Orgullosos de defender teses doutorais en galego

Doutores da Universidade de Vigo que defenderon as súas teses en lingua galega explican por que se sinten orgullosos malia ser unha minoría. En 2015 depositáronse na UVigo preto de medio millar de traballos de doutoramento, pero apenas unha ducia estaban escritos en galego.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/07/2016 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

A lingua inglesa domina a produción científica no mundo e os investigadores prefiren usar este idioma para acadar máis impacto. Tamén a produción científica en español ten un importante oco e impacto, aínda que moito menor que a ciencia en inglés. Porén, e moi escasa, case anecdótica, a ciencia en galego. De feito, hai un dato revelador sobre esta escaseza de literatura científica en lingua galega: en 2015 depositáronse na Universidade de Vigo preto de medio millar de teses de doutoramento, pero apenas unha ducia estaban escritas en galego. A piques de rematar o curso, o DUVI —Diario da Universidade de Vigo— recolle a opinión dalgúns dos investigadores e investigadoras que se decantaron por facer ciencia e facelo na súa lingua propia: o galego. Pertencen a distintos ámbitos: a filoloxía, a tradución, o dereito, as ciencias sociais, a comunicación... e todos coinciden en que a razón principal para ter escollido este idioma como lingua das súas teses de doutoramento é a coherencia, o seu compromiso persoal coa lingua e a cultura de Galicia, e tamén o seu convencemento de que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica. Velaquí as súas opinións, recollidas por D. Besadío.

Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.
Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.

MARGARITA PAJARÓ

Margarita Parajó, xefa da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, presentou a súa tese o pasado mes de decembro, un traballo rigoroso de arredor de 800 páxinas sobre a obriga do contratista público de indemnizar por danos a terceiros. Fíxoo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que, segundo indica a propia Parajó, non consta a presentación con anterioridade de ningunha outra tese de doutoramento en galego. “A situación do galego no eido do Dereito é preocupante”, admite a investigadora, algo que explica por diferentes motivos, entre eles, os escasos esforzos feitos pola administración de xustiza para vencer a inercia do uso monolingüe en castelán –“con escasas e honrosas excepcións ou iniciativas como a Irmandade Xurídica Galega”-. 

“A situación do galego no eido do Dereito é preocupante”

A maiores a porcentaxe do seu emprego na práctica forense aínda está moi lonxe dun uso normal, fundamentalmente, explica a investigadora, porque non hai elementos de prestixio que o fortalezan e porque o seu emprego polos operadores xurídicos non é percibido polos receptores como neutro; ao que engade, outro motivo moi simple “o da comodidade”, xa que as ferramentas neste eido non están aínda de todo normalizadas, case a totalidade do material bibliográfico e xurisprudencial está en castelán, e para os casos que poidan ter acceso a recursos ante órganos xudiciais de ámbito superior ao da comunidade autónoma resulta máis práctico empregar anteriores escritos realizados xa en castelán. “Tampouco semella que se fomente e se anime ao seu emprego desde as facultades; cando eu estudei Dereito só tiven un tema dunha materia en galego, pero ningún dos docentes principais das materias me impartiu ningunha clase en galego”, recalca a xurista.

SALVADOR CASTRO

Outro dos casos máis particulares é o de Salvador Castro, autor dunha tese de doutoramento na que analizou as relacións entre cine e literatura na obra de Manuel Rivas. “A directora da miña tese, Carmen Becerra, pertence ao Departamento de Literatura española e Teoría da Literatura e eu son profesor de ensino secundario e pertenzo ao Departamento de Lingua Española e Literatura, polo que a nosa decisión en canto ao idioma da tese pode sorprender a moitos”, subliña o investigador, ao que engade “claro está que Manuel Rivas ten obra publicada en galego, pero tamén en castelán, e que as súas versións cinematográficas máis coñecidas teñen como lingua orixinal o español”, daquela dado o carácter bilingüe dos textos literarios, xornalísticos e cinematográficos, a opción do idioma da tese era relevante. “Dende o primeiro momento, ambos, a miña directora e mais eu, tivemos claro que a tese debía ser en galego, idioma, por outra parte, moi maioritario nas miñas publicacións anteriores. Tratábase de apoiar unha lingua que, por desgraza, como se confirma con situacións como a que hoxe estamos a falar, está en situación de dificultade”, recalca Castro.

“AS linguas non deberían ser campos de batalla, senón campos de cultivo" 

“Que beneficios e inconvenientes atopamos no uso do galego? Creo que a cuestión non pode ser respondida en termos de beneficios ou inconvenientes, porque asumir ese reto en castelán tamén tería sido enriquecedor”, admite o investigador. Na súa opinión, "as linguas non deberían ser campos de batalla, senón campos de cultivo" e, "do mesmo xeito que se debe defender a biodiversidade, débese proceder do mesmo xeito coa diversidade lingüística". 

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ

No caso do escritor e crítico Miguel Anxo Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual no campus de Pontevedra e autor dunha tese de doutoramento na que analizou o papel dos escritores galegos diante do cinema no período do franquismo, está convencido de que facer a tese en galego non lle supuxo ningún inconveniente e si moitos beneficios. Lamenta que non se xeneralice o emprego do galego e nesa liña repartiría as responsabilidades, incluíndo ás tres universidades galegas por carecer dunha dinámica suficientemente potente de estímulos, tipo bolsas ou patrocinio da edición en galego, e outros na mesma liña. “Para min, unha das maiores satisfaccións desta experiencia foi precisamente esa: a de escribila e defendela en galego. Coa complicidade dos meus directores e máis do tribunal, conste tamén”, recalcou, ao tempo que engadiu que ningún dos dous directores da investigación eran galegos.

“Para min, unha das maiores satisfaccións desta experiencia foi precisamente esa: a de escribila e defendela en galego"

Fronte á crenza de que indo en galego a investigación restrinxirá a súa difusión, o autor considera que de estar interesado na difusión ou a posterior publicación noutra lingua, está a tradución, “polo tanto inconvenientes ningún”.

MARÍA REIMÓNDEZ

Nesta mesma liña, María Reimóndez, escritora e tradutora, apunta que a única chave para espallar o coñecemento non é o inglés, senón a tradución”. A súa tese tratou precisamente sobre a visión feminista e poscolonial da tradución, teorías que poñen en dúbida as estruturas de poder e as epistemoloxías, algo que considera “fundamental”, para comprender a relevancia que o propio tema ten á hora de falar de por que se escriben tan poucas teses en galego. “Unha das hexemonías que tende a pasarnos desapercibida pero que persoas galegofalantes experimentamos cada día é a hexemonía lingüística”, subliña a investigadora, que fai fincapé en que a sociedade obriga de formas moi sutís (“e outras non tanto”) a aceptar certas linguas como "útiles" e outras desbotalas como non útiles. “Os prexuízos contra o galego nese sentido son cada vez máis fortes, enraizados nunha xenofobia vella que se anova cos discursos centralizadores españolistas recentes e a redución de feito dos dereitos das persoas galegofalantes (redución do galego no ensino, represalias por falar galego en contextos laborais, etc).”, recalca Reimóndez.

“Os prexuízos contra o galego son cada vez máis fortes, enraizados nunha xenofobia vella que se anova cos discursos centralizadores españolistas"

Desde o punto de vista desta autora, escribir unha tese en galego é falar en contra desas hexemonías e reafirmarse no feito de que o coñecemento ten que facerse na lingua propia e enriquecer as comunidades que a alimentan. “O galego abre unha ponte entre a universidade e a cidadanía falando na súa lingua ás persoas que moitas veces teñen interese nos temas pero que se lles esixe dominar linguas foráneas para entendelos. Democratiza, se queremos, o coñecemento e faino accesible para todas as persoas que a fin de contas financian cos seus impostos as nosas universidades públicas”, recalca Reimóndez.

DAMIÁN COPENA

No caso do economista Damián Copena, autor dunha tese na que analizou o impacto socioeconómico dos parques eólicos no mundo rural galego, realizar a tese en galego foi algo que nin sequera meditou. “Para min é algo natural, o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica e, desde o meu punto de vista, debería ser normal o desenvolvemento de traballos de investigación nesta lingua”, subliña o investigador, que fai fincapé en que para un galegofalante non hai idioma no que se sinta máis cómodo investigando e facendo ciencia que o seu propio, “sen que isto supoña un límite á divulgación dos meus traballos de investigación noutras linguas diferentes”, recalca.

“O galego é unha lingua tan válida como calquera outra para a investigación científica"

XURXO MARTÍNEZ

Licenciado en Filoloxía Galega, Xurxo Martínez considera “obvios” os motivos polos que se decidiu a facer a tese de doutoramento en galego. “Penso que unha das principais razóns polas que hai tan poucas teses en galego é porque a lingua maioritaria na docencia na Universidade segue a ser o castelán”, subliña o investigador, ao que engade outra reflexión “non todo o mundo está disposto a facer o esforzo de traducir apuntamentos, lecturas, resumos ou traballos do castelán ao galego”.

“A lingua maioritaria na docencia segue a ser o castelán”

Ademais disto, recalca tamén que o propio modelo educativo, dende os primeiros anos, tende a situar o castelán como primeira lingua no ensino. “Por este motivo cómpre ser ambiciosos no programa lingüístico na escola e universidades públicas”, recalca González.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 Galegus

Cando algúns que teñen coñecementos suficientes publican teses en inglés, faime moita graza que se diga que o galego é tan útil como calquera outra lingua para a investigación científica. Gustaríame saber tamén canto cobraron por publicar a tese en galego. Nos TFM eran 150 euros. Sen esquecer que por estar escritas en galego publicábanse tese impublicables en castelán.

1 Montesío

Estou desexando ler a túa utilísima tese en castelán.

2 teutonio

Non me digas!!! Acabo de publicar un TFM en inglés, de sabelo teríao feito en galego!!! Ou igual é unha lenda... unha universidade reservando 75000 euros mínimo (500 estudiantes por ex.) pra financiar iso...

3 nostrus

Algo que non aturo é que se me intente demostrar que o galego é tan útil como o español, pero vamos, que o sigan intentado que sempre hai quen pica.

1 teutonio

Algo que non aturo é que veñan pailáns que na vida colleron un libro ou leron un paper en inglés, falando da un utilidade do galego no mundo académico e comparándoo co castelán cando este é pouco relevante e a nivel non local so conta o inglés.

2 Farta

Doutoras non hai non???

1 Bufffff

O galego apenas ten cultura escrita, carece en absoluto de ciencia e técnica, conta cun vocabulario limitado, asi que opoñelo ao español é tanto como defender o atraso e a ignoracia. Queren q a xente pase traballos e entre un carro e un tractor a xente prefire tractor. Uns promocionan o galego pq un pobo atrasado e iignorante é moito mais doado de manipular. Outros o promocionan pq defenden o seu cuiño, as subvención, os postos de traballo inútiles onde poden enchufarse e facer q fan a pracer. Estes adoitan ser, como dirían os anarkas, uns ultramarxistas que non cren na liberdade individual, tratan á sociedade como masa homoxénea e non lles collería unha palla polo cuiño se nos arrastraran á escravitude cos grilletes das súas paranoias marxistas. Adoitan ser tamén independentarras, e queren botar de Galicia todo aquelo que nos vincule ao resto de España. Vaian tomando unha tiliña q a evolución da humanidade e o progreso son imparables

1 teutonio

Opoñelo ao español???!, ti toleaches!?, será opoñelo ao inglés homiño, no mundo académico non saber inglés e non publicar nesta lingua limita moito... hai que ser moi paduano pra non saber isto. BTW, hai ciencia e técnica e teñen vocabulario en estonio, letón, esloveno, albanés, maltés ou dinamarqués?

2 Bufffff

¿E en guaraní? ¿Tamén nonsi? Sodes a ostia kolegas ¿Como era aquelo? Xa lembro: Todo por la pasta, snif, snif, todo por la nariz... Canto mantén a fariña... de pescado, por suposto.

3 teutonio

Estasme a acusar sen me coñeceres de nada de cobrar diñeiro público? Viaxa máis e aprende linguas paduano, e se che sobra tempo pasa pola universidade