GC Aberto

Segunda oportunidade da esquerda ou terceiras eleccións

O procesamento xudicial do PP pecha definitivamente o acceso de Rajoy á investidura, e se tal impedimento non é remediado en emerxencia polas forzas políticas situadas na súa contra concertando un goberno de progreso, farase improbable impedir por terceira vez consecutiva o encontro coas urnas

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 29/07/2016

Comparte esta noticia

Cando a continencia verbal debese acompañar o proceder dos membros do PP ante o auto no que se procesa ao seu partido pola destrución dos discos duros dos computadores usados polo seu ex tesoureiro, a reacción lonxe de cinguirse a recorrer a súa desconformidade por conduto  regrado, foi saír en tromba para insinuar a existencia de graves  infraccións no auto do proceso penal. 

 

Sendo así como  mentres  a  ex presidenta do Parlamento   Celia Villalobos nun exceso oral non reparaba o mais mínimo en sementar dúbidas sobre a imparcialidade da xuíz do caso,  o propio ministro  de Xustiza en funcións, Rafael Catalá,  poñéndose estupendo e esquecéndose  do cargo que ocupa,  arremetía contra a maxistrada  cuestionando a súa decisión  ao manifestar publicamente que os feitos de borrado de probas incriminatorias   non  revisten  transcendencia penal.

 

Esta actitude de "desenfreo explícito" contra a acción da xustiza  pon de manifesto  as dúas sensibilidades dispares sustentadas polo PP en función a ser suxeito ou non de encausamento, un dobre formato de comportamento ante as decisións da xudicatura, cuxa posición, transita do ataque á esixencia  de cumprimento,  dependendo, se os efectos  da súa repercusión menoscaban a súa propia esfera de intereses ou só causan prexuízo en terceiros.

 

Inadmisíbel comportamento da formación azul, quen postulándose para Gobernar España, con esta nova causa é procesada por segunda vez pasando a converterse no primeiro partido político imputado da historia da democracia, co paradoxo engadido de verse obrigado a probar  o seu propio medicamento ao estrear  o novo Código Penal  que aprobara no seu día o Executivo de Rajoy introducindo referencia expresa de responsabilidades penais dos partidos  políticos por presuntos actos delituosos perpetrado no seu seo, como agora  resulta ser o presente  caso

 

Aínda cando o auto pode ser recorrido, a inmediata comparecencia  en sede parlamentaria do Presidente en funcións e máximo mandatario do PP,  é  un requisito de esixencia democrática cuxo cumprimento toma maior forza se cabe despois de ter aceptado  do Rey o encargo de formar goberno.

 

Pois resulta obvio que antes da  hipotética celebración do debate de investidura, nesta arrevesada situación,  o nominado, deba  dar  conta ao Parlamento das responsabilidades políticas que vai asumir en relación   á causa aberta ao partido  da  súa presidencia  por causa  do auto ditado pola titular do xulgado de instrución número 32 de Madrid, e en motivo á negativa influencia de tal eventualidade na conformación  dun novo Executivo; sendo que por iso non caiba a efecto algún manobras de subterfuxio institucional como as empregadas  de  forma reiterada  na  pasada lexislatura. 

 

Se a complexidade da situación xa estaba servida, o novo escándalo xerado polo procesamento do PP exerce como factor discordante  que  vén sumar maior escuridade  á investidura de Rajoy, ata o extremo que si para esquivar a celebración  de novos comicios barallábase como  saída á encrucillada o mal menor dun goberno en minoría da formación conservadora, como consecuencia da expresada continxencia  tal  formulación perdeu   toda base  argumental, tendo en conta que  o cuantitativo dos apoios ou abstencións necesarias para a súa consumación, polo acaecido, viuse alterado no substancial perdendo politicamente  toda probabilidade  de culminación, acentuándose deste xeito  a situación de barullo  e ingobernabilidade.

 

Por iso é polo que o  auto coñecido o pasado martes,  ao detonar en pleno proceso de formación de Goberno,  non só  obstaculiza a súa configuración, senón que descapitaliza ao Partido Popular de toda solvencia  para conducir o futuro do país, ademais de cuestionar a lexitimidade dos resultados acadados por esta formación nos últimos comicios ao devaluarse desde  entón  pola devandita causa, as características do perfil electoral que facilitaron a súa consecución.

 

Aspectos todos eles que no seu conxunto sitúannos nun delicado escenario,  que lonxe de favorecer a articulación de solucións  de futuro condúcennos á  paralización  e ao estancamento; impedimento que ten por única  solución  o borrón e conta nova mediante a recondución e axuste da situación ao novo contexto, por non ser nin serio nin recomendable depositar a confianza de gobernabilidade do país, a quen na súa  deriva non dubidou en converter ao seu propio  partido  no peor referente do facer político e da degradación institucional.

 

Por iso, á vista do novo escándalo xudicial e ao rexeitamento da gran maioría do resto do Parlamento, o  hipotético goberno en minoría do  PP mais que ser o mal menor, toma corpo de quimera, xerando con iso unha situación extrema  que se as forzas políticas situadas na súa contra non o remedian articulando  en emerxencia unha  alternativa de goberno, contrariamente ao recomendable, repetir as eleccións por terceira vez será totalmente irremediable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta