva de residuos unha vez de regreso á cidade.

Ademais, recibirán unha pequena guía explicativa con información sobre o Parque Nacional e a súa riqueza natural, animal e vexetal e sobre a campaña que está a levar a cabo a empresa concesionaria da recollida de residuos sólidos urbanos. 

Praia de Rodas, nas illas Cíes.
Praia de Rodas, nas illas Cíes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta