“Para estar no mundo os galegos precisamos reivindicarnos; non é nacionalismo, é sentido común”

Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), fai nesta entrevista un balance dos 25 anos de actividade deste laboratorio de ideas, dos retos de futuro, da situación de Galicia no mundo e dalgúns dos acontecementos e fenómenos internacionais de actualidade máis importantes e que nos afectan nun mundo globalizado.

Por Alberto Quian | Pontevedra | 29/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O 10 de setembro de 1991 nacía o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, un laboratorio de ideas dedicado á investigación dos acontecementos internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo en todos os dominios. Co gallo deste aniversario, a organización fai balance destes anos na revista Tempo Exterior, dirixida por Xulio Ríos, no seu Nº 32, e tamén en GC, nesta entrevista co director do IGADI na que repasamos a actividade deste centro e os seus retos de futuro, ademais do papel que pode asumir Galicia nun mundo globalizado e os efectos no noso país dalgúns dos fenómenos e acontecementos internacionais máis salientables da actualidade.

Xulio Ríos
Xulio Ríos | Fonte: Mónica Patxot.

- A primeira e obrigada pregunta é que balance fai destes 25 anos do IGADI.

- Pois un balance realmente desigual. Algunhas cousas conseguíronse, pero o exterior segue a ser unha anécdota na axenda política galega asociada a un debate de moi baixo perfil. As cousas en Galicia avanzan moi lentamente en relación á velocidade exhibida noutras partes. Estamos afeitos a ser corredores de fondo, pero non me sinto especialmente satisfeito.

- E que tarefas teñen para os próximos 25 anos?

- Basicamente, pular porque Galicia non se quede atrás neste aspecto, que é o que está pasando nos últimos tempos con tanto afán de presentarnos ante Madrid como “non problemáticos” –en vez de aproveitar as boas conexións para influír e lograr un cambio de orientación– e tanta desidia cívica que considera todo isto pouco menos que un desbalde.

Xulio Ríos, no I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra
Xulio Ríos, no I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra | Fonte: IGADI.

"Ser independente implica tamén quedar sen padriños, ao estar fóra dos clans, e iso resta tamén complicidades nunha sociedade tan clánica como a nosa".

- Está unha institución como o IGADI exposta a presións dalgún tipo?

- Algunhas ten habido, pero dende o primeiro momento quixemos deixar clara a nosa opción de independencia. Isto implica tamén que quedas sen padriños, ao estar fóra dos clans, e iso resta tamén complicidades nunha sociedade tan clánica como a nosa. Xa o dicía Pérez-Barreiro, a independencia ten un prezo e hai que estar disposto a pagalo. Pero a independencia e a pluralidade son valores esenciais e debemos conseguir que o poder e a sociedade así o recoñezan. 

- O IGADI foi fundamental para crear en 1997 unha rede municipalista como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Conectounos máis e mellor co resto do mundo e con nós mesmos?

- Penso que neste sector concreto contribuíu a abrir unha fiestra de especialización mais acorde cos nosos intereses estratéxicos, evitando mimetismos absurdos. O Fondo demostrou que con pouco se pode facer moito, que a cooperación internacional comeza aquí; salientou a importancia de sumar desde a pluralidade e tamén que é posible idear modelos propios que hoxe son referencia en boa parte de Europa, onde nós mesmos axudamos a construílos, comezando polo veciño Portugal.

-Outro logro do IGADI foi a creación do Observatorio da Política China. Hai dez anos, nunha viaxe a aquel país, un profesor de universidade definiume o sistema chinés como “capitalismo primitivo” e “socialismo de mercado”, no que “o único que queda do comunismo é o unipartidismo”. Está de acordo?

- Si e non. Hai moitas Chinas en China en todos os aspectos e todas elas están en transición. Hoxe é un híbrido sistémico (unha economía con mercado –e Plan–, un pretendido Estado con dereito –mais preto do lexismo que da división de poderes, claro está–…) cunha forte compoñente nacionalista. O Partido Comunista aínda conta con dous elementos substanciais aos que non vai renunciar doadamente: unha base económica asentada nos sectores estratéxicos e un exército propio. Hoxe aspira a conformarse como a primeira dinastía orgánica da milenaria civilización chinesa.

- É China un Estado totalitario?

- No sentido do totalitarismo que asociamos cos vellos sistemas do socialismo real, poñamos por caso, non o é. Hai unha evolución evidente. Do punto de vista político é un sistema autocrático que busca mecanismos de renovación da súa lexitimidade procurando culminar o proceso de modernización iniciado no século XIX, recuperando a grandeza perdida, mellorando as condicións de vida da súa avultada poboación e alargando as posibilidades democráticas (democracia consultiva, deliberativa, etc). Unha democracia pluralista non figura na axenda política actual, pero si unha vocación regulatoria que reforce o sistema. Tampouco cabe imaxinar unha volta ao pasado totalitario, pero si un teimudo afán de permanencia mediante a actualización histórica do vello mandarinato e un discurso ideolóxico que bebe en diferentes fontes (desde o marxismo ao confucianismo).

- O IGADI tamén creou o Observatorio Galego da Lusofonía, OGALUS. Estamos agora máis preto dos países lusófonos do que o estabamos hai dúas, tres ou catro décadas?

- Coido que si e, ademais, transcendendo o debate lingüístico, o cal é indispensable, porque aínda sendo importante, é moi reducionista. Unha Galicia intelixente reivindicaríase ante España como a canle idónea de aproximación ante toda esa área xeopolítica que inclúe a un país BRICS como Brasil. Pero aquí hai aínda moita retórica e pouca substancia e en Madrid, moita cegueira e incompetencia. E perdemos capacidade interlocutora por non facela valer.

"Unha Galicia intelixente reivindicaríase ante España como a canle idónea de aproximación ante toda esa área xeopolítica que inclúe un país BRICS como Brasil".

- Que papel lle corresponde e ten que xogar Galicia no escenario internacional e cal é o papel real que desenvolve?

- Galicia é unha autonomía no mundo, un país con identidade propia pero con baixa autoestima. Se non recoñecemos nin damos valor ás nosas singularidades, pouco podemos contar, porque no mundo de hoxe o que importa é achegar ao común e global desde a reivindicación da diversidade. A nosa dimensión atlántica, a nosa cultura, a nosa diáspora, por exemplo, son pancas que deberían servirnos para proxectarnos no mundo. Ao igual que a propia autonomía e un sistema político dotado de catro poderes que nin nós mesmos recoñecemos como tal. Para estar no mundo precisamos reivindicarnos. Non é un desafío, é unha obriga. Non é nacionalismo, é sentido común.

- Temos algunha vantaxe competitiva?

- Atreveríame a dicir que moitas das nosas singularidades son vantaxes a pouco que tomemos conciencia delas e habilitemos estratexias para desenvolvelas. Se nos apoiamos nelas, gañaremos; se queremos imitar a outros, fracasaremos. Non é un afán de confrontación con ninguén. Plácido Castro gababa a monarquía británica porque sabía exaltar a diferenza; na Península segue primando o enfoque da uniformidade e contémplase a diversidade como un problema maior. Tomemos un par de exemplos “menores”. Baiona  foi o primeiro punto de Europa que tivo coñecemento do “éxito” da viaxe de Colón e esa anécdota podería levala a ser a capital euroamericana por excelencia; non obstante, conformámonos cunha festa pseudo-histórica sen maior valor engadido. Galicia podería ser a auténtica bisagra da área iberoamericana. Mesmo a desgraza do Prestige podería converter a Galicia nun referente da diplomacia de desastres. Pero para moitos isto non sería mais ca unha ocorrencia. Sen vontade, non hai camiño, di un refrán chinés.

- Por que Galicia segue sendo unha das autonomías de España que menos interese suscita no exterior? Refírome, por exemplo, a que está á cola en estudantes, residentes, turistas e investimentos estranxeiros.

- Son dimensións diferentes e as causas tamén poden selo. Nestas cuestións hai que fiar moi fino e diferenciar a nosa oferta. Todo o mundo, por exemplo, quere captar estudantes chineses. Eles pensan en España coa vista posta en América Latina (por si soa, España representa pouco para China). Pois Galicia é quen está en mellores condicións para achegalos ás dúas linguas de uso nesa área. Se nós lles ofrecemos a posibilidade de acceder a dúas linguas que lle abren as portas de toda América Latina, iso pode ter un interese adicional e ninguén mais no Estado pode ofrecelo en idénticas condicións. Se non o facemos así, a nosa competitividade mingua. Por outra banda, nós temos un programa coa Academia de Ciencias Sociais da China de intercambio de experiencias autonómicas e Galicia, nese eido, é coñecida e provoca interese, máis ca outras autonomías. Outra cousa é que tiremos diso suficiente partido. Non é o caso por unha absurda decisión política institucional produto dos tempos que corren, moi recentralizadores.

- Como é vista Galicia no eido dos estudos internacionais?

- O seu peso é pouco significativo. Hai persoas, hai liñas de investigación de certa relevancia, pero como comunidade o mellor reflexo é a situación dos estudos internacionais no noso sistema universitario. Estancamento e pobreza absoluta fronte ao dinamismo das universidades da nosa contorna. Un panorama pouco alentador que reclama unha intervención decidida e urxente.

- Cales considera que foron, a nivel de política exterior, os grandes acertos e os grandes erros de Galicia dende a chegada da democracia?

- Houbo mellores e peores momentos, pero creo que política exterior propiamente dita nunca houbo. Desde que en 1933 Plácido Castro abordou por primeira vez esa cuestión, seguimos dando voltas ao mesmo. Ten habido formulacións, pero escasa aplicación. Ese é o noso maior lastre. Temos instrumentos para estar na vangarda, pero gardámolos no caixón.

- Necesitaría Galicia un modelo de ‘embaixadas á catalana’?

- O que necesitamos é desenvolver unha acción exterior seria. O outro é instrumental. Na hora de reducilo todo ao mundo empresarial, tampouco ten sentido facer o que se fixo: privatizar a rede de oficinas económicas no exterior vendéndonos a descapitalización do público en nome da eficiencia para acabar todo como está, a piques da desfeita. Alguén asume responsabilidades? Alguén as reclama? Non debemos imitar, debemos ter en conta todas as experiencias, pero tomar decisións en función do que nós somos.

"Un dos valores esenciais de Galicia é a súa diáspora e o capital relacional que incorpora. Debería ter unha circunscrición electoral propia onde puidesen elixir e ser elixidos".

- Segue sendo importante o voto e a influencia da comunidade emigrante nos asuntos domésticos de Galicia?

- Coido que minguou e iso é un erro estratéxico importante, porque esta é unha das singularidades onde debiamos facernos fortes. Imos na dirección contraria. Un dos valores esenciais de Galicia é a súa diáspora e o capital relacional que incorpora. Deberiamos deseñar unha circunscrición electoral propia onde puidesen elixir e ser elixidos.

- Como está observando o fenómeno da nova emigración causada pola crise económica que afecta a miles de mozos de Galicia e do resto de España? Que efectos agarda que teña?

- É evidente que xera unha descapitalización social importante, pero pode ter retornos de valor sempre e cando arbitremos políticas para iso. Neste momento, non as hai.

- Como interpreta o auxe do discurso antiinmigrantes en Europa e que debe facer a Unión Europea para frear estas correntes xenófobas e racistas que están gañando forza social e política?

- O fenómeno é inseparable do devalar europeo. Se as políticas económicas e sociais foran outras, probablemente a incidencia destes fenómenos sería menor. Lamentablemente, dada a insistencia na construción dunha Europa sen sensibilidade social, no sentido inverso á súa propia tradición, esas tendencias irán a máis.

- No caso do terrorismo global que nos golpea, unha das preguntas que se están facendo moitos estudosos e activistas é se é necesario reducir liberdades e perder privacidade individual para conseguir máis seguridade colectiva. Cal é a súa opinión?

- Creo que é un debate vello e interesadamente incompleto. O debate esencial e pendente é a capacidade de Occidente para facer autocrítica respecto a algunhas políticas recentes. Sabendo o que hoxe sabemos, é incrible que os responsables últimos de tanto sufrimento provocado en Iraq campen ás súas anchas. Podemos dicir tamén Afganistán, Libia ou Siria. Se queremos mellorar a seguridade en Europa, Europa debe cambiar a súa política exterior. Mentres persistamos nos erros do pasado, o efecto boomerang é inevitable. E, lamentablemente, pagarémolo todos. 

- Que análise fai do auxe de Donald Trump en Estados Unidos e de que xeito o que suceda nas eleccións á Presidencia estadounidense pode afectarnos en Galicia?

- É unha expresión máis do descontento da cidadanía fronte á escasa utilidade da política en mans dos políticos tradicionais. Non é que Trump aposte por sociedades menos desiguais, pero el di o que pensa –cousa non de todo certa– e outros menten con teimosía –bastante certo– sen que ao elector lle quede outra opción final que a frustración (ou a violencia que xorde da impotencia). O modelo de democracia que queremos impoñer a tiro limpo noutras partes do mundo vaise acreditando como un bo sistema para os poderosos que inflan as súas fortunas, pero incapaz de satisfacer as demandas das maiorías sociais. Dá igual o que votes, nada cambia porque manda o mercado. Cada vez hai máis desafección e iso exprésase con sufraxios de protesta desorientada, porque non hai alternativas coa suficiente audiencia, clareza e poder de transformación. Trump pode gañar e as consecuencias son imprevisibles. Indubidablemente, hai moitos poderes fácticos en Estados Unidos –comezando polo complexo militar-industrial– con capacidade para influír no comportamento presidencial; non obstante, do seu programa só temos algúns indicios. Sexa o que for, terá consecuencias para todos en todo o mundo, nós incluídos. Somos parte, e non simbólica, do imperio. Obama deixouno claro na súa recente visita.

- E no caso do Brexit, a quen debe preocupar máis, aos galegos residentes no Reino Unido ou aos galegos residentes en Galicia?  

- Debe preocuparnos a todos, pero sen entrar en pánicos inxustificados. Hai un horizonte por diante mais ou menos dilatado onde se atemperarán moitos efectos na xestión da letra pequena. O problema maior é o futuro de Europa no seu conxunto. Trala fin da Guerra Fría foi desprendida dos fundamentos que lle procuraban sentido. Necesitamos máis Europa, pero doutra Europa. A historia recente demóstranos que os pasos atrás son posibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sarto

Gústame o que di. Parece "normal". O que non sei é cantos "normais" haberá no noso país. Máis ben deben ser poucos. Ou independentistas que non hai quen os ature ou de PODEMOS, que é a pior lacra que se viveu en moito tempo para un galego que cre na Galiza e nos galegos. Todos sabemos que PODEMOS ten tanta forza no noso país porque o nacionalismo tamén ten pouca forza. Son directamente proporcionais.