A Deputación de Pontevedra emite dous informes nos que expresa as súas dúbidas sobre a fusión de Cerdedo e Cotobade

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes o informe preceptivo pero non vinculante respecto ao proceso de fusión voluntaria iniciado entre os concellos de Cerdedo e Cotobade que elaboraron o Secretario de Pleno e o Interventor, e que o goberno provincial (PSdeG-BNG) acompaña cun informe político. En ambos os dous escritos fanse constar as dúbidas sobre a fusión.

PONTEVEDRA | 29/07/2016 | Actualizada ás 17:08 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este martes o informe preceptivo pero non vinculante respecto ao proceso de fusión voluntaria iniciado entre os concellos de Cerdedo e Cotobade que elaboraron o Secretario de Pleno e o Interventor, e que o goberno provincial (PSdeG-BNG) acompaña cun informe político. En ambos os dous escritos fanse constar as dúbidas sobre a fusión.

A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recoñeceu que estes informes "non implican absolutamente nada", xa que non son vinculantes e porque entende que a Xunta de Galicia "xa o tiña todo decidido o día en que se fixo o anuncio, antes de que se iniciase o procedemento". En todo caso, quixo que "quede constancia" das "dúbidas" polo "que poida acontecer no futuro", dixo a presidenta.

En resumo, Carmela Silva explicou que, con estes informes, o goberno provincial "fixa a súa postura", porque "non quere ser cómplice" deste modelo de fusións "ad hoc" no que nin sequera existen "análises serias".

INFORME POLÍTICO

Respecto ao informe político, elaborado polo goberno da Deputación, critícase a inexistencia dun "proxecto global para toda Galicia" e recórdase que os concellos teñen "un serio problema de financiamento" ante o que entenden que "a solución non pasa por fusións diversas", senón por un Plan que garanta que esas unións van supoñer unha mellora nas prestacións de dereitos e servizos para a cidadanía.

Ademais, chaman a atención do goberno provincial os criterios desta fusión voluntaria entre Cerdedo e Cotobade, "cando hai outros municipios limítrofes que comparten maiores niveis de interconexión" polos seus límites, servizos sociais, servizos comúns ou aforro económico, entre outros argumentos "que non se tiveron en conta".

Tamén se critica que ao longo deste proceso non se tivese en conta a opinión nin doutros concellos, grupos políticos nin dos colectivos veciñais, que formularon a "imposibilidade" de estudar a información "polo seu volume e escaso tempo".

Neste informe político tamén reflicten as dúbidas sobre as consecuencias da fusión en canto ao mantemento dos equipamentos e servizos, ao futuro dos partidos xudiciais que non está resolto e tamén cuestionan a escasa información achegada neste proceso.

INFORME TÉCNICO

O informe técnico, pola súa banda, asegura que non consta que Cerdedo ou Cotobade realizaran estudios comparativos entre as diferentes alternativas de fusión con concellos lindantes, "co fin de instar á fusión coa mellor opción das legalmente posibles", xa que advirten que "as fusións espontáneas poden non ser as óptimas".

En todo caso, o informe sinala que o expediente de fusión cumpre con todos os requisitos legais para este tipo de procedementos e que o concello resultante, cos datos na man, conseguiría mellorar os seus ingresos ordinarios e reducir os seus gastos, podendo dedicar máis recursos á prestación de servizos públicos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta