Podemos Galicia debate en Santiago como presentarse ás eleccións e se acudirá á asemblea das mareas do sábado

A Asemblea Xeral Galega de Podemos Galicia debate en Santiago de Compostela como presentarse ás próximas eleccións autonómicas previstas para outono e tamén se a dirección do partido acudirá este sábado á Asemblea Constituinte, que as mareas celebrarán en Vigo tras o impulso dado polos alcaldes para a posta en marcha da candidatura de unidade popular.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2016 | Actualizada ás 20:42 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Asemblea Xeral Galega de Podemos Galicia debate en Santiago de Compostela como presentarse ás próximas eleccións autonómicas previstas para outono e tamén se a dirección do partido acudirá este sábado á Asemblea Constituinte, que as mareas celebrarán en Vigo tras o impulso dado polos alcaldes para a posta en marcha da candidatura de unidade popular.

O encontro, ao que acudiron unhas 300 persoas, arrancou pasadas as 18,00 horas deste venres, momento no que a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, explicou aos medios que esta reunión é parte da "folla de ruta" de xornadas de participación comprometida no seu proxecto de Podemos Galicia de cara ás eleccións autonómicas galegas.

"Tal e como se decidiu pola maioría dos inscritos no mes de abril", recordou en referencia ás eleccións primarias nas que venceu á actual deputada de En Marea Ángela Rodríguez.

Así mesmo, tamén debaterán sobre a asistencia da dirección da formación en Galicia á Asemblea Constituite que as mareas celebrarán este sábado en Vigo, tras o impulso ao proceso dado polos alcaldes de A Coruña (Xulio Ferreiro), Ferrol (Jorge Suárez) e Santiago (Martiño Noriega).

DECISIÓNS "NON VINCULANTES"

Con todo, Carmen Santos recoñeceu que as conclusións que saian do encontro deste venres "non son vinculantes" aínda que si "significativas". E é que a decisión de como concorrerá Podemos Galicia aos comicios galegos sairá dunha consulta telemática que, inicialmente, a formación prevé celebrar esta fin de semana.

Todo iso, a pesar de que a dirección estatal de Podemos non convocará a pregunta que consensuou unha comisión do Consello Cidadán Autonómico de Galicia sobre as alianzas para as galegas ao non responder esta consulta aos documentos cos que a secretaria xeral da formación morada, Carmen Santos, se presentou ás primarias internas.

PANCARTAS

Ao encontro, varios militantes críticos acudiron con pancartas nas que se puideron ler frases como 'Podemos sen marea' ou 'Solos Podemos, na liña manifestada esta semana por militantes da corrente Xuntos Podemos que reclamaron en rolda de prensa "máis peso" se hai unha confluencia nas galegas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta