Ethel Vázquez critica que o Concello de Ferrol rexeite sumarse ao programa de vivendas desocupadas

A conselleira asinou a adhesión ao programa de Ares e censura que Ferrol non o faga porque ofrece "solucións reais a problemas reais"

| 27/07/2016 | Actualizada ás 20:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, lamentou a ausencia este mércores do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, durante a sinatura do convenio de adhesión ao programa de vivendas desocupadas co Concello de Ares, que rubricou esta mañá xunto ao seu rexedor, Julio Iglesias.

"Gustaríame que na mesa de hoxe tamén estivese o alcalde de Ferrol", explicou Ethel Vázquez, quen asegurou que o edil ferrolano "rexeitou o programa", aínda que engadiu que "agardo que solicite a súa incorporación" porque o programa achega "solucións reais a problemas reais".

O obxectivo deste programa, que a Xunta desenvolve xunto ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), é crear unha bolsa de vivendas desocupadas para destinalas a alugueres sociais.

Deste modo, fixarase un prezo máximo do aluguer en 300 euros, aínda que a contía determinarase baseándose nas características do inmoble e á situación particular dos beneficiarios.

Ademais, estas residencias --que se incorporan voluntariamente mediante a súa doazón dende organismos particulares ou empresas-- estarán aseguradas pola Xunta de Galicia mediante un seguro 'multirrisco' e outro de garantía de cobramento do aluguer, con asistencia e defensa xurídica.

Coa adhesión do Concello de Ares xa son oito os municipios galegos que o integran, algo que Vázquez cualificou de "grande importancia", xa que supón a posta en marcha nunha nova localidade que o converte no "primeiro concello da área de Ferrol" dentro do programa.

CONVENIOS CON ENTIDADES FINANCEIRAS

Entre as doce medidas do programa, dende a Xunta de Galicia tamén puxeron en marcha un convenio con Sareb e distintas entidades financeiras --como Abanca, Caixa Rural, Sabadell e CaixaBank-- polo que as entidades comprometéronse a destinar 240 vivendas baleiras para familias con dificultades.

Ademais, segundo anunciou a conselleira, coa sinatura deste convenio, as entidades comprometéronse tamén a non botar a ninguén da súa vivenda por non pagamento da hipoteca" e, explicou, poderán permanecer na mesma residencia pagando "un aluguer social entre cero e 75 euros".

LOITA CONTRA OS DESAFIUZAMENTOS

Ethel Vázquez destacou que o programa 'Fogar nas túas mans' é un dos máis importantes que leva a cabo a Xunta de Galicia e recordou que a valedora do pobo, Milagros Otero, destacou no seu informe anual do ano 2015 que "somos a administración autonómica máis ambiciosa en medidas antidesafiuzamento".

O programa contén un total de doce medidas e a última delas correspondería co apartado de vivendas desocupadas, ao que esta mañá se sumou o Concello de Ares. Segundo explicou Vázquez, estas medidas "compleméntanse unhas a outras" e son para dar "solucións reais ás familias necesitadas en materia de vivenda".

A XUNTA COS REFUXIADOS

A conselleira explicou que algúns deses inmobles cedidos por entidades bancarias son as que puxeron a disposición da Cruz Vermella en Sarria para acoller este martes as dúas familias de refuxiados sirios que chegaron a Galicia.

Ademais, dende a consellería de Política Social, Rei Varela, informou que coa chegada de ambas as dúas familias "xa se activaron os protocolos de actuación" entre as diferentes consellerías, para garantir o seu acceso á sanidade e a que os nenos se escolaricen cando empece o curso.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta