Urkullu condiciona os plans electorais de Feijóo

O lehendakari convoca os vascos ás urnas o 25 de setembro, un mes antes das datas que barallaba o presidente da Xunta para os comicios galegos. Cargos do PPdeG consultados ven "de sentido común" que ambas as dúas citas coincidan, pero matizan que a decisión última "é só de Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2016 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

A axenda do lehendakari Iñigo Urkullu está condicionando os plans electorais do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle gustaría, como a moitos do seu partido, facer coincidir os comicios galegos cos vascos. A data que se manexaba até o de agora para Galicia era arredor do 20 de outubro, pero Euskadi xa foi convocada ás urnas o 25 de setembro, un mes antes das datas que barallaba Feijóo. O presidente da Xunta foi informado polo propio lehendakari da convocatoria das eleccións autonómicas vascas. Urkullu asegurou que o mandatario galego aínda non decidiu o día das galegas, pero nas filas do PP o debate xa está aberto. Mudar os plans ou manter a data de outubro?

Iñigo Urkullu e Alberto Núñez Feijóo
Iñigo Urkullu e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Europa Press.

A decisión de Urkullu de informar a Feijóo débese a que ambos os dous dirixentes barallaron hai meses a posibilidade de celebrar os comicios de Euskadi e Galicia na mesma data, como aconteceu hai catro anos. O lehendakari explicou na súa intervención que Núñez Feijóo lle indicou que, no seu caso, non decidiu aínda o día das eleccións galegas, se ben Feijóo, até o de agora, mantivo outubro como mes para as eleccións.

Os populares galegos están expectantes e viven un clima de incerteza ante a decisión que poida adoptar o presidente da Xunta. Conscientes de que Núñez Feijóo é o que marca os tempos das súas decisións e de que é "moi celoso" das súas competencias, dirixentes consultados por Europa Press móstranse remisos a facer "porras" sobre a data que elixirá finalmente o dirixente popular, aínda que son varios os que se inclinan a pensar que fará coincidir ambos os dous comicios.

Entre os argumentos referidos para avalar esta "percepción", recórdase que o propio Feijóo manifestou reiteradamente —este mesmo venres insistiu na mesma idea— que el desexaría que ambos os dous comicios "coincidisen" como nas últimas convocatorias.

Tamén inciden en que, na actual conxuntura política estatal, e despois de dúas citas coas urnas, sería "máis difícil de explicar" á poboación convocar "cunha semana ou 15 días de diferenza". "É de sentido común, non lle queda outra", manifestou unha das dirixentes consultadas por Europa Press.

Optar por esta vía obrigaría a Feijóo a rectificar posto que, ata agora, apuntara a outubro, aínda que fontes do partido pregúntanse "que cambia" por unha semana e que sería máis lóxico: "Convocar para cinco días antes de outubro" (en 2012 foron o 20 do devandito mes) ou fixar dúas citas electorais en dúas comunidades con apenas uns días de diferenza.

Outros dirixentes, máis prudentes, sinalan que "nada cambiou" agás que Urkullu lle dá unha nova data posible a Feijóo. "Antes tiña catro domingos de outubro e agora ten cinco (un máis de setembro), o que lle dá é outra oportunidade, terá que velo e decidilo", esgrimiu un dos cargos consultados.

Feijóo, este mesmo venres, aínda sabendo que cabía a posibilidade do adianto de Euskadi, optou por asegurar aos medios que non había "novidades" e por ratificarse no dito na pasada xornada, cando apuntou a outubro, un mes ao que tamén sinalou o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, tras incidir en que son procesos diferenciados.

Non obstante, no PPdeG tampouco se obvia a idea de que fixar as eleccións o 25 de setembro axusta máis os prazos para uns rivais políticos inmersos en conflitos internos (no caso do PSdeG) e coa confluencia aínda pendente de pechar e de designar un candidato (as mareas).

Fronte a iso, os populares reivindican que están "preparados", que a súa maquinaria electoral está "ao cen por cen" e o programa en pleno proceso de elaboración.

Así as cousas, no seu partido todos volven os ollos cara a Feijóo, que, se finalmente decide seguir a corrente de Urkullu, informará previsiblemente ao seu Goberno o próximo luns, activando o calendario que obriga a que o Parlamento se disolva 54 días antes da cita coas urnas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta