Un libro interactivo para coñecer as enfermidades infecciosas a través da arte

Profesores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago editan 'Infect-arte', unha obra para coñecer a través de obras artísticas como os virus, bacterias, parasitos ou fungos capaces de desencadear enfermidades e mudar o rumbo da historia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/07/2016 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O relato dos máis grandes fitos da historia do ser humano corre parello á evolución dalgúns dos máis pequenos integrantes da vida: os virus, bacterias, parasitos ou fungos capaces de desencadear unha enfermidade infecciosa e mudar o rumbo da historia. Agora, os profesores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago (USC) Ángeles Muñoz Crego, Isabel Santos Rodríguez e Rafael Seoane Prado, asinan o libro Infect-arte: aprende las enfermedades infecciosas a través del Arte, unha obra interactiva que busca xuntar “dous mundos independentes” e divulgar a través de preto dun cento de obras de arte, dende a época dos exipcios ata a actualidade, o coñecemento das enfermidades infecciosas ao tempo que reivindica que “convivimos con todo tipo de microbios, a maioría beneficiosos" e que "a Microbioloxía está presente no noso día a día”.

Cuberta do libro ' Infect-arte'
Cuberta do libro ' Infect-arte' | Fonte: USC.

A edición dixital realizada polos docentes da USC está realizada con vocación transversal e achegando un documento no que prima a interactividade. Neste senso, engaden a modo de exemplo os autores, ao paso do cursor por riba dunha imaxe despréganse unha serie de datos nos que se describe o contexto da obra ou, no seu caso, amplíase algún detalle concreto para comparalo cunha imaxe real. Non obstante, o continente ponse á disposición da razón de ser da iniciativa: divulgar as particularidades das enfermidades infecciosas a través da historia da arte. Os seus autores defíneno como unha obra de divulgación para o público en xeral e con valor transversal, xa que “con este libro o estudantado de Ciencias da Saúde poderá aproximarse a arte recoñecendo a enfermidade infecciosa plasmada polo artista”, ao tempo que “o estudantado de arte poderá completar e mellorar os seus coñecementos sobre as obras mostradas”.

Os docentes de Microbioloxía e Parasitoloxía aproveitaron o feito de que estas enfermidades, pola preocupación e incidencia social que espertaron en distintos momentos históricos, son fonte de inspiración e repertorio temático recurrente das obras artísticas de distintas épocas. Tomando en consideración que “a arte sempre conectou coa sociedade” e que cada obra foi un altofalante que retrata distintos aspectos de realidades sociais históricas, Ángeles Muñoz subliña como a preocupación por cuestións de saúde pública non foron alleas a esa tendencia. A peste e a lepra, dúas das patoloxías máis retratadas xunto coa tuberculose, convértense en protagonistas de múltiples cadros en boa medida porque “eran enfermidades estigmatizantes que non se sabían afrontar”. A súa representación aparece asociada en múltiples casos a santos ou iconografía relixiosa xa que “a relixión xogaba un papel importante nos procesos de curación”.

A presenza de enfermidades infecciosas en distintas épocas avaliadas deixa tamén un apuntamento en forma de advertencia, porque a pesar dos constantes avances no ámbito sanitario “as patoloxías asociadas a virus ou bacterias atópanse lonxe de ser algo superado”. Os autores da obra non dubidan en advertir: “Os antibióticos están deixando de funcionar”. Ademais, enfermidades como cólera, tifo ou a difteria constitúen unha cuestión problemática cuxa manifestación está asociada na actualidade a situación catastróficas ou a determinadas tendencias. A modo de exemplo, lembran como a difteria recentemente tense mostrado como mortal en ausencia das oportunas vacinas. Tamén a polio, non erradicada totalmente xa que en países como Pakistán ou Afganistán  impídese a vacinación.

Conclúen os docentes que as enfermidades infecciosas “seguen sendo un reto” e poden manifestarse en calquera momento asociadas a procesos de cambio climático, catástrofes naturais ou a grandes movementos demográficos, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta