Temas: CLIMA

Xullo, un dos meses máis secos en Compostela nos últimos 35 anos

Os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, confirman que estamos ante un dos períodos con menos choiva na capital galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/07/2016 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

O mes de xullo, a piques de rematar, xa é un dos máis secos dos últimos 35 anos, segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A precipitación total foi de 1,2 litros por metro cadrado, cantidade toda ela rexistrada na noite do día 21 ao 22, concretamente entre as 3.00 e as 5.00 horas.

Estación Meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, no Campus Vida da Universidade de Santiago
Estación Meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, no Campus Vida da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Xullo é o mes estatisticamente máis seco na cidade do Apóstolo e na súa contorna, aclara o director do Observatorio Ángel Docobo Durántez. Coas cifras na man, Docobo apunta que existen numerosos meses de xullo con moi baixa precipitación (en torno a 15 l/m2) e mesmo casos de meses sen precipitacións, como en 1974 ou 1981, neste último non se rexistraron nin en xullo nin en agosto (no aeroporto 6,9 en xullo e 0,2 en agosto). 

Os datos rexistrados ata agora no presente mes repiten as condicións de 1986, 1993 e 1998 e case as de hai 35 anos. Fóra desta época do ano, José Ángel Docobo explica que outro mes sen chuvia foi marzo de 1997, “con só dúas xornadas de choiva inapreciable”. Lembra o director do Observatorio que este fora o mes no que foi visible “o último gran cometa, Hale Bopp, que puido ser contemplado todos días daquel marzo e parte do mes seguinte”. 

Sen chegar a un nivel de precipitacións cero, nos últimos anos un número destacado de meses rexistran precipitacións moi escasas:  

Febreiro de 2004. Cantidade de choiva: 14,9 litros/m2. Días de choiva: 5 + 2 ip 
Maio   1987.  4,2 l/m2 (2 + 1 ip) 
Xuño   1996.  8,0 l/m2 (4 + 1 ip) 
Xuño   2006.  8,9 l/m2 (6 + 1 ip) 
Xuño   2011.  6,6 l/m2 (5 + 5 ip) 
Xuño   2015.  8,1 l/m2 (4 + 2 ip) 
Xullo  1984.  4,7 l/m2 (6 + 1 ip) 
Xullo  1986.  1,8 l/m2 (2 + 3 ip) 
Xullo  1992.  2,0 l/m2 (2 + 0 ip) 
Xullo  1993.  0,9 l/m2 (3 + 2 ip) 
Xullo  2015.  6,0 l/m2 (6 + 5 ip) 
Agosto 1990.  8,4 l/m2 (3 + 2 ip) 
Agosto 1998.  1,0 l/m2 (1 + 0 ip) 
Agosto 2010.  8,2 l/m2 (8 + 0 ip) 
Setembro 1989.  7,1 l/m2 (3 + 1 ip) 
Outubro 2007.  2,6 l/m2 (5 + 0 ip) 
Decembro 1988. 14,7 l/m2 (5 + 1 ip) 

(‘ip’ significa inapreciable) 

No caso contrario, a aqueles meses con precipitacións diarias, o profesor Docobo sinala novembro de 1997 (429,5 l/m2), decembro de 2000 (782,1 l/m2) e, en 2014, xaneiro (498,7 l/m2) e febreiro (441,2 l/m2), informa a USC.

Temas: CLIMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta