Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 29/07/2016 | Actualizada ás 20:05
As deputacións da Coruña e Pontevedra, en senllas sesións plenarias, acordaron retirar os títulos honoríficos que ambas as institucións aínda tiñan concedidos a Francisco Franco.
En primeiro lugar, a corporación provincial de Pontevedra retirou a Franco o título de presidente perpetuo da Deputación tras ser así aprobado por aclamación durante o pleno ordinario celebrado este venres.
Na sesión, os membros da corporación, postos en pé, ratificou a retirada do nomeamento aplaudindo durante un minuto. Tras iso, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, (BNG) remarcou a importancia deste acordo que contribúe a recuperar a memoria histórica ao revogar ese nomeamento adoptado pola Deputación do 28 de agosto de 1952.
A proposta incluíu, ademais, a anulación doutros cinco nomeamentos: o acordo do 8 de xullo de 1950 polo que se nomea fillo predilecto da provincia a Calvo Sotelo; o do 9 de xullo de 1951 polo que se nomea fillo adoptivo a José Solís Ruíz; o do 30 de xaneiro de 1960 que concede a Medalla de Ouro da provincia a José Solís Ruíz; o do 25 de febreiro de 1973 polo que se nomeou fillo adoptivo a Pedro Nieto Antúnez; e o do 7 de marzo de 1973 polo que se concedeu a Medalla de Ouro á Sección Feminina da Falanxe e das Jons.
Xosé Leal aproveitou a ocasión para anunciar que, a finais de ano, o Pazo Provincial acollerá un Pleno Conmemorativo para "dignificar aínda máis ás vítimas do franquismo" e lembrar que nese edificio celebráronse xuízos sumarísimos como o que condenou á morte a Alexandre Bóveda e outros actos de represión. Ademais, a sede administrativa da Deputación, tamén en Pontevedra, foi utilizada como cárcere durante a ditadura. Será "un dous fitos máis relevantes do 'Ano da memoria'", dixo Xosé Leal.
Deste xeito, o goberno bipartito estuda a colocación dunha placa conmemorativa para que "as persoas que pasen por este Pazo saiban que ten un pasado escuro que non hai que esquecer" e para que toda a cidadanía sexa consciente de que tanto o Pazo Provincial como o edificio administrativo da Deputación situado tamén no Paseo de Montero Ríos "foron espazos de represión".
O deputado de Cultura mostrou a súa satisfacción ao reeditar a unanimidade coa que o pleno aprobou en abril unha moción previa sobre recuperación de memoria histórica e agradeceu, ademais, a proposta realizada polo deputado de Marea Vigo, Xosé Lois Jácome, sobre este asunto, que propoñía a retirada da Medalla de Ouro á Sección Feminina.
Debido ás obras no Salón de Plenos a sesión da mañá deste venres celebrouse na Sala de Xuntas, un espazo moi reducido que impide a presenza de público.
Pleno na Coruña
Pola súa banda, o pleno da Deputación da Coryña tamén acordou por unanimidade a retirada dos títulos honoríficos a Franco, coincidindo coa celebración do 80 aniversario do golpe militar que deu inicio á represión.
Así, tan só un día despois de que a Deputación da Coruña homenaxease ás corporacións municipais que foron vítimas da represión franquista, o pleno provincial ha acordado iniciar os trámites para retirásea das honras e distincións á persoa que "encabezou o golpe militar e converteuse no xefe do Estado da ditadura durante case 40 anos".
En concreto, o primeiro das honras a Franco foi aprobado no pleno da deputación do 15 de xullo de 1939, que decidiu outorgarlle o título de Fillo predilecto da Provincia, distinción á que seguirían outras como as de excombatente galego.
Ademais, na súa sesión deste venres, a institución provincial lembrou a "importancia" de seguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.